0 Gardados para despois

"Hai unha mecha acesa, que di moito do que virá, xa sexa revolución ou desfeita dun sistema caduco"

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


"A memoria e o intento de explicación do noso presente creo que van estar sempre comigo e aparecen acotío nas miñas novelas. Se a iso lle xuntas a procura da identidade dun pobo manexado, submiso, incapaz por veces de rebelarse contra o sistema, aínda sabendo a perversión política que o levou a ser o que é, temos parte dos ingredientes que enchen a pota que ferve nun lume de ficción". Iso di o escritor Xabier Quiroga nesta entrevista. E é un bo resumo do que é a súa obra, que repasamos, xunto coa súa última novela, Izan o da saca, (Xerais)

Nada máis comezar a novela vese a conexión con O cabo do mundo: o barqueiro, o taxista Reina, o tema da represión franquista... Pensaches, dalgunha maneira, esta novela como continuidade de O cabo do mundo? Por que decidiches recuperar ao Reina?

Para nada. Izan o da saca ten entidade propia e esa conexión coa Ribeira Sacra foi o resultado dunha decisión de autor: onde situar os feitos concretos da historia que se quere contar? Despois de meditalo, descartei a primeira opción, o Courel, e decidinme pola zona que máis coñezo e que aparece nalgunha das miñas obras anteriores. O motivo: crin que lle cadraba mellor un refuxio nazi nun lugar recóndito e espectacular como é o Cabo do Mundo. E o do barqueiro como personaxe, resulta unha novidade na miña novelística, aínda que teña escasa participación. De todas maneiras recoñezo que o resultado provoca no lector unha inmediata conexión coa novela que nomeas. En canto ao Reina ou Reiniña como protagonista, foi o resultado doutra decisión: tiña a historia planeada e feitas as investigacións, tiña a zona onde quería situar o remate, faltábame un investigador que remexese nese pasado nazi galego, tan escuro e perturbador, e como non quería un detective con carné nin un policía ao uso, caín na conta de que o Reina da miña anterior novela lle acaía a esta. Como ves, escribir consiste, ademais doutras lerias, en tomar moitas decisións.

Se en Atuado na braña estaba a posguerra, en Era por setembro era a represión franquista, como en O cabo do mundo. En Izan o da saca aparecen a represión franquista e, sobre todo, o impacto da Segunda Guerra Mundial en Galicia, que aparece cada vez máis na nosa literatura. Optaches por este último tema por algún motivo especial?

Optei pola investigación dos nazis en Galicia porque, casualmente, caeu nas miñas mans un libro que tocaba este tema. Interesoume tanto que decidín que tiña que escribir unha novela na que recrease ese pasado oculto adrede e a súa relación co presente. Así, primeiro pasei un ano investigando: lendo, indo a sitios, falando con persoas e comprobando datos. Digamos que a investigación que se le na novela reproduce en certa maneira a feita por min. Pero falo de hai cinco anos, cando aínda non saíra nada de nazis na nosa literatura e case todo permanecía sepulto na memoria. Logo do traballo de campo, procedín á escrita, iso si, con moitas modificacións e reviravoltas. Como teño o vicio de traballar, ata quedar como saíu. En canto á continuidade temática no que escribo, non podo negalo. Sonche as teimas de cada un.

O historiador Emilio Grandío ocupouse do tema nun libro recente, Galicia na Segunda Guerra Mundial. Que mostra que Franco non foi precisamente neutral, e que Galicia foi un lugar importante desde o punto de vista xeopolítico (a espionaxe e contraespionaxe, o wolfram, etc). A túa novela incide, precisamente, nesa idea. É un xeito, en parte, de chamar a atención sobre esa relevancia do noroeste da Península na II Guerra Mundial?

