A Real Academia Galega vén de oficializar a proposta da candidatura de Marilar Aleixandre para cubrir a vacante producida polo pasamento do académico de número Xosé Neira Vilas, falecido o pasado 27 de novembro. A candidatura someterase a votación no vindeiro pleno. Aproveitamos para falar coa escritora de toda a súa obra.
Todo apunta a que vas entrar na RAG como membro numerario en substitución de Neira Vilas… Que significa para ti?
Estou de candidata. Candidata única, pero tampouco hai que dalo por feito, porque a candidatura someterase a votación no vindeiro pleno. En calquera caso, para min tería un significado especial pola relación que tiven con Neira Vilas. Un home entrañable ao que lle tiña moito cariño, e penso que el tamén a min… Eu xa fora proposta como candidata outra vez, e fora el unha das persoas que me propuxeran. Ademais do seu compromiso coa lingua e coa cultura, tamén se destacou polo seu compromiso coa xustiza social, encarnada nesa oposición que fai en Memorias dun neno labrego entre Balbino e Manolito. Balbino non se resigna, desde logo. Neira Vilas tiña ese espírito, e unha vitalidade moi grande. Era unha persoa moi reivindicativa. Ía onde o chamasen.
De entrar ti e Chus Pato, o desequilibrio de xénero dentro da RAG sería algo menos vergoñento…
En realidade a proporción creo que sería a mesma. Cando entrou Fina Casalderrey, por exemplo, antes había outra muller… Mais é verdade que cousas que hai anos eran aceptadas como normais, como que houbese unha ou dúas mulleres nunha institución para poder dicir que si había mulleres, hoxe enténdese que non pode ser así. De todas maneiras, eu creo que é moi importante que haxa unha maior proporción de mulleres nas institucións, pero tamén que haxa mulleres feministas. Por iso tamén me alegraría moito se entrase Chus Pato, porque é moi boa escritora, amiga e feminista. Se pensamos, por exemplo, no dicionario da Real Academia Española e na voz “honra”, é doado imaxinar que esa definición completamente machista non sería igual con mulleres feministas na RAE. Se levas postas as “lentes violetas” xa che salta á vista.
"É moi importante que haxa unha maior proporción de mulleres nas institucións, pero tamén que haxa mulleres feministas"
Hai tempo que se está a falar de fórmulas para que a RAG se abra máis á sociedade, ou que sexa percibida por esta como unha institución realmente decisiva para a lingua e a cultura. Cando entrou Margarita Ledo, por exemplo, dábase así entrada ao audiovisual…
É moi importante que haxa xente cun perfil variado, si. Que entrase Margarita Ledo foi tamén, si, un recoñecemento á importancia do cinema na cultura galega. No meu caso, supoño que podo representar, metade e metade, a literatura e as ciencias. E pode ser un xeito de visibilizar que as ciencias son parte da cultura galega. A cultura non é só a música popular, a literatura ou a historia. Tamén é a ciencia. Ademais, fun unha das primeiras persoas en escribir manuais de ciencias en galego. Un deles tivemos que publicalo clandestinamente, porque cando se ía publicar foi o golpe de Tejero. Decidimos autoeditalo. Despois, no 88, xa saquei en Xerais un libro de ciencias naturais, Sete estrelo.
"As ciencias son parte da cultura galega. A cultura non é só a música popular, a literatura ou a historia"
Iso é parte da miña biografía, e ademais parece que agora volvemos a aquel tempo, porque hai unha lei que exclúe o galego das clases de física e matemáticas. É moi importante, neste contexto, persuadir a xente de ciencias de que o galego é tan válido como calquera outra lingua para aprender matemáticas ou física, e sobre todo na Universidade. En primaria e secundaria hai máis profesores de ciencias que imparten docencia destas materias en galego. Carvalho Calero fora o primeiro profesor en dar aulas na Universidade en galego. Despois viñeron outros, como Antón Santamarina. Pero de ciencias o primeiro foi Manolo Bermejo.
Iso de que aprendiches a escribir redactando panfletos e artigos para revistas clandestinas, que ten de verdade? Cal foi o camiño entre iso e o teu primeiro libro, A formiga coxa?
