0 Gardados para despois

O Bierzo mobilízase para reclamar as Letras de 2017 para Fernández Morales

Redacción | @prazapublica

En menos de dous meses, a Real Academia Galega escollerá o seu homenaxeado ou homenaxeada para 2017. As quinielas xa están botadas e varias das propostas e candidaturas contan con campañas iniciadas dende entidades sociais e culturais, reclamando un recoñecemento que faga xustiza á achega de distintos autores e autoras á cultura e lingua galegas. De novo Carvacho Calero continúa a ser un dos máis reclamados, un nome ao que se engaden Carlos Casares ou candidatos que xa foran debatidos no propio plenario da RAG, como Celestino Fernández de la Vega, Xela Arias ou Fiz Vergara Vilariño. Ás quinielas vense de incorporar outro autor, o berciano Antonio Fernández Morales, cuxa opción vén de ser apoiada por un numeroso grupo de figuras bercianas do ámbito da cultura que xa enviaron un escrito á Academia pedindo o recoñecemento para o seu paisano no vindeiro ano. 

Amancio Prada, Juan Carlos Mestre, César Gavela, Héctor Silveiro ou Valentín Carrera reclaman que as Letras de 2017 para Fernández Morales

Entre os asinantes, Amancio Prada, Juan Carlos Mestre, César Gavela, Valentín Carrera, Xabier Lago Mestre, José Antonio Balboa, Ester Folgueral, Elena Soto ou Héctor Silveiro, membro da Comisión Cultural Martín Sarmiento e académico correspondente polo Bierzo da RAG. No escrito, destacan que "son varios os argumentos que acompañan a solicitude" que se trasladarán ao plenario da Academia. O primeiro, segundo o documento, "o valor intrínseco do libro Ensayos poéticos en dialecto berciano, é equiparable en calidade ao doutras obras de autores galegos contemporáneos" malia ser unha obra "desafortunadamente interpretada pola crítica galega e esquecida ata os anos 90".

Ademais, e segundo a petición destes persoeiros do mundo cultural berciano, o bicentenario do nacemento de Morales en 2017 "ofrece unha oportunidade innegable para  promover e investigar sobre a súa figura, non o suficientemente divulgada e/ou coñecida". "É unha gran ocasión para afondar na riqueza patrimonial común que supón o recoñecemento e a incorporación de xeito decisivo desta achega berciana á Literatura e á Lingua de Galicia, un tesouro cultural que compartimos e do que nos sentimos, tanto os bercianos como os galegos, sinceramente orgullosos", din.

O escrito dirixido á RAG cre que a escolla de Morales sería "un paso máis na defensa do galego no Bierzo, en situación dramática"

Para este grupo de bercianos, a celebración de Fernández Morales "axudaría a andar o camiño da consideración da fala natural das xeraciois pasadas de bercianos e tamén de milleiros de persoas do Bierzo do século XXI, pais e nais que escollen voluntariamente que os seus nenos e nenas estuden a lingua de Morales e de Rosalía na escola, tras da súa incorporación ao ensino en colexios e institutos (máis de mil familias) e procurar novos espazos para o galego no Bierzo".  Sería, segundo lembran á RAG, "un paso máis na defensa do galego no Bierzo, que está atravesando unha situación verdadeiramente dramática ao ser o territorio con maior perda de falantes", algo do que, segundo recordan, o propio Consello de Europa advirte, polo que aconsella intervir con "propostas que dinamicen o uso da lingua galega".

A petición, xurdida nas pasadas Xornadas Martín Sarmiento celebradas en Vilafranca en marzo, foi canalizando un importante número de adhesións a través da rede que xunto a outras iniciativas se divulgan no blog As Medulas para a lingua e cultura galegas no Bierzo. Tamén conta co apoio de varias administraciois locais e comarcais, como a do presidente do Consello Comarcal e de varios alcaldes bercianos como os de Cacabelos, Vilafranca, Carucedo, Corullón, Balboa, Barxas ou Trabadelo. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.