“Deserto de centos' é unha retrospectiva de todas as músicas do meu imaxinario sonoro”

Sonia Lebedynski Dominio Público Praza Pública

Sonia Lebedynski vén de publicar o seu primeiro disco en solitario: Deserto de centos. Trátase dun disco de autora -forneado xunto co brasileiro Sérgio Tannus- que é resultado de todas as músicas das que foi bebendo ao longo súa traxectoria musical e vital: trad, folk, funk, pop, música brasileira. Lebedynski, que foi a vocalista do desaparecido grupo Fía na Roca, define este álbum como unha “viaxe inicática cara a un horizonte por descubrir”. Resulta ser dalgún xeito o sedimento das músicas escoitadas e cantas e, en definita, nel atopamos todo o seu universo sonoro e vital.

No álbum colaboran grandes nomes da música do país, como son Xosé Lois Romero, Guadi Galego, Uxía ou Óscar Losada. E a banda que a acompañará nos seus concertos está formada polo xa citado Sérgio Tannus (dirección musical e cordas), Carlos Freire (percusións), Roberto Comesaña (piano e acordeón), Martiño Domínguez (saxo tenor e barítono), José Manuel Díaz (baixo), Manuel Paino (trompeta) e Jose Luís Miranda (trombón). Todos eles acompañarán a Lebedynski no primeiro gran concerto que ofrecierá para presentar este disco, que se celebrará o 26 de maio no Teatro Principal de Santiago ás 21.00 horas. As entradas están á venda aquí.

Fía na Roca, a histórica banda da que foi vocalista, desapareceu hai cinco anos. Por que tardou tanto en lanzarse a publicar un primeiro disco en solitario?

Por un cúmulo de circunstancias. Cando decidimos poñerlle punto final a Fía na Roca, que para min foi unha escola importantísima na que medrei persoal e artisticamente, varios membros do grupo tiñamos interese en sacar adiante proxectos individuais que roldaban nas nosas cabezas. Un deses proxectos era o meu. Por aquel entón tiña con Xosé Lois Romero unhas ideas para levar a cabo un proxecto conxunto, pero foi imposible por incompatibilidades con proxectos adxacentes que tiñamos cada un de nós.

É dicir, o proceso de creación deste Deserto de Centos si que comezou hai cinco anos, mais durante este tempo houbo situacións que o foron dilatando. E o proxecto foi reformulado varias veces até o que temos hoxe. Polo camiño, apareceu Sérgio Tannus. Produciuse unha boa química entre os dous a raíz da colaboración que fixen con el para o seu proxecto Son brasilego. E tras esa colaboración, decidimos que podiamos continuar co meu proxecto. Un proxecto que é bastante plural e moi dinámico, pero non vén dun conxunto Xosé Lois Romero-Sonia Lebedynski-Sérgio Tannus, senón que polo camiño se foron unindo amigos e amigas que achegaron as súas notas, as súas ideas, as súas músicas...

Falamos de Guadi Galego, Uxía, Óscar Losada...

Si, para min este disco resultou interesante polo aspecto de aglutinar unha serie de propostas que non son só unicamente miñas a nivel compositivo, senón que son tamén resultado dunha suma de talentos e persoas que están preto de min a nivel persoal e artístico. No caso de Guadi, eu enviáralle unha letra  para que ela musicara; pero ela non me devolveu esa letra musicada, non. O que recibín foi un regalo: unha letra e unha música que ela compuxo e que dicía que eu lle inspirara. No caso de Uxía, envioume un poema musicado de Manuel María, foi outro verdadeiro agasallo... É dicir, todo foi xurdindo dun xeito natural, sen planificalo.

"Procedo da música tradicional e do folk, mais non é o único tipo de sons que forma o meu ADN musical"

Podemos dicir, empregando pola miña banda un termo bastante tópico, que este é un disco ecléctico, que Sonia Lebedynski toca moitos paus nel...

Eu procedo da música tradicional e do folk e formei parte dun grupo tan mítico como foi Fía na Roca, mais non é o único tipo de sons que forma o meu ADN musical. O meu ADN musical está conformado por moitos xéneros e rexistros sonoros. E a verdade, aí temos unha idea que estaba dende os comezos deste disco: o meu primeiro disco solitario debía reflectir o meu imaxinario sonoro. Quería que este disco aglutinase todas estas sonoridades que, para ben ou para mal, forman parte do que son eu musicalmente. Para min era importante que, sen perder o norte da música da que procedo, abrir horizontes. No disco falo diso precisamente, dos horizontes, das liñas que se difuminan.
 

E de todo ese ADN musical de Sonia Lebedynski, que atopamos neste primeiro disco?