Pois é verdade que os primeiros textos que escribín en galego foron panfletos e artigos para revistas clandestinas. Tiven anos de intensa militancia política antifranquista, e despois até que Esquerda Galega se disolveu. A Galiza cheguei no 73-74, porque me presentei ás oposicións de secundaria. Traballara catro anos na Universidade. Ía ser entomóloga. Pero tiña un profesor do OPUS co que non me foi moi ben. Eu vía como me ían pasando varios homes diante, -daquela non había un concurso público-. Cando lle preguntei ao profesor que pasaba, que por que non me facía encargos, dixo que é que as mulleres despois casan, teñen fillos… Pois despois diso cheguei a Vigo, e tanto a ría como o feito de coñecer o meu compañeiro, Ramón López Facal, fixeron que quedase…
"Os primeiros textos que escribín en galego foron panfletos e artigos para revistas clandestinas"
Empecei a ir a clases de galego tamén nese tempo. O meu primeiro profesor foi Francisco Carballo. Ía a unha clase clandestina nunha asociación do Calvario que tamén era clandestina. Eu estaba moi implicada no movemento veciñal. Tamén tiñamos a Asociación de Mulleres do Calvario, antes mesmo de que nacese AGM. Xa sendo estudante escribía algún relato, pero para darlles a ler aos amigos. Non pensaba en ser escritora. En galego tamén comecei escribindo relatos, e o primeiro en saír publicado foi A formiga coxa.
Foi habitual, nese tempo, que os propios profesores comezasen a escribir literatura infantil e xuvenil en galego, en parte pola necesidade que vían de lecturas nesta lingua para o alumnado.
Si, pero eu non era profesora de lingua nin de literatura. Eu daba aulas de Bioloxía. Non foi por iso polo que comecei a facer literatura. Do que si me decataba era da falta de materiais de ciencias en galego. Por iso comezamos a escribir os primeiros materiais didácticos. A formiga, por certo, comezou sendo un conto que lles contaba aos sobriños. E era unha cascuda, que ao pasar ao papel transformouse en formiga.
En A expedición do Pacífico, que foi Premio Merlín, estaban xa inquedanzas túas que se mantiveron ata hoxe nos teus libros: a igualdade de xénero e a ciencia. Unha moza que se disfraza de mozo para poder participar na expedición do Pacífico.
A primeira tese que dirixín foi a de Ánxela Bugallo, e foi ela quen me trouxo uns materiais que falaban da expedición do Pacífico. Pensei que sería un bonito título para unha novela. Eu cambiei a historia, e puxen unha rapaza de protagonista. Cando escribín ese libro non sabía que houbera tantas mulleres que se disfrazaran por ese mesmo motivo. Cando cambiou a bibliotecaria do CSIC, descubríronse unhas caixas con material da expedición do Pacífico feita por Marcos Jiménez de la Espada. Os materiais deixáraos o seu fillo no 39 antes de exiliarse a México. E nunca volveu. A verdade é que a min resultábame fácil identificarme co meu personaxe: unha moza que quería participar nesa viaxe a América, que sabía moito de insectos… E si, claro, tes unhas teimas que se repiten…
O trasno de Alqueidón foi Premio Rañolas e finalista do Premio Nacional de Literatura Infantil. É sobre un ser mítico. Pero non é un relato nada mítico.
O trasno ten algúns trazos da figura do trasno do folclore galego, como que só sabe contar até tres. Eu doulle a volta, dalgunha maneira. Eu tiña moita teima cos topónimos, e este libro representa tamén iso. Alqueidón, Mahía…
En Lobos nas illas está a memoria histórica, en boa medida vista desde a perspectiva das mulleres. Hai guerrilleiros, unha muller maltratada…
Na crítica de hoxe hai mulleres que entenden os libros desde unha perspectiva feminista, pero cando publiquei ese libro había cousas que non se vían. Como o que dis da muller maltratada, que foi algo que foi invisible para a crítica. Iso foi no 1996. Pois cando publiquei Unha presa de terra, no 2001, que foi Premio Novela por Entregas de La Voz de Galicia, volveu pasar o mesmo. A crítica non comentaba que se trataba dun libro sobre os malos tratos.
"A crítica non comentaba que Unha presa de terra era un libro sobre os malos tratos"
Pois vese vir case desde o principio: como a xulgan e ela…
A crítica dicía que era novela negra, policial… Só Rosa Aneiros, que me presentara o libro, o percibiu. É verdade que no 1996 non se falaba de mulleres maltratadas como se fala agora. Mais insisto no que dixen antes: é importante que haxa máis mulleres nas institucións, mais tamén que haxa mulleres feministas. Tampouco do tema da memoria, e menos desde a perspectiva das mulleres, se escribía moito neses anos. E a min gústame escribir relatos que se enlazan entre si, como en Lobos nas illas, e moito despois en O coitelo en novembro.
En A Compañía Clandestina da Contrapublicidade, Premio Cunqueiro, falas doutro tema moi presente nos teus libros: a manipulación e o poder.
Eu sempre digo que non é o mesmo vivir nunha democracia parlamentaria que nunha ditadura. No franquismo non podías facer nada. A falta de liberdade non é comparable. Agora non levo un sobresalto cando chaman ao timbre. Pero si é verdade que pensabamos que cando Franco morrese, ía vir a liberdade e todo sería completamente distinto. E non foi así. O poder segue a ter unha capacidade tremenda de manipulación. E máis con esta Europa. A Compañía Clandestina da Contrapublicidade reflicte iso. Un contexto como o actual, no que algúns medios son pagados para contar as cousas como non son, creando relatos interesados.
