O Consello da Cultura Galega inaugura o vindeiro 10 de maio a exposición Galicia 100, con outras tantas pezas que amosan a nosa historia e a cultura. A mostra poderá verse en primeiro lugar na sede compostelá de Afundación (rúa do Vilar, 19), co-organizadora xunto con Abanca e o CCG. Máis adiante pasará por A Coruña e Vigo. O obxectivo é construír un "relato histórico" de Galicia a través destes obxectos, dende o Paleolítico Inferior ata os anos 90 do século XX, seleccionados "pola súa capacidade de explicar aspectos da identidade, o territorio, a sociedade e a cultura galegas e os seus cambios ao longo do tempo".
Ademais da mostra física, o proxecto contará cunha publicación en papel, unha aplicación para dispositivos móbiles, e cunha web que fará uso de mecanismos interactivos na dixitalización do patrimonio, como modelos 3D e animacións.
O proxecto conta cunha app para dispositivos móbiles e cunha web que fará uso de mecanismos interactivos na dixitalización do patrimonio, como modelos 3D e animacións
A mostra toma como referencia o proxecto A History of the world in 100 objects, levado a cabo en 2010 polo Museo Británico e a BBC Radio 4, e que tamén foi replicado con éxito en Irlanda. Ademais, dende este luns o programa Zig Zag da Televisión de Galicia ofrecerá diariamente unha escolma das pezas seleccionadas.
A exposición está comisariada por Manuel Gago e contou cun Consello asesor de especialistas, encabezado por Ramón Villares, e no que tamén participaron Carlota Álvarez Basso, José Miguel Andrade Cernadas, Fernando Bouza, Felipe Criado Boado, Guillermo Escrigas, Lourenzo Fernández Prieto, Pegerto Saavedra e Dolores Vilavedra. Máis de sesenta institucións, empresas e coleccionistas de Galicia e do exterior participaron no proxecto do Consello da Cultura Galega facilitando o acceso aos obxectos que se exporán.