Chévere conducirá a gala dos XX Premios María Casares

Chévere, ao completo CC-BY-SA Alberto Ramos

O grupo Chévere será a compañía encargada de conducir a gala dos XX Premios María Casares, que se celebrará o próximo 30 de marzo no Rosalía Castro da Coruña. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), entidade organizadora dos galardóns, confíalle deste xeito á formación, galardoada en 2014 co Premio Nacional de Teatro, a dirección artística e a presentación da gala deste 2016, ano no que celebra a súa vixésima edición e ao coincidir co vinte cabodano da propia María Casares.

Chévere será a compañía encargada de conducir os María Casares e proporá unha gala musical e de gran formato

Chévere, que xa está a traballar nos detalles do espectáculo, proporá unha gala musical e de gran formato, ao contar sobre o escenario cun total de 14 artistas, entre intérpretes e músicos. Deste xeito, polo escenario do Rosalía subirán os actores e as actrices Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Mónica García, Arantza Villar, César Goldi, Borja Fernández, Marcos Ptt e Cris Iglesias. A música, que está creada especificamente para a ocasión, correrá a cargo de Xacobe Martínez Antelo, Max Gómez, Manuel Cebrián, Xosé Miguélez e Javi GDJazz.

O director da gala, Xesús Ron, adianta que a gala se pode definir como un musical e que significará  unha gran celebración para a escena. “Será unha mostra dos motivos polos cales debemos sentirnos orgullosos do teatro que se fai en Galicia. Na gala buscarase reforzar a parte positiva do teatro feito nestes últimos anos”, sinala Ron, antes de concluír que “malia a crise non rematou, abandonamos o discurso de queixa para reivindicar a fortaleza do talento”.

“Será unha mostra dos motivos polos cales debemos sentirnos orgullosos do teatro que se fai en Galicia", di o director da gala, Xesús Ron

Pola súa banda, Vicente Mohedano, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) destacou que Chévere é unha das compañías “con maior traxectoria e que máis pegada deixou no noso sistema cultural”. Mohedano, ademais, subliña a súa capacidade para “reinventarse constantemente” e de “actualizar o seu discurso para reflectir as necesidades, o respirar e o sentir da sociedade”. Para o presidente da AAAG, Chévere “conta cunha liña clara e cun estilo propio que queremos que nos acompañe nesta vixésima edición”. A gala, organizada pola AAAG, conta co patrocinio de institucións como a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña e o Concello da Coruña. E será retransmitida pola TVG.

Chévere é unha compañía de axitación teatral con 28 anos de traballo ao lombo, que soubo manter con naturalidade unha proposta tan irreverente como xenuína e un sólido compromiso social, político e cultural. Chévere actuou en centos de vilas e cidades de toda Galicia, España, Portugal e outros países europeos, latinoamericanos e africanos.

 

Finalistas dos María Casares

En total de 14 espectáculos son finalistas nos XX Premios de Teatro María Casares. O principio de Arquímedes, de Teatro do Atlántico, convértese neste 2016 na produción con maior número de finalistas, ao ter presenza en oito categorías. Pola súa banda, Ensaio sobre a cegueira, de Sarabela Teatro, aspira a 7 galardóns e Presidente, de Teatro do Morcego, opta a 5. Ademais, estas tres montaxes disputaranse o premio ao mellor espectáculo.

Xardín suspenso, do Centro Dramático Galego, e Manawee, de Matrioshka Teatro, compiten ambas as dúas en 4 apartados, mentres que Noiteboa, de Redrum Teatro, e Panamericana, de A Panadería, optan a 3 galardóns.

Pola súa parte, Calypso, de Voadora; O Furancho, de Ibuprofeno Teatro, e Unha poucas picadelas, de Teatro de Ningures, acadaron 2 nomeacións cada unha delasaspiran a dous premios.  Finalmente, cunha nominación atópanse 30 e tantos ósos (Aporía Escénica), Feo! (Caramuxo Teatro), O Crédito (Eme2 Producións) e Jim e Illa do Tesouro (Eme2 Producións).

Os premiados daranse a coñecer o próximo 30 de marzo durante a gala dos XX Premios de Teatro María Casares, que se celebrarán un ano máis no Teatro Rosalía Castro da Coruña, cidade na que naceu a actriz que lle dá nome aos galardóns.

Chévere, ao completo CC-BY-SA Alberto Ramos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.