O relato íntimo. A construción da identidade e do xénero. O retrato da natureza. Son algunhas das claves nas que se move o traballo da cineasta Xiana Gómez-Díaz, protagonista dun foco especial da Mostra de Cinema Periférico (S8) no que se proxectará unha escolma dos seus traballos e na que, nun encontro co público moderado polo tamén realizador Xacio Baño, explicará o seu proceso creativo e presentará o work-in-progress da súa longametraxe Proxecto D.
A ollada das cineastas galegas centra este ano a sección Sinais do (S8), que ademais de achegarse á creación de Xiana Gómez-Díaz acollerá unha mesa redonda na que o festival reúne diversas directoras co gallo do novo proxecto de Xisela Franco e Beli Martínez, Cinema e muller. Ademais, o Sinais en curto ofrecerá unha panorámica sobre a curtametraxe galega contemporánea a través dunha selección de proxectos realizados dentro da segunda edición da iniciativa Chanfaina’Lab, boa parte deles feitos por mulleres. Tamén se poderán ver os últimos traballos de Xurxo Chirro, Gonzalo E. Veloso e Borja Santomé Rodríguez.
"A ollada das cineastas galegas centra este ano a sección Sinais do (S8)"
Gómez-Díaz, co-fundadora, xunto con Emilio Fonseca, da produtora Walkie Talkie Films, presentará, entre outros, o seu filme Carretera de una sola dirección, gañador do Proyecto X Films do certame navarro Punto de Vista, un percorrido por estrada no que se van atopando múltiples prostíbulos, todos eles protexidos polo silencio. Porque, -explica a realizadora-, “a sociedade dálle as costas a unha realidade cunha presenza material aterradora”. Durante a rodaxe, Gómez-Díaz puido comprobar o “incómodo silencio” que se produce arredor destes locais. En parte por iso Carretera de una sola dirección é case muda. A imaxe -as portas pechadas, os neóns…- falan polas mulleres agochadas tralos muros dos clubes.
"A imaxe -as portas pechadas, os neóns…- falan polas mulleres agochadas tralos muros dos clubes"
As mulleres, -en concreto, a construción da subxectividade feminina adolescente-, son tamén o cerne de Proxecto D, un filme no que Gómez-Díaz está traballando, e do que falará no encontro co público no que Xacio Baño, protagonista do “en foco” do (S8) do ano pasado, fará de moderador. Proxecto D é un traballo transmedia que a autora comezou con Carla Calleja no 2013, a partir da recompilación de diarios íntimos de adolescentes. A pragmática do segredo, a construción da identidade, a infancia tardía e a adolescencia retratadas en primeira persoa ou o reencontro coas creacións culturais da adolescencia durante a etapa adulta son algúns dos alicerces de Proxecto D, do que naceron xa unha exposición e un libro, e do que agora está a agromar un filme. Curiosamente, Eco, a última curtametraxe de Xacio Baño, tamén foi realizada a partir da recuperación do diario dunha muller.
Gómez-Díaz fará mención tamén a Anticipación, unha exploración do ritual feminino de “arranxarse” antes de saír. “Polo momento só teño hipóteses, porque estamos comezando. É un ritual que nos di cousas sobre a construción do xénero, pero tamén estou vendo que se produce unha reapropiación máis hedonista dese tempo polas propias mulleres, que acaban converténdoo nun espazo propio, un tempo que dedican ao autocoidado, subvertendo a súa utilización como xeito de cumprimento da norma social sobre como teñen que arranxarse as mulleres para saír de festa”, conta a cineasta. A tensión entre a subversión da norma e a súa aceptación atravesa tamén Mira para aquí un momento, unha das curtas desta mesma directora que o (S8) proxectará na escolma dedicada ao seu traballo, xunto con Real Woman, tres pezas de Encontro con entidades, Sotobosque 1, Dúas pitas e While it spins.
