María Solar vén de gañar o premio da I Gala do Libro Galego na modalidade de literatura infantil con O meu pesadelo favorito, (Galaxia), a mesma obra coa que levara o Lazarillo. Acaba de publicar tamén As horas roubadas (Xerais), unha novela sobre o maltrato e as maneiras erradas de entender o amor. Sobre a responsabilidade de cadaquén na escolla do seu propio camiño.
Premio Lazarillo, Fervenzas Literarias, inclusión na lista White Ravens e premio da Gala do Libro Galego, para O meu pesadelo favorito. Moito premio xunto. Que sensacións tes?
Eu son moi racional cos premios, emociónanme como recoñecemento que é, pero tamén me emocionan os sentimentos que contan os lectores. A sensación que teño, é de que O meu pesadelo favorito gustou e fixo sentir a moita xente, e tamén a eses xurados. Iso dá impulso e forza, alegría e sentir que saíu ben, pero en cada libro hai que volvelo lograr e son moi consciente diso.
Manuel, o neno protagonista, recibe visitas dunha Alicia que vén do Mundo da Febre. En que se parece esta Alicia á do País das Marabillas? Por que optaches por falar do mundo dos soños?
A miña Alicia, aínda sendo unha chiscadela evidente e unha admirada homenaxe a Lewis Carrol, é absolutamente antagónica á orixinal, no sentido de que a miña non é unha nena ben, esta é unha pequena que vive nun lugar onde os nenos coma ela traballan desde moi cativos, que non ten nai, e utiliza os soños de Manuel para coidar del porque o ve triste e enfermo. O de utilizar un mundo de soños en O meu pesadelo favorito foi porque me permitía liberar da forma máis atrevida a imaxinación e crear seres e personaxes fascinantes como o vendedor de olores de recordos e recordos de olores, dinorrinco, hipodrilo ou a repartidora de bicos. E ademais era óptimo para contrapoñelo ao plano da realidade, que é unha realidade absurda, que ás veces tamén asemella un soño.
"A realidade, que é unha realidade absurda, ás veces tamén asemella un soño"
Manuel ten soños raros e na súa familia dalgún xeito todo o mundo é “raro”. Pero ollados de perto, non o son tanto. E mesmo o raro pode tornarse en tan real como o real. É o libro, dalgunha maneira, un xeito de reivindicar a xente “rara”? A súa maneira de ser única?
Manuel é un neno diferente, que os demais fan sentir raro, e iso xa non é o mesmo. Neste libro de realidades absurdas e soños incribles, Manuel non quere que lle chamen raro. Os cans verdes que ten, por exemplo, pódense dar na natureza, en 2014 naceron dous en Valladolid por tragar biliverdina no ventre de súa nai. Ese xogo co lector, entre o que é raro e o que non o é, resulta unha constante no libro. De xeito que achegarse aos personaxes, e comprendelos, racha coa barreira que nos fai sentilos como raros. Pero é un sentir que queda trala lectura, non que eu diga aleccionando. Tamén é unha reivindicación do marabilloso que é ser diferente. Algo, que por exemplo, aprecia moito o extraterrestre ZZC5, será porque non é deste planeta.
"Manuel é un neno diferente, que os demais fan sentir raro, e iso xa non é o mesmo"
Manuel ten os seus sentimentos gardadiños, porque lle dan algo de medo. E isto ten relación con bicos que evita, bicos que se perden… Por que?
Manuel aprende durante as páxinas do libro a mesma lección que el lle pide aos demais, e dáse de conta de que pensou mal de Alicia, por non preguntar e non achegarse a ela. Logo, en certa maneira, estaba facendo o mesmo que lle facían a el. Abrirse aos sentimentos e a outras persoas non é doado. O meu pesadelo favorito intenta facer sentir, e pensar ao lector coa mesma naturalidade coa que o fai rir.
"Abrirse aos sentimentos e a outras persoas non é doado"
No libro hai zombis, un extraterrestre, un alien, animais mestura doutros animais… e todos saen do estado febril do neno. Pero nada é terrible nin dramático. É, tamén, en parte, un xeito de desdramatizar a febre e o estado que pode provocar?
Non son dramáticos porque todos eses soños vívense con moita normalidade e humor. El vai pasando dun a outro e certamente chega un momento no que todo o equilibrio periga, e debe pechar ben os soños abertos nun único soño final. En realidade, na vida un elixe como enfrontarse ao que lle vai pasando, iso mesmo fai Manuel no libro.
"Na vida un elixe como enfrontarse ao que lle vai pasando, iso mesmo fai Manuel no libro"
Tamén en O fillo do Pintamonas había un neno diferente, que ademais busca o pai no mundo dos soños. Como en Boa sorte, dalgunha maneira. (Explícase o raro). Da mesma maneira, a ciencia, que ten certa presenza en O meu pesadelo favorito, tiña unha pegada importante en O tempo do revés, ou mesmo en A Mosca da Tele e en Teño uns pés perfectos. As coincidencias débense a que son temas que che interesan especialmente?
Os libros son parte de min, da miña imaxinación, das vivencias, a evolución persoal e como escritora, mesmo dos valores e defectos que teño, como pasa con todos os escritores. Supoño que por iso hai certas temáticas que me gusta tratar. Eu son de letras e ciencias é algo que non podo nin quero evitar e nos libros xogo con iso, e ademais encántame facelo.
En As meigas de Lupa había algo de Historia (o castrexo…). Como hai en As horas roubadas (o tempo da transición). Escolliches esas épocas históricas por algún motivo particular?