Ao longo do Deserto de centos hai, como ben dis, moitos rexistros diferentes. Hai temas con reminiscencias pop e tamén podes atopar un dos últimos temas que preparei para Fía na Roca. Falo de 'Baila queridiño'. Compuxen unha música para esa letra tradicional para Fía na roca, pero non chegou a entrar no seu repertorio. Agora aparece. Tamén hai un tema moi importante para min, o 'Alumea', que se pode escoitar no disco de Amancio Prada Caravel de Carabeveles, e que foi o primeiro tema que aprendín e aprendino do meu pai. Ese é un punto de partida que está neste disco, o primeiro contacto coa música galega.

Despois, loxicamente, atopamos a pegada de Sérgio Tannus, que amosa a súa condición de brasileiro en temas como Chove outra vez ou Quixera, no que tamén hai mostras de reggae ou blues. Porque, tamén hai que lembralo, Sérgio Tannus é un gran multiinstrumentista e un músico que domina outros moitos rexistros sonoros...

E que máis percorridos musicais hai ao longo deste disco? Pois mira, dende baladas como 'Viaxe Astral' ou 'Miña doce amiga'... E tamén temos as esencias do funky. Eu formei parte como vocalista dun grupo funky e iso forma parte tamén do meu ADN sonoro. Porque polo funky sempre sentín unha conexión e unha empatía especial e isto era algo que quería que se notase no disco. Porque outra idea que tiven sempre clara é que quería meter unha sección de metais, porque sei que no folk os metais poden facer cousas marabillosas. E esa sección de metais está no disco e estará tamén nos directos. Un directos que van ser cunha banda grande, é un desafío que imos asumir nestes tempos de crise.

"Creo firmemente neste 'Deserto de Centos'. Vou defendelo e vou apostar por ir coa banda completa"

Parece bastante arriscado ir cunha banda de gran formato para facer unha xira. Precisamente por eses tempos de crise á que se refire, tanto no mundo da música coma en todo.

É complicado, claro. E a xente abre os ollos cando digo que vou cun formato de oito músicos sobre o escenario. Claro que é un desafío neste momento no que o que se move é o formato reducido polo custo. O que nós imos vender é un produto de calidade, eu creo firmemente neste Deserto de Centos. Vou defendelo e vou apostar por ir coa banda completa. E temos exemplos de que se pode facer algo así, miremos ao compañeiro Xabier Díaz que tamén está afrontando este desafío cun formato de gran banda.

Musica un poema de Luz Campello. Que papel xoga? De onde xorde o seu interese por estes versos de Inventario do prohibido?

Este poemario, Inventario do prohibido, chegou ás miñas mans e impresionoume. Eu tiña a idea de que neste disco debía reflectirse o meu compromiso co feito de ser muller, un compromiso latente dende moito antes deste disco. Tiñamos varias ideas para un tema deste tipo e entón apareceu o poemario e quedei prendida. Lino e relino e sentín a necesidade de que formase parte deste Deserto de centos. Porque a escrita de Luz Campello ten unha potencia enorme, unha forza tremenda e sentinme moi identificada. Representaba moi ben a mensaxe coa que eu me sinto identificada.

"Tiña a idea de que neste disco debía reflectirse o meu compromiso co feito de ser muller, un compromiso latente dende moito antes deste disco"

E cal é esa mensaxe?

Fala dun inventario do prohibido, de que as mulleres pola nosa condición de xénero vivimos relegadas por unha orde establecida, unha orde que estableceron para nós sen contar coa nosa voz. Esa orde mundial fainos ser invertebradas. E ela fala precisamente desa invertebración e de que debemos buscarnos a nós mesmas, vertebrarnos nós mesmas e apropiarnos de nós mesmas. “Ser desertoras das palabras/ dos cantos que nos devalan”.

“Salvarme vertebrada”, é o verso exacto que resume a mensaxe?

Si, efectivamente. Eu loito cada día por non desvertebrarme.

"Este disco é unha retrospectiva de todas as fontes sonoras que eu bebín, de todas as músicas que forman parte do meu imaxinario sonoro, de todas as músicas que fan quen hoxe son"

Define o seu disco como unha viaxe iniciática cara a horizontes múltiples. Entendo que unha parte desa viaxe iniciática, a publicación do disco, xa está feita. Xa sabe cara a onde pode ir o traxecto?

Pois a descubrirme a min mesma, directamente. É dicir, aquí teño claro que este disco é unha retrospectiva de todas as fontes sonoras que eu bebín, de todas as músicas que forman parte do meu imaxinario sonoro, de todas as músicas que fan quen hoxe son. Este Deserto de centos é o punto do que parto. Aquí comeza a miña andaina en solitario e afróntoo como un deserto nunca transitado. Até agora, todo o que fixen foron proxectos colectivos ou proxectos colaborativos. A partir de agora, todo isto vaime levar a outros horizontes e vou abrir camiños distintos  Estou á expectativa de todo o que este Deserto de Centos me pode achegar. Agora comeza unha nova etapa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.