"É o apoio da cidadanía o que fai que un proxecto cultural como o noso poida manter a liberdade e a independencia"

Antón Lamapereira © AAAG

O xornalismo cultural galego sobrevive, en boa medida, grazas a proxectos sostidos en base ao voluntarismo como a Revista Galega de Teatro, que vén de ser recoñecida co Premio de Honra Marisa Soto pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Falamos con Antón Lamapereira, membro do consello de redacción desta publicación con tres décadas de historia.

A revista ten a súa orixe no Boletín de Información Teatral da Escola Dramática Galega, que comeza no 1983. Cal era o obxectivo entón?

O Boletín foi creado pola sección de Vigo da Escola Dramática Galega. Cando esta pechou, o Boletín pasou a chamarse Boletín de Información Teatral, e despois Información Teatral, e logo Información Teatral-Revista Galega de Teatro, ata que desde o número 11 comezou a chamarse Revista Galega de Teatro. O obxectivo era contribuír á normalización do teatro galego. Informar sobre o que se facía no teatro.

Cadrou, entón, nos primeiros anos, co proceso que foi avanzando cara á profesionalización do teatro galego, desde a fase do teatro afeccionado. Era en parte a idea, axudar a iso?

Coincide con ese proceso, si. Si que se entrevistaba, por exemplo, a xente que estaba dando ese paso cara á profesionalización. E dalgunha maneira tamén se axuda a que a xente do teatro se encontre. Había unha vontade de conectar aos profesionais do teatro.

"Había unha vontade de conectar aos profesionais do teatro"

Como funciona na práctica? Hai un consello de redacción e moitos dos seus membros son tamén colaboradores da revista.

Hai un consello que foi cambiado de membros, aínda que hai un núcleo máis estable. Facemos catro números ao ano e no consello somos 11 persoas. Decidimos o esquema de contidos en cada consello, aínda que despois modifiquemos algúns deles segundo o que vai xurdindo. Aínda que non podemos estar todos en todas as reunións, é un consello vivo, non só nominal. Ademais, nel están representados os distintos axentes do sector: o público, os docentes, os profesionais da interpretación, os xornalistas… O cal ten a vantaxe, ademais, de que facilita a organización da petición de colaboracións.

Dicía porque é un proxecto sen ánimo de lucro e con colaboracións non remuneradas. Non é doado manter unha revista durante tantos anos nesas circunstancias.

Somos, legalmente, unha asociación cultural sen ánimo de lucro, denominada Entre bambalinas. Sería ideal poder pagarlle á xente por escribir, pero non nos é posible. É un problema da cultura galega en xeral, non só do teatro nin da nosa revista. Agora mesmo atopánomos nunha situación de supervivencia, no aspecto do orzamento. Cando tiñamos un apoio institucional claro si podiamos asumir polo menos os desprazamentos dos colaboradores. Pero agora non.

"Sería ideal poder pagarlle á xente por escribir, pero non nos é posible"

Que apoio institucional era ese?

Ata o 1995 tivemos patrocinio de Caixanova, da Concellaría de Cultura do Concello de Vigo, do Ministerio de Cultura... No 1995 cando asinamos o primeiro convenio co Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais de Galicia ( IGAEM), que posibilitou que puideramos estabilizar unha maior periodicidade. Pero no ano 2010 a Consellería de Cultura da Xunta decidiu non renovar o convenio. Agora dependemos máis das subscricións, publicidade… É importante resaltar, de todas maneiras, que o convenio non era só unha achega económica. Faciamos, a través do IGAEM, un intercambio de publicacións con revistas de teatro de distintos países, de xeito que fomos creando unha importante hemeroteca teatral. E tamén se mandaba a revista aos centros de lectorado de galego, aos centros de ensino, bibliotecas…

"No ano 2010 a Consellería de Cultura da Xunta decidiu non renovar o convenio"

Como se distribúe agora, entón?

