0 Gardados para despois

"Atraíame a idea do deserto como estímulo para a concepción de comunidades alternativas ás existentes"

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


María do Cebreiro vén de gañar o Premio da Crítica española na modalidade de poesía en lingua galega con O deserto, un poemario froito da soidade, e tamén dos encontros con persoas queridas, durante unha convalecencia que durou meses. Este martes 3 de abril ás 20:00 terá lugar un encontro con ela, organizado pola Asociación Galega da Crítica en colaboración co Ateneo, das críticas Dolores Vilavedra e Inma Otero, na sede de Afundación situada na Rúa do Vilar 19 de Santiago de Compostela. O deserto é, -como explica nesta entrevista-, a posibilidade de cruzar soidades e repensar os xeitos de comunidade.

"No deserto hai oasis e espellismos. O principal traballo/ de toda vida humana é aprender a recoñecer/ a diferenza. Non é doado". Neste, e noutros poemas, o deserto está conectado coa idea da humanidade, coa forza precisa para vivir. Por que? Que é o deserto en O deserto?

Tendemos a imaxinar o deserto como un lugar alleo á comunidade, pero a min atraíame a idea do deserto como estímulo para a concepción de comunidades alternativas ás existentes. Polo tanto, o deserto non sería tanto un espazo despoboado como un espazo que impugna a orde habitual da existencia. Nese sentido fóronme de axuda certas lecturas e certas imaxes, entre as que agora destacaría as ideas de Roland Barthes sobre as “comunidades idiorrítmicas”, compostas por persoas que traballan con ritmos singulares, que comparten un lugar pero tamén unha soidade. Dalgún xeito o deserto para min é a posibilidade de compartir a soidade, de cruzar a miña soidade coa dos outros.

"O deserto para min é a posibilidade de compartir a soidade, de cruzar a miña soidade coa dos outros"

Por que optaches pola idea do deseño do libro como se fose un devocionario? Ademais, hai varias citas bíblicas que serven un pouco ás veces como fío condutor. Por que?

A poesía que máis me interesa ten que ver coa meditación. O poema sería, tomando prestada a idea de Jean-Luc Nancy, unha oración laica. Tiven a sorte de ter unha educación allea á relixión. Desde cativa quedei libre, tanto na escola como na casa, desa educación relixiosa, máis ou menos regrada, que foi habitual noutras persoas que coñezo. E iso volveume moi curiosa cara á iconografía cristiá, na que atopei espellos e referencias culturais que se cadra non me serían posibles se tivese que esforzarme por liberarme deles. Doutra banda, a ninguén se lle escapa a inmensa potencia imaxinaria da Biblia, particularmente do Vello Testamento, un dos grandes monumentos literarios de todos os tempos e lugares. E do Novo serviume a idea da resurrección e da encarnación, moi ligada ao cruce de fronteiras entre a vida e a morte do que o libro parte.

"O amor pide guerreiros, persoas afeitas/ a vivir en condicións estremas ou, pola contra, febles. Non tanto para os poñer a proba/ como para sacar á luz a súa potencia oculta". E despois "por iso flúe conmigo, pura paixón do poema, porque eu non nacín máis que para escribir e ser escrita". Que é o amor en O deserto? Por que se relaciona co deserto como plenitude?

Cando escribín o meu primeiro libro tíñalles medo aos poemas de amor, parecíame que era dificilísimo escribilos sen caer no lugar común. Co tempo comprendín que o amor é a mesma forza que move a escrita. Entendido no sentido amplo no que coido que debe ser entendido, é o que nos impulsa a crear, e tamén a cuestionar os límites que nos condicionan socialmente e os límites cos que nos condicionamos a nós mesmos. No nivel imaxinario, conecto o deserto coa idea do infinito. A potencia amorosa, entendida como unha experiencia de verdade e de lealdade que que nos transforma, carece para min, como o mesmo deserto, de forma e de medida. É incalculable, e por iso non ten que ver coa posesión ou o control, senón coa capacidade de entrega e a liberdade.