Na novela amósanse feitos históricos demostrados, concretos en canto a personaxes, documentos e ideas, tamén da relación entre o fascismo e a igrexa española co nacionalsocialismo. Chamémoslle colaboración interesada nun primeiro lugar. Logo, a medida que a derrota fronte aos aliados se ve clara, todo virou. Entón había que ocultar as esvásticas e, mesmo, o saúdo. Iso non é unha tese, é unha realidade comprobada, pois moitas investigacións da novela son verídicas. Pero tamén teño que dicir que se trata dunha novela, non dun tratado de historia ou dun libro elaborado por un historiador. Para logralo tiven que realizar unha profunda depuración do texto inicial, pois chegou un momento no que me decatei de que se achegaba máis á historia que á ficción. En definitiva, aínda que boa parte dos feitos amosados no libro aconteceron, quero deixar claro que son un novelista, non un historiador.

"Houbo relación entre o fascismo e a igrexa española co nacionalsocialismo"

Manuel Varela non coñece o seu pasado, e por iso lle pide ao Reina que o investigue. En Atuado na Braña un home buscaba no seu pasado familiar. En Zapatillas rotas tamén hai unha viaxe ao pasado. O mesmo pasaba en O Cabo do mundo. Por que esa presenza da investigación do pasado propio, da identidade, nas túas novelas?

Antes falei de teimas do autor. Nada máis atinado que esta pregunta a propósito da miña novelística. A memoria e o intento de explicación do noso presente creo que van estar sempre comigo e aparecen acotío nas miñas novelas. Se a iso lle xuntas a procura da identidade dun pobo manexado, submiso, incapaz por veces de rebelarse contra o sistema, aínda sabendo a perversión política que o levou a ser o que é, temos parte dos ingredientes que enchen a pota que ferve nun lume de ficción. E vaia metáfora que acabo de facer! Para explicala direi que tamén pretendín que Izan o da saca fose unha novela política, de denuncia e compromiso cos que sufriron e sofren as consecuencias dos que están por enriba.

"A memoria e o intento de explicación do noso presente creo que van estar sempre comigo"

Na técnica narrativa hai varios planos. Toda a historia que lemos é un escrito que lle chegou a un fiscal. Dentro da historia está a narración do Reina, a de Graciano, e o relato do que pasou na guerra e posguerra. Por que optaches por esta estrutura? Non dá a impresión de complexidade que daba por exemplo Atuado. En Izan o da saca hai algún elemento de novela negra...

A estrutura é un apartado que procuro traballar con esmero. Falo da aparente complexidade que amosa Izan o da saca e outras das miñas novelas. Aínda correndo o risco de perder aos lectores que empezan un libro e, se non se decatan ben por onde andan, abandonan, esa complexidade dálle á narración, a meu ver, un aquel inicial de pezas soltas ou elementos desencaixados que, se todo está ben trazado e co paso dos capítulos, acabarán ou deberían acabar encaixando completamente e dando unha sensación de conxunto sólido, único, de edificio completo ou rematado. Pero iso unhas veces lógrase e outras ao mellor non tanto. Por suposto sodes outros os que tedes que xulgar. En todo caso eu achégome a esa complexidade porque desexo que o lector faga un cativo esforzo de comprensión e soldadura do lido. E quixera engadir que Izan o da saca, tecnicamente, ademais de levar unha estrutura con marco, está composta por diversas pezas que só encaixan mentalmente ao final de todo. Así que, se non chegas ao final, mellor non opines.

"Desexo que o lector faga un cativo esforzo de comprensión e soldadura do lido"

Víctor, o estudante que paga coa vida a procura da verdade, fíxome pensar no rapaz de Se buscabas un Deus, que tamén procura a verdade e paga as consecuencias. É outro tema recorrente nos teus libros: a procura da verdade como un xeito de enfrontarse ao poder, que quere agochala. Por que? O poder fronte á verdade está tamén en Zapatillas rotas, co poder representado polos medios...

Pois porque o poder é un monstro insaciábel de dominio e esmagamento do cidadán, sobre todo do que busca investigar a verdade de moitas actuacións corruptas ou ilegais. E bota man dos medios que lle fagan falta con tal de perpetuarse. Chega a tal dexeneración que non lle importa contar mentiras ou chegar ao asasinato. Porque non ten límites. Esta novela, quen queira lela en clave política, así o dá a entender, por moito que non se amose explicitamente.

