0 Gardados para despois

Irmandade e festa nas rúas compostelás a prol do galego

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Cando, na media noite deste 17 de maio, se apaguen os focos da celebración do Día das Letras prenderanse outros, os que alumearán durante o resto do ano o centenario das Irmandades da Fala, cuxa lembranza comezará este mércores, coa conmemoración da creación da primeira Irmandade, a da Coruña. A case coincidencia de ambas datas permitiu adiantar unhas horas a celebración irmandiña e trasladala ás rúas de Santiago, á manifestación de Queremos Galego. "Como hai cen anos as Irmandades da fala, reclamamos o mesmo, dereito de uso para a nosa lingua, con todas as obrigas necesarias para garantilo".

Como xa é case tradición, a plataforma impulsada dende A Mesa pola Normalización Lingüística e diversas entidades sociais e políticas desenvoleu, entre aires festivos, unha mobilización centrada nas "barreiras" que o galego ten aínda na vida cotiá da poboación. "O centenario das Irmandades -dixo Marcos Maceira na lectura do manifesto final- lémbranos que ningún paso a favor do galego veu da xenerosidade de ninguén, só dos esforzos do pobo galego" que foron quen de "levantar vetos, como fixo hai 50 anos, coa primeira aula de galego da Universidade de Santiago, o profesor Carvalho Calero".

Representantes de todas as forzas da oposición parlamentaria galega e de numerosas entidades sociais uníronse a unha mobilización na que o sol contribuíu a poñer o aire de festa. Tamén cando, ao chegar á Praza da Quintana, o cantante e escritor Xurxo Souto animou, por primeira vez, a corear O carro de Manuel María, o mesmo que minutos despois cantaron Mini e Mero, históricos das letras e da música que ergueron a praza de vez cando, coa Quintana xa chea, lanzaron os acordes d'A rumboia.

Saleta Goi remitiu unha mensaxe á mobilización

Antes os versos do poeta da Terra Chá soaran tamén a coro nas voces diversas que recitaron A fala. Manuel María sempre participou dos movementos a prol da lingua galega e por iso este 17 de maio "o seu espírito estivo nesta manifestación", para lembrar que "renunciar á lingua" é o mesmo que "morrer", dixo por carta á multitude a viúva do autor, Saleta Goi, este martes presente nos actos oficiais da xornada.

Reactivar o Plan Xeral de Normalización 

"Temos lingua propia e queremos vivir nela, non é un capricho, é unha necesidade", sinala o colectivo, quen ve no seguimento da mobilización a mellor mostra de que "o galego une". "pode haber convocatoria máis ampla, diversa e plural que esta?", pregúntanse, nun contexto no que "na causa do galego só sobran os que queren dividir, sementando prexuízos seculares contra Galiza e o seu idioma", os mesmos aos que fixeron fronte as irmandades, pero agora "con decretazos e sentenzas. "As Irmandades da Fala do século XXI somos nos!", exclamou Maceira no nome da organización.

"Somos as Irmandades da Fala do século XXI"

Alén de reivindicacións máis xerais a prol do "dereito humano" de poder empregar con normalidade a propia lingua, Queremos Galego lanza neste 17 de maio reivindicacions máis concretas. Non son novas, pero si están pendentes, toda vez que forman parte do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade do Parlamento en 2004. Cumpriría, din, comezar "polas seis máis urxentes": "Impulso ao papel normalizador da CRTVG", "ensino en galego", "administración en galego", "transporte público con respecto pola toponimia real", "convenio coa RTP para garantir a recepción mutua do sinal televisivo entre Galiza e Portugal" e "axudas e subvencións públicas condicionadas á utilización práctica e efectiva da lingua galega".

Todas estas son propostas que xa teñen "aval do Parlamento" e son "aplicábeis, mañá mesmo, sen ningún custe e con moitos beneficios". "Só precisan vontade e compromiso" e eses valores, resltan, serán os que Queremos Galego lles reclame ás forzas políticas cara ás eleccións galegas do outono. "Queremos un novo goberno a favor do galego!", advirten, porque "a situación do galego non é irremediábel, non somos un pobo condenado a desaparecer". "Ninguén o vai facer por nós", conclúen.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

"O poeta máis querido"

A Real Academia Galega celebrou o Día das Letras Galegas dedicado a Manuel María cunha sesión extraordinaria celebrada na casa na que o naceu en 1929, "nesta horta da Casa de Hortas onde empeza a Terra Chá", como salientou Darío Xohán Cabana, un dos académicos que retratou, no literario e no vital, a figura homenaxeada nun espazo convertido en Casa-Museo. Tamén interviron Manuel Rivas e Margarita Ledo.

