O Ministerio de Cultura só adquire licenzas de libros dixitais en castelán

Lector de libros electrónicos CC-BY-SA Franklin Heijnen

"Con carácter general, todas las obras se ofrecerán en lengua castellana". O prego de condicións técnicas do contrato de adquisición de licenzas de uso de libros electrónicos para o seu préstamo nas bibliotecas públicas do Ministerio de Cultura non deixa lugar á dúbida. A convocatoria data de maio de 2015 e o contrato foi adxudicado en novembro. En total o Ministerio destina este ano 600 mil euros á compra destas licenzas (ao redor de 92 mil) para 486 obras, todas en castelán. Todo, a pesar de que o Plan Estratéxico da Secretaría de Estado de Cultura para 2012-2015 incidía na necesidade de “dar normalidade ao uso das linguas oficiais do Estado nos centros públicos estatais”.

O Ministerio destina este ano 600 mil euros á compra destas licenzas (ao redor de 92 mil) para 486 obras, todas en castelán

Segundo publicou El Español hai uns días, na xuntanza que o pasado ano mantiveran a Subdirectora Xeral de Coordinación Bibliotecaria cos 19 xefes e xefas de servizo das bibliotecas das comunidades autónomas, a representante do Ministerio xustificou a exclusión do galego, o catalán, o valenciano e o euskera polas limitacións orzamentarias, uns recortes que reducen á metade o número de adquisicións con respecto ao ano anterior. Na xuntanza, segundo a crónica do xornal, as representantes de Cataluña, Galicia e Comunidade Valenciana, protestaron ante a ausencia de compras nas súas linguas. Cataluña ameazou mesmo con abandonar o proxecto eBiblio de préstamo de e-books nas bibliotecas públicas, unha plataforma na que xa non participa o País Vasco.

"Durante a xestión de Wert, tan importante como a desfeita educativa, foi a desfeita nas políticas de lectura. Wert fixo desaparecer as partidas de compra de novidades editoriais coas que axudaba as comunidades autónomas"

Manuel Bragado, director de Xerais (que conta cun catálogo de 276 títulos en formato dixital) ve nesta decisión un capítulo máis dunha política máis ampla executada polo Ministerio: "Durante a xestión de Wert como ministro, tan importante como a desfeita educativa, foi a desfeita nas políticas de lectura. Wert fixo desaparecer as partidas de compra de novidades editoriais coas que axudaba as comunidades autónomas. No ano 2008 Galicia recibía 600.000 euros, que despois se utilizaban para a compra de novidades, políticas de apoio ao libro galego, políticas de apoio ás bibliotecas públicas e, despois, as comunidade tiña a obriga de achegar a mesma cantidade. Iso foi amputado".

En Galicia funciona tamén a plataforma GaliciaLe, impulsada pola Xunta, que conta cun catálogo de 1.500 títulos en galego e en castelán, e que acadou os 12 mil préstamos de ebooks nos seus primeiros meses de actividade, de outubro de 2014 a setembro de 2015. "A oferta de GaliciaLe é aceptable" -destaca Bragado- "fronte á realidade da compra do libro físico, que en Galicia diminuíu un 80%, motivada polos recortes do Ministerio". Como curiosidade, nos primeiros meses de vida desta plataforma, as obras máis prestadas foron, na colección de libro electrónico en galego, A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz; Os fillos do mar de Pedro Feijoo, o álbum Maruxa de Eva Mejuto e Mafalda Milhões, A memoria da choiva de Pedro Feijoo e Ámote Leo A.: destino Xalundes de Rosa Aneiros. Do catálogo en castelán, foron La ridícula idea de no volver a verte de Rosa Montero, El principito (audiolibro) de Antoine De Saint-Exupéry, El guardián invisible de Dolores Redondo, a triloxía Cincuenta sombras de E.L. James, e El mundo en tus manos de Elsa Punset. 

O Plan Estratéxico da Secretaría de Estado de Cultura para 2012-2015 incidía na necesidade de “dar normalidade ao uso das linguas oficiais do Estado nos centros públicos estatais”

A decisión adoptada polo Ministerio de Cultura, ademais de incumprir obriga que o Estado central ten de protexer e apoiar todas as linguas que son oficiais no territorio español ("A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección", artigo 3.3 da Constitución de 1978), dificulta que, por exemplo, un galego residente en Madrid poida acceder a préstamos de obras en formato electrónico en galego, pois o servizo de GaliciaLe limítase á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

"A política cultural do Goberno do PP xa non ten que ver cos recortes. A cultura pertence ao departamento de amputacións", conclúe Bragado

"A política cultural do Goberno do PP xa non ten que ver cos recortes. A cultura pertence ao departamento de amputacións", conclúe Bragado. "Xa non só falo do recorte de fondos, senón tamén do mantemento do IVE cultural no 21%, que levou a ruína ao sector da música e do teatro, e tamén prexudicou moito o sector da edición, no que atinxe ao libro dixital". "Poderíamos ofrecer un preo moito máis competitivo se tivésemos o mesmo gravame que o libro físico. Isto está retardando o proceso de migración dixital do mundo do libro en España. Os prezos non son atractivos e isto non favorece que o sector aposte por isto, o que favorece que a distribución estea sendo monopolizada por Amazon", engade.

 

Lector de libros electrónicos CC-BY-SA Franklin Heijnen
Biblioteca Ánxel Casal © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.