"Pensabamos que cando Franco morrese, ía vir a liberdade e todo sería completamente distinto. E non foi así"
O tema da manipulación está tratado neste libro de forma irónica. Pero acertei bastante, porque o que pasa nese libro hoxe pode facerse moi fácil, con photoshop e coas redes sociais. E xa se fai. Contestar a publicidade de bancos, empresas, gobernos… O protagonista é de Vigo, ademais. E ten algo que aparece bastante nos meus libros, que é seren personaxes creados a partir de persoas reais. O que conto dos panfletos que caen do ceo, por exemplo, non o inventei. É unha historia que me contou un vello militante comunista.
En A Banda sen Futuro, Premio Lazarillo, falas do grupo Derribos Arias. Hai pouco Carlos Rego publicou un libro sobre Derribos Arias. Eras fan?
Iso non é raro porque eu sempre fun moi rockeira. Cando estaba escribindo este libro acababa de morrer Poch, a quen eu poño a falar coa protagonista, Carlota. Carlota ten tamén bastante de min, porque a min tamén me cortaron o cabelo ao cero cando tiña oito anos. Nun momento no que cambiei de cidade, ademais. Na tradución da novela para Euskadi, a portada leva unha foto de Poch, que era vasco. Anos despois da publicación escribiume a irmá de Poch agradecéndome o libro… Este é outro caso dunha persoa de verdade que converto en personaxe. En O coitelo en novembro está iso tamén: a relación entre personaxes e escritor ou escritora. Novelo historias que lle pasan a outra xente. En Lobos nas illas, por exemplo, está José Humberto Baena, aínda que non digo o seu nome.
Paxaros de papel estivo na lista White Ravens da Biblioteca de Munich. A LIX galega ten habitualmente recoñecementos internacionais deste tipo. E agora está a soster as contas dalgunhas editoriais non especializadas nela. Algunha teoría sobre o por que desa relevancia?
Poden ser varios factores. Hai asociacións e entidades de LIX que prestan moita atención ás linguas minorizadas. É o que pasa coa lista White Ravens e coa lista de honra do IBBY. Na literatura para adultos, -por chamarlle dalgunha maneira-, polo menos unha parte está moi dominada polo fenómeno do best-seller, o cal pon a cousa difícil para as linguas minorizadas. Outro factor pode ser a calidade da LIX galega.
Falabas antes de Lobos nas illas e Unha presa de terra. Un partido que está a coller moita relevancia na política española nega a violencia de xénero. Vamos para atrás?
Non hai un progreso indefinido e constante. As conquistas obreiras, as das mulleres…. chegaron pagando un prezo moi alto. E sempre hai quen quere volvelas atrás. Pero si hai un cambio na percepción social da violencia de xénero. A revolución feminista é a que máis trunfou do século XX. Claro que hai dereitos que nos queren quitar, e por iso temos que volver mobilizarnos polo tema do aborto, por exemplo. Porque hai partidos políticos, forzas sociais e unha parte, a máis reaccionaria, da Igrexa, que pasan por alto que se mantén unha situación asimétrica. Vén de saír agora mesmo un estudo do Observatorio de Dereitos da Muller que volve demostrar a falsidade do mito das denuncias falsas.
"A revolución feminista é a que máis trunfou do século XX"
Con todo, si houbo avances na percepción social. E a iso axudou o feito de que haxa mulleres feministas nos partidos de esquerdas. No PSOE xa había mulleres feministas, pero están máis presentes nos partidos novos. Eu fun das que loitaron desde sempre polas listas cremalleira, que durante moito tempo non se entenderon. Porque non é que haxa unha muller na lista. É que haxa moitas, e que estean en postos de saída.
En Teoría do caos e Tránsito dos gramáticos, e sobre todo se cadra na primeira, hai unha técnica narrativa mellor que a de moitos dos outros teus libros. E non só porque non sexan LIX. Teoría do caos fala, ademais, de traizón aos ideais propios.
O da traizón é un tema no que pensei moito. Porque o vivín. Xente que tiña un compromiso político, que mesmo estivo na cadea, e que despois abandonou as súas ideas para ter algo de poder.
Tránsito dos gramáticos ten algo de novela futurista, histórica... e unha estrutura un pouco fragmentaria, como Teoría do caos. Contan algúns autores de novela policial, por exemplo, que cando comezaron a facela non se entendeu que parte da súa intención era normalizadora, pois non había ese xénero en galego. Hoxe cuestiónase o concepto de normalización aplicado a iso. Ti tiñas algunha intención nese sentido?