"O poder chega a tal dexeneración que non lle importa contar mentiras ou chegar ao asasinato"

En relación co anterior, sae polo medio o 15-M... e un discurso escéptico sobre o que movementos coma este poden conseguir, malia teren razón, debido á loita tremendamente desigual... As reflexións do personaxe son tamén túas, neste caso? Digo porque todas as túas novelas teñen que ver con iso: a loita contra o poder, a procura da liberdade... E semella raro que a posición sexa tan escéptica se o punto de partida é ese...

As reflexións do protagonista sobre os movementos sociais, neste caso o 15-M, son as de calquera que pense, que se pare e reflexione. Facéndoo, axiña se chega ao escepticismo, maiormente vendo os medios oficiais revolverse a toda mecha para esnaquizar esa rebeldía que non só é xeracional, senón que ten unhas raíces máis profundas. Pero as reflexións do personaxe principal da novela, se non coinciden exactamente coa miña visión, tampouco pasaría nada, pois os personaxes, por veces, son entes que adquiren algo así como independencia ou vida propia, e ti, como autor, non podes facer outra que deixalos moverse polos feitos e opinar. E falando deste tema, da mecha, creo que hai unha que segue acesa e con futuro, o que di moito do que virá, xa sexa revolucións ou desfeita dun sistema caduco. E xa non imos máis aló, á conseguinte perversión de calquera sistema con boas intencións e sen definir ideoloxicamente.

"Hai unha mecha que segue acesa e con futuro, o que di moito do que virá, xa sexa revolucións ou desfeita dun sistema caduco"

Manuel Varela representa a renovación do PP fronte á vella garda, que representa Feijoo. Cando Manuel Varela dá unha rolda de prensa, promete solucións aos casos das preferentes e dos desafiuzamentos, a fin dos recortes... Mais Varela é, en realidade, un defensor das elites. É un retrato do PP actual?

É un retrato dos partidos políticos ao uso, os que aínda espernexan. O retrato dos que só miran por unha perpetuación do poder e das súas contas, dos que defenden unhas estruturas nas que se instalaron e se senten cómodos, sendo incapaces ademais de ollar para a cidadanía asfixiada polas grandes entidades do capitalismo, xa sexan bancos, multinacionais de todo tipo ou fondos de investimento, esas que engrosan os seus beneficios e non lles preocupa a miseria, os refuxiados, a explotación, os desafiuzamentos... En Galiza e nesta novela aparece o PP porque é quen goberna, pero noutros lados é outro partido e hai que denuncialo tamén.

"En Galiza e nesta novela aparece o PP porque é quen goberna, pero noutros lados é outro partido e hai que denuncialo tamén"

Hai personaxes que citas que existiron, como Xan de Forcados. Outros parecen inspirados en figuras reais. (Un historiador determinado, por exemplo). Que teñen de documentación e de ficción os personaxes principais? Mesturar as dúas cousas é algo que fas moito.

Gozo documentándome e investigando para as miñas novelas, recoñézoo. Tanto como escribindo. Nesa tarefa dou coa realidade de feitos e de persoas que, considero, son de novela. De aí que as verta nas páxinas. Pero unhas son realidade constatada e outras mera invención. Moitos lectores me teñen manifestado que se puxeron a buscar información sobre tal ou cal personaxe ou circunstancia, e iso é importante. Mover á acción. Procurar por un mesmo. E eu non vou descubrir canto é real e canto ficción. O que si me gustaría advertir é que seguramente o real supera ou é moito peor cá  invención.

Dentro dos personaxes, resultan interesantes Armando (persoa marcada pola perda, igual que Manolita, marcada non só pola perda, senón polo abuso, en moitos sentidos), Gregorio ou Lelia. Lelia fai un bo contraste con Reina, por exemplo. Podes explicar como creaches estes personaxes?

