As artes escénicas galegas cualifican as detencións de titiriteiros como "agresión á liberdade de expresión"

Representación de monicreques en Redondela CC-BY-SA HombreDHojalata

Sete das principais entidades profesionais do sector das artes escénicas e audiovisuais de Galicia veñen de facer público un comunicado no que amosan a súa solidariedade cos dous titiriteiros detidos o pasado venres en Madrid (postos en liberdade con cargos este mércores) e denuncian o sucedido como "un ataque sen precedentes" contra a liberdade de expresión. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Escena Galega (Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas), a Academia Galega do Audiovisual (AGA), Asociación Galega de Guionistas (AGAG), a Asociación de Festivais de Artes Escénicas de Galicia (AFEARTE), Crea (Asociación de directores realizadores de Galicia) e a Unión Internacional de Marionetistas-Galicia (UNIMA Galicia) piden a retirada dos cargos contra os detidos, acusados de enaltecemento do terrorismo.

Cualifican as detencións de "ataque sen precedentes que nos retrotrae a tempos supostamente superados e que resulta incompatible cos principios dunha democracia e dun sistema xudicial que debe salvagardar os dereitos fundamentais da cidadanía"

As sete entidades sinalan que a actuación policial e xudicial supón "unha agresión á liberdade de expresión non só dos/as creadores/as e artistas, senón do conxunto da nosa sociedade" e "un ataque sen precedentes que nos retrotrae a tempos supostamente superados e que resulta incompatible cos principios dunha democracia e dun sistema xudicial que debe salvagardar os dereitos fundamentais da cidadanía".

Cualifican de "debate secundario e mesmo anécdotico" as cuestións sobre "a conveniencia desta peza para un público infantil, o erro que supuxo a súa programación e a esixencia de responsabilidades políticas por tal equívoco" e salientan que "a gravidade dos feitos radica no intento de vulnerar a liberdade de expresión xeral" e tamén no "acoutamento do feito artístico nas súas principais funcións: a de reflectir o estado das cousas, o respirar da sociedade, cuestionar os mecanismos de poder e poñer o foco sobre as principais problemáticas dunha sociedade".

E conclúen que todo o sucedido semella "un intento para fomentar a autocensura nun estado de medo previo e de deformar a básica diferenciación entre ficción e realidade, distorsionando os discursos e desprezando o pensamento da sociedade-público, coma se a cidadanía fose incapaz de comprender que se un autor/a decide reflectir na súa obra un feito execrable e violento non é porque estea a defender tales accións".

Conclúen que todo o sucedido semella "un intento para fomentar a autocensura nun estado de medo previo"

"Elimínase así a reflexión, limítase o pensamento crítico e apóstase, unha vez máis, pola indesexable despolitización da cultura, querendo reducir as obras creativas unicamente a simple entretemento, de humor branco ou de  nula implicación social. Exíliase así o cuestionamento de segundo que aspectos da sociedade, arrédase dese xeito calquera disidencia ou pensamento diverxente e elimínase a sátira", engaden.

 

Concentración, esta tarde en Compostela

A CNT convocou unha concentración (este mércores ás 20 horas na Praza de Cervantes) para manifestar "o apoio e solidariedade" cos membros da compañía Títeres desde abajo. "Nin esta obra é para nenos, nin se enaltece o terrorismo. A obra é unha simple sátira social que, en diferentes versións, leva sendo representada desde hai máis de 200 anos, non unha incitación ao odio", sinalan.

 

Representación de monicreques en Redondela CC-BY-SA HombreDHojalata

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.