Distribúe Galaxia, que inclúe a revista no seu servizo de novidades para as librarías que o soliciten. Tamén temos intercambio de publicacións, e as revistas que recibimos nós van para o Fondo Teatral María Casares da Biblioteca Pública de Cangas. E temos os subscritores, claro. Pero xa non enviamos a revista a bibliotecas ou colexios porque non podemos asumir o gasto. A palabra “crise” serviu para tentar xustificar moitas cousas inxustificables. Agora dinnos que non poden enviar a revista á Fundación Penzol, por exemplo, ou o Centro Ramón Piñeiro, porque xa teñen subvención… Pero que a RGT non chegue a organismos coma estes significa que hai menos información sobre o teatro galego. De igual maneira que habería menos se non tiveramos proxectos como o blog de teatro, Teatro Crítico Universal, que serve de fonte de información para antes e despois de ir aos espectáculos.

"A palabra 'crise' serviu para tentar xustificar moitas cousas inxustificables"

A revista estrutúrase en seccións estables con entrevistas, reportaxes, un tema máis en profundidade…

Hai un tema principal, si, que ocupa un número de páxinas considerable. E temos entrevistas, reportaxes, crónicas… Unha parte moi importante da revista é a edición de textos teatrais. Sacamos catro ao ano.

Tamén tedes apoio do concello de Cangas… En que consiste o Fondo María Casares?

O Concello de Cangas o que nos facilita é un espazo, que compartimos, no Auditorio Municipal. É moi importante para nós, ter alí un despacho e un lugar para gardar as revistas. E ter ese espazo foi un efecto indirecto do convenio do Fondo María Casares. As revistas que nos chegan por intercambio, os libros que nos chegan para reseñar… van para este fondo, que se creou por acordo do pleno municipal no ano 1995, a través dun convenio entre o Concello de Cangas, a RGT e Teatro de Ningures. O compromiso é arquivalo e gardalo todo na biblioteca. O seguinte paso sería xa a dixitalización.

"Houbo textos que nós publicamos que foron representados por grupos de teatro de institutos, escolas municipais de teatro, por compañías profesionais"

Publicar textos de teatro é importante nun contexto no que case non se edita teatro. Estaban a revista Casahamlet, a RGT, os textos editados por levar algún premio… e pouco máis. E iso inflúe no descoñecemento dos dramaturgos e dramaturgas do país por parte, mesmo, ás veces, das propias compañías teatrais.

Non só os editabamos. Tamén faciamos presentacións do número da revista con lecturas dramatizadas. Agora xa non podemos facer iso porque non poderiamos nin pagarlle a viaxe ao autor. E houbo textos que nós publicamos que foron representados por grupos de teatro de institutos, escolas municipais de teatro, por compañías profesionais… Como O principio de Arquímedes, que está a representar Teatro do Atlántico. Ademais, os textos poden descargarse para ler na nosa web.

Na web pódese ver o sumario de cada revista, pero non a revista enteira. O que si está en internet é o blog de crítica teatral. Penso que foi un proxecto que comezou a pensarse por un grupo de críticos e que despois acolleu a RGT…

Manuel Xestoso levaba na revista xa tempo, e non lembro se foi primeiro o proxecto do blog e se despois se decidiu que o acollese a RGT. Pero non importa. Cando Xestoso deixou de escribir en A Nosa Terra e Camilo Franco en La Voz, tiveron na RGT o seu sitio para seguir escribindo. E o blog cumpre unha función moi importante pola inmediateza que ten. A pena é, como falabamos antes, que non teñamos orzamento para remunerar todo este traballo. O voluntarismo está ben, pero sería mellor que non houbese tanto e que a xente puidese cobrar polo seu traballo. Que houbese vontade, pero tamén unha remuneración.

"O voluntarismo está ben, pero sería mellor que non houbese tanto e que a xente puidese cobrar polo seu traballo"

Que balance xeral se pode facer da traxectoria da RGT e que plans se abren para o futuro?

O importante é ter unha ambición clara e tentar ir máis alá do que se fai. Seguir polo menos outros 30 anos. Que mellore a colaboración institucional é moi importante. Aínda que está claro que se se quere manter a independencia, non se pode depender diso. É o apoio da cidadanía o que fai que un proxecto cultural como o noso poida manter a liberdade e a independencia. E son 20 euros ao ano por catro números. Iso si é o xeito de garantir un futuro para a RGT.

 

Antón Lamapereira © Asociación de Actores e Actrices de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.