"A tensión entre a subversión da norma e a súa aceptación atravesa tamén Mira para aquí un momento"
Mira para aquí un momento amosa conexións con Proxecto D, e de feito formou parte do material utilizado para este traballo. É unha peza que procede de material de vídeo doméstico, -na senda do carácter íntimo dos diarios-. “As gravacións domésticas retratan os nenos en momentos de lecer, realizando actividades que aos pais lles comprace ver facendo aos fillos. E, claro, é un retrato nesgado da infancia. En Mira para aquí un momento o pai dille á nena o que ten que facer, como ten que poñerse… É unha peza moi sinxela, pero moi elocuente sobre como se transladan oralmente, no cotián, os roles de xénero. Mesmo se ve como a cativa nalgún momento imita o que puido ver no cinema, nas revistas… Pois entre esas máscaras, eses roles, ten que construírse a persoa…”, subliña Gómez-Díaz.
Real Woman, pola contra, sería un retrato da autenticidade, -unha muller anónima que patina, rodeada de xente, nunha pista de xeo artificial-. “Porque é difícil de agochar o que levamos dentro, a nosa esencia. Cando algo nos conmove, vaise notar, aínda que tratemos de disimular porque estamos no medio de moita xente. A curta ten tamén relación co clixé sobre como ser unha ‘muller de verdade’. Pois este clixé tamén ten o seu reverso, podemos reapropiárnolo dun xeito empoderante”, conta Gómez-Díaz.
"É difícil de agochar o que levamos dentro, a nosa esencia. Cando algo nos conmove, vaise notar"
Outras das curtas desta cineasta que se poderán ver no (S8) ollan a natureza, desde a emoción e a fascinación. “Para min hai unha progresión entre Dúas pitas, na que hai unha observación da natureza, -de dúas pitas-, e unha conversa sobre os animais, desde un punto de vista utilitario”, explica a autora. Nos Encontros con entidades, -o mar sobre unhas rochas, zapateiros na superficie da auga, unha muller ao lado dunhas enormes árbores-, reflíctese máis un estado de “contemplación, de quen cre na natureza. Nestas pezas aínda aparece a interacción cos humanos, dalgún xeito.
Pero en Sotobosque, -retrato en primeirísimos planos dun limaco-, “os humanos xa non interveñen. Tratei de facer unha obra rigorosa, atenta, atenta, pausada, na que eu tendese a desaparecer. Porque non son eu o importante. Se cadra o que nos parece feo, repugnante, é porque non o ollamos de perto. Se cadra pensamos que só aos humanos nos corresponde a subxectividade, pero os animais tamén son seres individuais e irrepetibles”.
"Se cadra o que nos parece feo, repugnante, é porque non o ollamos de perto"
En While it spins, uns nenos rodan felices dentro dunha atracción de feira. “É o mesmo abraio co que contemplo a natureza nos Encontros. Para min esta curta ten que ver co sinsentido da existencia, co mito de Sísifo. Rodar a rodar. Pero mentres rodas, polo menos divírteste, no medio do caos. Como os zapateiros no río, nadando xuntos contracorrente”, indica.
Gómez-Díaz participará na mesa redonda na que Xisela Franco, Beli Martínez, Diana Toucedo, Carla Andrade, Jaione Camborda e Margarita Ledo se xuntarán arredor de Cinema e muller, das dúas primeiras. Un proxecto que contou co apoio da Deputación de Pontevedra, nado co obxectivo de visibilizar as creadoras do audiovisual. Esta iniciativa abrangueu varias accións: un mapeo de mulleres realizadoras vinculadas á provincia, relatorios sobre cinema e xénero, unha mostra de cinema galego e a estrea dunha película colaborativa realizada por dez cineastas.
Esta película colectiva, Visións, que tamén se poderá ver no (S8), xurdiu dunha proposta que recibiron as súas autoras de dirixir unha mini-curta nun prazo de dous meses. Tras intercambiar ideas e compartir o seu proceso creativo, o resultado foi unha película de curtametraxes que inclúe as seguintes pezas: Listen to Me de Carla Andrade, Proxectar-se de Eva Calvar, 1/2 de Olaia Sendón, Ambos mundos de Claudia Brenlla, Ei, guapa! de Sonia Méndez, Aava de Andrea Zapata-Girau, Aquí dentro de Lara Bacelo, Zeitübergreifend de Begoña M. Santiago, Voguing de Carme Nogueira e Corpo preto de Diana Toucedo.
