A Asociación O Fervedoiro vén de publicar Verbo na Arria, un libro de homenaxe a Xohán Xesús González que fai un repaso pola vida, obra, creacións culturais e políticas do canteiro, mestre, xornalista, avogado, escritor e político de Cuntis, fusilado en setembro de 1936. Na obra participan cos seus textos e poemas medio cento de persoas, recoñecendo no 120 aniversario do seu nacemento a González, que tras ter noticia da sublevación militar se puxo á fronte dun grupo de cincuenta obreiros de Teo (o coñecido como Terzo de Calo) que se dirixiron cara a Compostela para defender a legalidade e a democracia.
O libro foi presentado o pasado 7 de maio en Cuntis, acompañado da estrea do booktrailer realizado polo proxecto comunicativo comarcal O Quinteiro do Umia. O vídeo é o resultado de cinco meses de traballo e da colaboración de ducias de persoas, nunha peza de gran calidade que inclúe planos aéreos realizados con drons e efectos dixitais na posprodución.
Verbo na Arria, publicado por Edicións Fervenza, é un proxecto iniciado no ano 2009, cando a Asociación O Fervedoiro lle rendeu unha homenaxe poética a Xohán Xesús González, inaugurando ademais unha exposición antolóxica sobre a súa figura, titulada Porta dun Futuro Proletario, empregando un dos versos de "Pólvora e Magnolias" de Xosé Luís Méndez Ferrín. Todos os apartados do libro están rotulados no Verbo Xido (fala gremial dos arghinas ou canteiros) pois o González pertenceu a ese gremio de traballadores da pedra.
"Hai moitas persoas que quedaron escurecidas, pola ditadura primeiro e, despois, porque se quixo destacar máis a outras figuras ou porque non había tanta información sobre elas. Xohán Xesús González é unha delas", destaca Heitor Picallo, da Asociación O Fervedoiro. "Del falou moi pouca xente, exceptuando algúns dos seus íntimos, como Borobó, Luís Seoane, Arturo Cuadrado ou Francisco Fernández del Riego. Pero é moito o que se pode destacar da súa actividade, era unha persoa moi poliédrica e moi consecuente coas súas ideas", di.
"O ideal sería publicar unas Obras Completas, pero primeiro hai que valorizar a persoa", subliña Picallo
"Sería importante recompilar toda a súa produción xornalística, que é moi ampla. E o ideal sería publicar unas Obras Completas, pero primeiro hai que valorizar a persoa", subliña Picallo, que propón igualmente colocar unha placa conmemorativa no lugar que ocupaba a Libraría Niké (que González xestionaba xunto con Arturo Cuadrado) na Calderería de Santiago de Compostela. E, igualmente, fai un chamamento, que será formalizado pola Asociación O Fervedoiro, para que a Real Academia Galega lle dedique nalgún momento a Xohán Xesús González o Día das Letras: "escribiu novela, poesía, teatro, moito ensaio e textos xornalísticos, era un home que bulía de actividade, moi atento ademais á actualidade política de toda Europa".
A entidade, ademais da promoción deste libro-homenaxe, que nos vindeiros meses será presentado en distintas localidades de toda Galicia, mantén as súas actividades habituais, coma a organización de Roteiros de Memoria en Cuntis, dedicados a persoeiros do lugar, como Uxío Souto, Xohán Xesús González e Roberto Blanco Torres, aos paseados ou aos represaliados. Tamén a convocatoria do Premio de Poesía Carmen de Xinzal, un dos pseudónimos empregados por Xohán Xesús González. "É moi importante salientar tamén o seu feminismo. Tiña unhas ideas moi avanzadas para a súa época, mesmo no ámbito da esquerda, por exemplo á hora de reivindicar que as mulleres deberían ter os mesmos dereitos legais que os homes á hora de recibir herdanzas ou asinar contratos", subliña
Medio cento de poetas
"É moi importante salientar tamén o seu feminismo. Tiña unhas ideas moi avanzadas para a súa época, mesmo no ámbito da esquerda"
Na obra, que conta cun limiar de Marcos Seixo (un dos biógrafos do homenaxeado) e que tamén reproduce tres composicións que se lle dedicaron en vida -unha do seu amigo e conterráneo Manuel Mesejo Campos, outra José Márquez Peña e a última de Ramón Martínez López-, participan medio cento de poetas: Vicente Araguas, Maka Arca, Olimpio Arca Caldas, Romina Bal, Helen E. Bertels, Ramón Blanco, Marica Campo, Marta Dacosta, Manoele de Felisa, Suso Díaz, Luz Fandiño, Xoán Xosé Fernández Abella, Baia Fernández de la Torre, Modesto Fraga, Xosé Lois García, Fuco Gómez Fontes, Fernando González Graña, Baldomero Iglesias, Yolanda López, Xulio López Valcárcel, Miguel Louzao Outeiro, Xosé Luna, Xosé Luís Méndez Ferrín, Vanessa Míguez Bouzas, Alexandre Nerium, Ramón Neto, Lucía Novas Garrido, David Otero, Seném Outeiro, Carlos Penela, Héitor Picallo, Martiño Picallo Fontes, Xavier Queipo, Xesús Rábade Paredes, Lorena Rei Noia, Eli Ríos, Elvira Riveiro Tobío, Lara Rozados, Susana Sánchez Aríns, Xosé Luís Santos Cabana, Uxía Seixo, Nieves Soutelo, Diana Varela Puñal, Xosé Vázquez Pintor, Rocío Viéitez, Ramón Vilar Landeira, Miro Villar, Helena Villar Janeiro e Ana Vispo.