Rivas: "Sabemos que Manuel María foi un activista da verdade, mesmo cando a verdade andaba presa. Cada obra de Manuel María é un campo de verdade"

O acto converteu hoxe Outeiro de Rei "na capital literaria do mundo", dixo o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, engadindo que Manuel María é o poeta dos séculos XIX e XX "que ten máis relevancia pública, porque está no corazón e na memoria" dos escolares que cantan e escenifican os seus versos, e porque tamén "foi capaz de chegar aos adultos". "O noso día grande é o da palabra. A palabra é o diálogo, a conversa, o que facía tan ben Manuel María nos faladoiros", engadiu.

"Sabemos que Manuel María foi un activista da verdade, mesmo cando a verdade andaba presa. Cada obra de Manuel María é un campo de verdade. Era un espazo que existía en cada vila da mellor Grecia clásica: o campo da verdade. Alí onde se dirimían as inquedanzas, as urxencias, os anhelos comúns", sinalou Manuel Rivas.

"O compromiso coa fala definiuno no persoal e no comunal. Agora é cousa nosa non deixar que este fío tronce", dixo Ledo

Pola súa banda, Margarita Ledo arrincou a súa intervención trasladando o público ao Monforte dos primeiros anos 70, cando coñeceu persoalmente a Manuel María e a Saleta Goy, cun retrato cheo de lembranzas persoais dun autor en cuxa obra a lingua é "un dos topoi que acada ese selo político e colectivo da literatura resistente". "O compromiso coa fala definiuno no persoal e no comunal. Agora é cousa nosa non deixar que este fío tronce", engadiu. Ledo tamén mencionou os faladoroiros do Méndez, o café de Lugo onde Manuel María trabou amizade con Ánxel Fole ou Luís Pimentel. "Desa presada de contertulios que usaban o galego como resistencia e como dereito á renacenza, aprendeu a distinguir entre o discurso oficial e a Galiza subalterna, a da lingua marxinalizada e calada", dixo.

Darío Xohan Cabana: "Foi o poeta máis querido porque en moitos deses poemas condenados a ser cancións interpretou coma ninguén o espírito do pobo"

"Foi o maior animal poético da nosa literatura nacional. o núcleo esencial da súa poesía constitúe un dos grandes petoutos da xa longo cordal da poesía galega moderna", subliñou Darío Xohan Cabana. Cabana concluíu que Manuel María segue sendo "o poeta máis popular dende Curros Enríquez". "Ducias de cancións súas sábese aínda de quen son; outras xa non se sabe, ou xa poucos o lembran, e son cantadas como cousa anónima, de tradición oral. E foi o poeta máis querido porque en moitos deses poemas condenados a ser cancións interpretou coma ninguén o espírito do pobo; por iso e tamén pola súa condición persoal, pola súa bondade persoal", dixo.

"É ben sabida a convicción nacionalista de Manuel María"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, participou no acto institucional da Xunta para conmemorar o Día das Letras. Así mesmo, presidiu a sesión plenaria extraordinaria e pública da Real Academia Galega. Na súa intervención, Núñez Feijoo, destacou a faceta de "tertuliano" de Manuel María e salientou a "diversidade ideolóxica" deses faladoiros nos que o poeta participaba.

"Atrévome a suxerir que se a Galicia de hoxe é un fogar de todos e para todos, débese á semente que se plantou nesas tertulias nas que Manuel María mostraba a súa capacidade comunicativa. Abonda con repasar os seus compoñentes para darse conta da diversidade ideolóxica que nelas se daba. A lingua servía entón de punto de encontro, e segue sendo hoxe o fío que fai de nós unha comunidade", dixo.

"Temos algo moi importante en común: a lingua. Ninguén pode ser alleo a ela", concluíu Núñez Feijoo

O presidente da Xunta incidiu nesa "diversidade" ao subliñar que "é ben sabida a convicción nacionalista de Manuel María, da mesma maneira que non é un segredo a tendencia conservadora de Xosé Filgueira Valverde, a quen celebramos o ano pasado. Os dous son afluentes do gran río que é a cultura galega. Ambos contribuíron a que o noso idioma estea presente no mundo, facendo patente a nosa maneira de ser". "Se prescindiramos dun ou doutro, a nosa cultura, a nosa lingua, o noso país, estarían incompletos. Galicia sería máis cativa", dixo.

"Temos algo moi importante en común: a lingua. Ninguén pode ser alleo a ela", concluíu Núñez Feijoo