A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) vén de anunciar os nomes dos/as nomeados/as aos XX Premios María Casares, a gran festa do teatro cuxa gala se celebrará o próximo 30 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Os espectáculos finalistas nas catorce categorías coas que contan os Premios déronse a coñecer na Festa dos Nomeados, deste 2016, ano no que os galardóns organizados pola AAAG chegan á súa vixésima edición.
A gala celebrarase o próximo 30 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña
Durante a súa intervención, a vicepresidenta da AAAG, Mabel Rivera, destacou a calidade das obras desta edición, ademais de sinalar que este ano celébranse vinte anos de gala e o vinte cabodano da actriz María Casares. Empregando palabras da actriz que dá nome os premios, Rivera sinalou que “o teatro é a patria que escollemos todos e todas os que formamos esta profesión, unha patria que compartimos co público e coa sociedade”.
Rivera sinalou que “o teatro é a patria que escollemos todos e todas os que formamos esta profesión, unha patria que compartimos co público e coa sociedade”
O principio de Arquímedes, de Teatro do Atlántico, convértese neste 2015 na produción con maior número de finalistas, ao obter un total de 8 nomeacións nas 14 categorías. Pola súa banda, Ensaio sobre a cegueira, de Sarabela Teatro, aspira a 7 galardóns e Presidente, de Teatro do Morcego, acada 5 nomeacións. Ademais, estas tres montaxes disputaranse o premio ao mellor espectáculo.
Xardín suspenso, do Centro Dramático Galego, e Manawee, de Matrioshka Teatro, acadaron ambas as dúas 4 nomeacións, mentres que Noiteboa, de Redrum Teatro, e Panamericana, de A Panadería, optan a 3 galardóns. Pola súa parte, Calypso, de Voadora; O Furancho, de Ibuprofeno Teatro, e Unha poucas picadelas, de Teatro de Ningures, acadaron 2 nomeacións cada unha delas. Finalmente, cunha nomeación atópanse 30 e tantos ósos (Aporía Escénica), Feo! (Caramuxo Teatro), O Crédito (Eme2 Producións) e Jim e Illa do Tesouro (Eme2 Producións).
Estas tres montaxes disputaranse o premio ao mellor espectáculo
Alex Sampayo (Noiteboa), Jose Prieto (Presidente) e Xúlio Lago (O Principio de Arquímedes) compiten polo premio á mellor dirección. Alex Sampayo e Borja F. Caamaño (Noiteboa), Areta Bolado (Panamericana), Diana Mera, Merche Pérez, Teté García (30 e tantos ósos), Jose Prieto (Presidente) e Santiago Cortegoso (O Furancho) loitan polo galardón ao mellor texto orixinal. Feo!, Jim e a illa do tesouro e Manawee optan ao premio ao Mellor Espectáculo Infantil.
En canto ás interpretacións, Fina Calleja (Ensaio sobre a cegueira), Mela Casal (Noiteboa) e Melania Cruz (Xardín suspenso) están nomeadas como mellor actriz principal. E Antonio Durán "Morris" (O Crédito), Machi Salgado (Unhas Poucas Picadelas) e Toni Salgado (O Principio de Arquímedes) son os finalistas na categoría de mellor actor principal.