Visións, que tamén se poderá ver no (S8), xurdiu dunha proposta que recibiron as súas autoras de dirixir unha mini-curta nun prazo de dous meses
Se cadra en parte pola metodoloxía, -Chanfaina’Lab é un encontro de cineastas galegos en San Sadurniño, no que os realizadores e realizadoras rodan en só dous días-, parte dos traballos que poderán verse na mostra de curtas saídas desta experiencia xurdida da Aula CeMIT do concello de San Sadurniño conflúen cos filmes de Gómez-Díaz máis centrados na natureza. No proxecto Fálame de San Sadurniño, realízanse obradoiros colaborativos no que os participantes aprenden a dixitalizar e xeolocalizar fotografías; posteriormente gravan un audio explicativo de cada imaxe, para subir o resultado final á web www.falamedesansadurnino.org. Mais o presente tamén se rexistra a través de imaxes, sons, vídeos ou documentos.
O (S8) proxectará traballos do Chanfaina Lab de Lucía Vilela (Toxos e flores), Mar García (Beleza do verán), Natalia Porca (Materia Prima), Diana Toucedo (Homes), Alberte Branco (Trazos) e Miguel Mariño (O tempo da mazá). En Toxos e flores, Lucía Vilela xoga coa distancia persoa/paisaxe, -dun xeito semellante a como o fai Lois Patiño, ou Xiana Gómez-Díaz en Encontros con entidades, 3-, antes de presentar unha sucesión de imaxes que mostran caras coñecidas e non tanto, -o que non sairía na postal, como a fábrica-, do rural galego, mentres soa unha música que axudaría a resignificalas, a ritmo de repetición. En Beleza do Verán, a distancia da cámara tracexa tamén un relato, quizais, sobre o que nace e o que morre, a beleza que xermola e se vai sen que medie o esforzo humano, -e outra vez, se cadra, Sísifo-. En Trazos, de Alberte Branco, veciños do lugar escollen espazos significativos para eles, e a súa escolla, e o seu discurso, -que non os vemos producir-, debuxan o seu retrato.
En O tempo da mazá, de Miguel Mariño, mulleres comen das mazás dunha horta na que medran diversas variedades autóctonas de árbores froiteiras
En O tempo da mazá, de Miguel Mariño, mulleres comen das mazás dunha horta na que medran diversas variedades autóctonas de árbores froiteiras. “Con esta singular arca de Noé dos sabores, os veciños de San Sadurniño transmiten de xeración en xeración a memoria da súa propia terra”, explica o autor na súa web. Distintos efectos de imaxe e son transforman a imaxe das árbores, nun código estético que amosa algúns nexos co utilizado por Gonzalo E. Veloso en Árbores para, segundo o seu creador, indagar en como a mente reconstrúe a imaxe e en como -ao contrario da pretensión de Gómez-Díaz, mais sen contradicila-, e como o ollar sobre un obxecto implica sempre un suxeito implícito.
Outra das curtas, que como a de Veloso, non pertencen ao Chanfaina’Lab pero poderán verse tamén no (S8), Jeanette, de Xurxo Chirro, tece tamén algunha relación co traballo de Gómez-Díaz sobre a subxectividade adolescente. En Jeanette, a expresividade dun rostro conta a historia de como se sente, en distintos momentos, unha adolescente. Gañadora do premio á mellor curta no Festival Internacional de Cine de Cosquín (Argentina), amosa con doce planos e algúns fundidos o poder expresivo da cara. A adolescente recibe reproches da nai, suxerencias de amigas ou caricias dun mozo. En Historia cerebro, curta de animación de Borja Santomé, interesa, porén, a atmosfera. Os impulsos primarios. E o encontro entre cinema e pintura. Que se deixa entrever noutras pezas, como a de Miguel Mariño.