Sería longo de explicar, e a literatura precisa máis escritores e lectores e menos “explicadores”. O que si podo dicir é que cada personaxe creado representa algo que o que se mete na trama debe descubrir, ou deducir. Por exemplo o que nomeas, don Armando, é o prototipo de mestre republicano represaliado e sometido aos antollos e brutalidades das forzas fascistas e da cregaxe, que daquela actuaban moi unidas. O Gregorio é o transmisor da memoria, do saber popular, a expresión máis viva do xeito galego de contar o que foi e de explicarnos como pobo. Lelia, personaxe tirado da miña afillada, representa a intelixencia lectora e complementa a un protagonista perspicaz virado cara á acción. En fin, todo o que son personaxes do pasado teñen o aquel de estudo que ao mellor ata pasa desapercibido. Por poñerche un exemplo: os dous represores que collen ao sancristán pola noite no seu coche para ir facer das súas polo Cabo do Mundo existiron en realidade, e con eses mesmos nomes.

"Os dous represores que collen ao sancristán pola noite no seu coche para ir facer das súas polo Cabo do Mundo existiron en realidade"

Aínda que para personaxes interesantes, Manolita. O que lle vai pasar intúese bastante rápido. E garda relación co que lle pasa a Verónica. Non é a primeira vez que falas, nas túas novelas, de abuso sexual, violencia de xénero... Parece un xeito de chamar a atención sobre unha das peores formas de represión e violencia, e se cadra máis caladas. De feito, Manolita cala toda a vida.

Dona Manolita, a Loliña, é a beleza e a inocencia, a nena que se fai muller e pola que babean e se desatan os instintos primarios dunha sociedade profundamente desigual no xenérico. Machista a máis non poder, por deixalo claro. Pero tamén representa o tesón, a forza de vontade para rexurdir e facerse a si mesma. Ela sobrevive ao horror e sae fortalecida porque a muller galega é capaz diso, sempre o foi. O que non quita que haxa que denunciar os feitos máis covardes, xa o realicen os nazis ou os nosos. E Verónica, como apuntas, é o mesmo ca Loliña, pero na época actual, onde semella que se perpetúan uns esquemas e unhas formas de actuar que semellan soterradas e que deberían dar noxo no século XXI, pero que aboian de cando en vez. E iso é porque seguen aí.

"Manolita sobrevive ao horror e sae fortalecida porque a muller galega é capaz diso, sempre o foi"

A novela apunta moito tamén á relación entre fascistas e nazis. Hai un personaxe, Merexildo, que representa algo así como a alienación, o espírito de servidume... pero que se rebela ao seu xeito. Ademais del, moitos fascistas da vila lévanse moi ben cos nazis. De igual xeito que a Igrexa (o mosteiro), ten moi boa relación co franquismo. Nestes retratos que fas, apuntas máis que a afinidades persoais. Digo porque se ten discutido se nazismo e fascismo á española son moi diferentes ou non... Na túa novela non o parecen.

A relación entre fascistas e nazis está, creo, clara, e na novela amósase o punto de vista dos que peneiraron a historia documental. Pero logo está o nivel individual de aproximación, personaxes que nun momento dado tiveron relación ou reaccionaron ao seu xeito cando se deu o contacto nazi. O Merexildo, xa desde a infancia e pola influencia de Walter Kutschmann na súa vida, amosa unha afinidade tan servil que semella trastorno ou irrealidade. Pero se o lector receoso neste apartado soubese a cantidade de homenaxes que os nazis recibiron na nosa terra por membros da clase media e alta, seguramente pensaría doutro xeito e verá servidume do Merexildo como a dun ser débil. Aínda así, criado sempre moi preto da Loliña, na aldea, é capaz de entendela e protexer o que sabe que é dela ao longo dos anos como o mesmo can gardián que foi dos nazis. En canto ao mosteiro de Samos... Cantos segredos gardan os seus muros! E non só polo que insiste e afirmar o Farandulo a propósito de Hitler e Eva Braum, senón polo que levou a cabo o abade Mauro e incluso polo que o sitúa na Ruta das Ratas cara a Sudamérica. Porque a Igrexa estaba co Réxime, co fascismo, e, engadido, cos restos do nacionalsocialismo alemán. E isto non o afirmo eu, senón cantos estudosos da Historia (con maiúsculas) se atreveron a remexer nestes feitos.

"Se o lector soubese a cantidade de homenaxes que os nazis recibiron na nosa terra por membros da clase media e alta..."

Algo máis que queiras salientar?

Pois case nada. Se acaso facer unha pregunta: novela negra? Non sei, non sei.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.