A verdade é que non. Eu nunca tentei cubrir ocos da literatura. Falaba do que me interesaba, sen máis. Esa novela é unha distopía, máis ben. Pero o que conto da discrimación dos mouracos non é distinto do que pasa hoxe. Mira como tratamos a inmigrantes, refuxiados... Todo iso está mesturado coa historia: os Irmandiños... Nos meus libros está moi presente o lugar físico. Neste é Santiago.
"Eu nunca tentei cubrir ocos da literatura. Falaba do que me interesaba, sen máis"
Ovella descarreirada é o teu último poemario. Nos teus libros de poemas, e en xeral nas túas novelas, vese unha evolución no xeito de escribir. É normal, pois pasaron os anos mais, e aínda que ao principio non tiñas pensado ser escritora, cumpriches as expectativas? Que percepción tes agora da evolución e calidade da túa propia escrita? Chegou ese punto no que unha pode pensar: pois agora si que escribo como quería?
É moi difícil contestar a iso, claro. Quizais na narrativa si que hai cambios. O coitelo en novembro, por exemplo, a crítica discute se é unha novela ou son relatos... O xogo metaliterario é aí importante. En canto á poesía, nunca escribín moita. Estaba no Batallón Literario da Costa da Morte, e comezou por aí. Pero eu nos recitais lía relatos curtos... O que si penso é que hai unha unidade que conecta os cinco libros de poesía que escribín. Claro que eu fun moi autodidacta. Non era filóloga, nin profesora de literatura. Pero lía moito, e tamén noutras linguas como inglés e francés. Se cadra se soubese de literatura o que aprendín despois, cando empecei a escribir escribiría doutra maneira, non sei. Pero claro que hai unha evolución, como en todo.
"Hai moita xente que está a traballar moi duro para que a política se faga doutro modo. Pero tamén hai intereses que dificultan os procesos"
Fuches unha das persoas máis activas no Encontro Cidadán por unha Marea Galega, que non tivo os resultados que agardaba ao principio, pero que foi un dos cimentos da marea compostelá. En realidade nunca deixaras a militancia, porque o feminismo tamén o é. Pero, con que cousas boas e malas quedas desa experiencia política última?
Fun parte do Encontro Cidadán por unha Marea Galega e, como dis, sempre participara nas mobilizacións feministas. Despois pedíronme que formase parte da candidatura de Compostela Aberta. Foi unha experiencia moi interesante, que supuxo unha oportunidade para facer cousas que nos quedaran pendentes desde a mesma Transición. Aprendín moito e coñecín xente moi interesante. Hai moita xente que está a traballar moi duro para que a política se faga doutro modo. Pero tamén hai intereses que dificultan os procesos. O peso das rutinas e de determinados intereses é forte.
E como ves a situación agora tras os bos resultados das mareas nas eleccións municipais e estatais? Es optimista?
Sempre tento ser optimista. Vexo o vaso medio cheo. Hai moitas forzas económicas, e mediáticas ao servizo delas, que tentan impedir que nada cambie. Só hai que ver as campañas contra os gobernos locais das mareas, con mentiras e ocultación de datos. A nivel estatal hai unha inestabilidade que non sabemos como se vai resolver, pero o que está claro é que hai máis pluralidade no Parlamento, e que o tempo do bipartidismo e do turnismo rematou. É difícil saber que vai pasar, e está claro que hai forzas moi poderosas ás que non lles interesa un pacto de esquerdas.
Pero hai avances importantes, como a presenza de mulleres feministas no Parlamento ou o recoñecemento do dereito a decidir por parte dunha forza estatal. Xa o facía Esquerda Unida, é certo, pero que agora o faga Podemos, que é un actor con moita influencia, é algo importante. Porque non é o mesmo que cando o facemos os galegos, os cataláns ou os vascos. O impacto político é outro, quero dicir. A xente do 15-M está vendo que ten posibilidades de verse representada, as expectativas que ergueron as eleccións foron elevadas. Os partidos novos buscan fórmulas novas, nun contexto europeo no que, aínda con esta Europa que dá vergoña, hai movementos como o de Varoufakis. Hai motivos para ser optimistas.
"A feminista é a identidade na que máis me recoñezo"
Escritoras feministas en Galiza hai bastantes. Pero son menos as que se definen como feministas.
Hai xente á que lle custa dicilo, si. Aínda que non tanta. Si que hai autoras feministas que se definen como feministas. Non podemos adoptar a linguaxe do adversario e negar o que somos polo feito de que digan parvadas como que o feminismo é o contrario equivalente do machismo. O feminismo o que busca é a igualdade. A feminista é a identidade na que máis me recoñezo. As outras poden ir e vir.