"Co tempo comprendín que o amor é a mesma forza que move a escrita"

O libro partiu, en boa medida, dun tempo de convalecencia que te obrigou á quietude e á soidade, e que che produciu, se cadra, unha maior consciencia do corpo. En que sentido é o libro froito desa convalecencia, e do encontro con outros que ela produciu? (Contabas en Numax que tiveras moito apoio de moitos amigos. Un pouco como o que contas co libro: os eremitas que se atopan uns a outros no deserto).

Así mesmo é. Se me permites o uso dunha imaxe, creo que ao desertar (que é o que fai un cando se ve obrigado a habitar o deserto), podemos elixir levar connosco certas armas e usalas para un novo propósito. Polo tanto, non se trata de abandonar a idea dunha vida en común, sexa en relación coa sociedade ou con institucións como a parella ou a familia, senón de reiventar o noso xeito de relacionarnos con nós mesmos e cos outros, desde un maior grao de consciencia e de xenerosidade.

Naturalmente iso é algo moi complexo, que se aprende paseniño, e para o que raras veces estamos preparados porque ninguén nolo ensinou. Eu houben de aprender algo diso, aínda moi pouco, porque a vida me obrigou por medio dunha experiencia de arredamento forzoso. Pero como ocorre tantas veces, o que podía ter sido algo traumático acabou sendo unha magnífica aprendizaxe. E por máis que a convalecencia e a rehabilitación fosen procesos duros, sobre todo no nivel físico, a verdade é que estou realmente agradecida por ter vivido o que vivín ao longo daqueles meses.

"Non se trata de abandonar a idea dunha vida en común, senón de reiventar o noso xeito de relacionarnos con nós mesmos e cos outros"

"Ninguén nos dará a man no derradeiro alento". No libro aparece tamén a idea da morte, e a soidade que supón. E amor e morte aparecen, frecuentemente, conectados. Por que e en que sentido?

As caídas accidentais son algo moi curioso. Fíxate que hai todo un imaxinario occidental artellado arredor das caídas: San Paulo de Tarso do seu cabalo, sen ir máis lonxe. Aquel home, tan belixerante na súa vida anterior, cae de camiño a algures, veloz como ía, e a caída obrígao a deterse e a comprender. E daquela ve algo que antes non vía, e esa comprensión é tan fonda que muda mesmo de nome. Nas caídas, sexan reais ou imaxinarias, sempre se dá a posibilidade dunha toma de conciencia. Sobre todo porque te decatas de algo moi impresionante: estás viva e podes contalo.

Ao mesmo tempo, naturalmente, non podes contalo de todo, porque hai algo nesa experiencia que resulta incomunicable, e debes aprender a vivir con iso que sabes que non podes transmitir. Sempre me pareceu moi curioso que linguas como o inglés empreguen o termo “caer” para falar do proceso do namoramento, porque no amor hai unha dimensión de toma de terra moi importante, unha sensación de “caída” nun foxo pracenteiro pero ao tempo perigoso que ben poucas experiencias poden igualar.

"A diferenza das nais, ela/ concédelles cadanseu espazo ao sangue e ao seme. / Sabe gozar da potencia infinita desa división, e ao separar/ cada un dos espazos, na práctica libéraos". No poemario tamén hai unha revisión dalgún xeito de entender a maternidade. En que sentido?

A maternidade segue a ser un imperativo social para as mulleres, e os discursos que se xeran arredor dela operan a miúdo como tentativas de limitar ou condicionar o noso dereito a decidir sobre as nosas vidas. Nos últimos anos estamos a asistir ademais a unha involución baseada nun naturalismo no mellor dos casos inxenuo. Hai meses tiven a sorte de escoitarlle a Toni Negri declaracións moi rotundas a este respecto: ningunha volta ás esencias pode ser liberadora para ninguén.

Só desde a premisa de que o que somos é o produto dunha construción non exenta de conflitos podemos ampliar os límites da nosa identidade e pelexar pola nosa autonomía no caso de que outros a cuestionen. Ante ese retorno dunha suposta “natureza feminina”, non está de máis lembrar que os argumentos bioloxicistas condenaron historicamente as mulleres á súa subordinación non só subxectiva senón xurídica; en suma, á súa desaparición do espazo público. Reivindicar que o amor ou a maternidade son vivencias tan culturais como naturais (noutras palabras, que a cultura fai parte da natureza humana), volve ter hoxe un indubidable valor político.

"Nos últimos anos estamos a asistir ademais a unha involución baseada nun naturalismo no mellor dos casos inxenuo"

En Os inocentes, o teu libro anterior, aparecía o amor como forza de transformación. Como acontecemento, irrupción do novo, no sentido de Badiou. Como se relaciona O deserto con Os inocentes?

Raramente atopo fíos entre un libro e o anterior. Si que me ten pasado entre libros de ensaio e libros de poesía: (nós, as inadaptadas) e As terceiras mulleres ou Non son de aquí e Fogar impronunciable, como se o que pensase en forma de ensaio acabase indo parar tamén aos poemas, ou viceversa. Pero a miña sensación ao comezar un poemario é a de erguer un campamento nun lugar totalmente novo. Non digo que sexa así, senón que non son capaz de sentilo doutro xeito, e quizais neste caso con máis forza debido á natureza do proceso que subxace ao libro.

En O deserto ("As nosas palabras tentan dispoñer as cousas/ nunha orde, e a orde sempre é algo que acontece/ despois"), tamén aparece a consciencia da limitación da linguaxe humana, como en Os inocentes. Por que?

Penso que iso si que é común a canto levo escrito en todos os xéneros. Son moi consciente de que as palabras non poden apreixar a vertixe das sensacións, e de que o máis importante sempre queda fóra do seu terreo. Hai unha dimensión do pensamento de Wittgenstein sobre a linguaxe que me toca moi de cerca e que ten que ver coa mística. Como el mesmo diría, “daquilo do que non se debe falar, mellor calar”.

"Son moi consciente de que as palabras non poden apreixar a vertixe das sensacións, e de que o máis importante sempre queda fóra do seu terreo"

Responde O deserto, como Non son de aquí, Fogar impronunciable ou Cuarto e outono á vontade de recuperar a lírica como expresión das emocións, mais como un xeito de poesía política?

Antes mencionabas a Alain Badiou e el permite establecer unha correlación (de certo, non unha equivalencia ou identidade) entre a política e o amor, xustamente a partir da idea do acontecemento. Os acontecementos soportan verdades que nos obrigan a serlles leais. Esa é a fidelidade que atravesa a acción e a que atravesa o sentimento. Cando son de verdade, hai poucas cousas máis revolucionarias que as emocións.

Algo máis que queiras salientar de O deserto ou da súa relación co resto dos teus libros? (Ou do cine, por exemplo, que aparece moito).

Vivín varios anos cun mozo para o cal as imaxes son moi importantes, diría mesmo que forman parte do seu xeito de sentir e de estar no mundo. Todo iso, a través da convivencia, desa experiencia exacta das cousas e da medida das sensacións que che dá o corpo a corpo cunha persoa, vai apousando en ti, e felizmente xa nunca te abandona. N’ Deserto é importante a idea de que o que nos dan os demais vai para alén do que procuramos neles ou do que eles nos tentan dar. Unha vez remata a convivencia, no mellor dos casos pode ter lugar unha destilación que deixa vivas dentro de nós todas as razóns polas que aquela relación foi posible algún día, a pesar do seu remate.

Noutras palabras, aquilo pasa a ser algo que nos conforma, que fica literalmente incorporado ao que somos. Considérome moi afortunada porque isto que tento expresar aquí, a partir da vida en parella, é algo que aprendín na casa desde cativa. Hai anos, cando dicían da miña poesía que era “culturalista” soábame moi estraño. Grazas a meus pais tiven a sorte de entender que a literatura non era tanto un oficio como unha paixón, e que non tiña que esforzarme por chegar a ningures, senón por serlle leal á herdanza que recibira. Por máis sorprendente que resulte (e son consciente de que en moitos sentidos o é), os libros eran o meu horizonte familiar, dun modo moi físico. As paredes da casa familiar estaban, centímetro a centímetro, cubertas de libros. Para min, onte e hoxe, os libros non son máis que aquelas cousas que os meus pais tanto querían e que tanto me aprenderon a amar.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.