Escollinas por apaixonantes e singulares. Cada vez que visitei un castro sentinme abraiada polo xeito de vir desa xente e a dureza que tiña, non podía evitar pensar no tremendo que debía de ser. Pareceume que había que trasladalo a un libro. E no caso de As horas roubadas, está ambientado en 1979, porque é un tempo perfecto de transición no social, no político, no cultural, mesmo na TV que é case un personaxe do libro e en 1979 mudaba do branco e negro á cor, pero só se tiñas cartos para mercar unha televisor novo podías ver en cores. E esa transición estana a vivir tamén cada personaxe da novela nas súas vidas. Transicións persoais, no amor, diferentes, pero que precisan de valor para afrontalas. Era unha época perfecta para ambientalo, e para lembrarnos como eramos non hai tanto tempo. Nalgúns eidos como o da muller dá para pensar moito no que se alcanzou e no que segue lastrándonos.
"Nalgúns eidos como o da muller dá para pensar moito no que se alcanzou e no que segue lastrándonos"
A voz narradora de O meu pesadelo favorito é fluída, directa… En As horas roubadas, a voz narradora conduce moito tamén o relato, deixando pouco espazo para que o lector interprete. E isto é máis raro tratándose de narrativa non infantil. Algún motivo especial para iso? Ou tampouco era a intención?
Non estou de acordo na afirmación, creo que se por algo se caracterizan os dous libros, que ademais foron escritos na mesma época, é por inducir á reflexión a través da historia. Non están pechados. Escribín as dúas historias para que quede pouso, para falar de sentimentos, sentir e facer reflexionar, non entendo a literatura doutro xeito. Non me gustan os libros que aleccionan nin a maiores nin a pequenos, gústame que se poida interpretar o que se le, desde a vivencia persoal e que o lector se apropie del. Un bo libro debe removerte por dentro, e deixar algo del en ti, aínda que remates por esquecer a historia que contaba.
"Escribín as dúas historias para que quede pouso, para falar de sentimentos, sentir e facer reflexionar, non entendo a literatura doutro xeito"
Un dos temas do libro é o maltrato. Unha muller anulada polo seu marido e, en xeral, pola súa familia, que aproveita a situación porque, ata que comeza a espertar, resúltalle cómoda. En contraste, hai outra familia (doutra clase social) cunha concepción das relacións de xénero, do amor ou do matrimonio, moito máis modernas. Aínda que ambas poderían ser familias actuais. A idea é retratar un momento de cambio social, no que se poderían atopar os dous exemplos, pero sobre todo o primeiro?
A finais dos setenta eses dous tipos de mulleres convivían moi claramente. Mentres que unha era unha muller emancipada e de ideas claras entorno á súa liberdade, a outra estaba alienada por unha situación social na que vivir sen voz era habitual, igual que o era ser a escrava de todos na casa, ou ser considerada dependente e inmatura como persoa. Ela mesma confundira o control e a posesión da súa parella co amor. Ese perfil de parella segue a existir hoxe. Interesábame moito afondar neses personaxes, nas parellas nas que existe o control e a posesión e iso se disfraza de amor absoluto.
"Ela mesma confundira o control e a posesión da súa parella co amor. Ese perfil de parella segue a existir hoxe"
Damián, o maltratador, parece bo coa nai e malo coa muller e os fillos. Ata que sabemos que tampouco foi tan bo coa nai. Por momentos, parece mesmo que a historia leva a xustificalo. Pero é o propio fillo o que non está disposto a consentir esa xustificación. Nese sentido, hai unha evolución na novela dos personaxes adolescentes, con respecto á súa idea da familia, o matrimonio… Por que enfocalo desde os adolescentes?
Nesta novela coral, todos os personaxes teñen voz, e de todos os que máis me preocupaba desenvolver era esa parella metida nunha espiral de control, posesión e maltrato. Quería que todos coñeceramos o pasado Damián, a razón pola que el decidiu ser así, pero nunca a xustificación. Moi ao contrario, as voces corais da historia deixan moi claro que cada un escolle como responde ao que lle pasa. Damián elixe responder con violencia, e control ante algo que viviu, é unha decisión inxustificable e así remata por entendelo o seu fillo. No caso da nai, o meu interese era amosar como ela vai perdendo a personalidade, a forza, e converténdose en alguén impotente para mudar, alguén que xa non loita. E mesmo como os fillos, en boa medida, xustifican a situación porque non fondo é práctico ter unha escrava, ata que acontece algo, que xa o converte en insostible. As rutinas rematan por normalizar situacións de todo tipo, e iso é o que aprenden eses adolescentes, que por rutineiro que sexa, o que vivían era inxustificable, era medo.
"As voces corais da historia deixan moi claro que cada un escolle como responde ao que lle pasa"
En paralelo hai unha historia de amor entre dúas persoas maiores, que se intúe case desde o principio do libro. Un amor ao que se renuncia por non prexudicar a terceiros, nunhas circunstancias determinadas. Na xeración dos adolescentes, tamén hai unha historia de amor con tres protagonistas. Volve mandar o deber. Pero o camiño tomado é o máis conservador. E supón como un paso atrás respecto da xeración dos avós. Pensaches estas dúas historias unha como reverso da outra? Con que obxectivo?
Pensei en demostrar que ás veces os tempos mudan pero as persoas seguen cheas de atavismos. O amor infiel dos avós ten un final por non facer dano a terceiros, ata que se atopan de novo na vellez e daquela, é a anciá a que toma unha decisión tremendamente valente para non seguir. E mentres os mozos descobren que os maiores tamén poden sentir amor e paixón, eles viven o seu primeiro amor que non remata como era de esperar por razóns aínda máis atávicas que as dos seus avós. Pareceume un xeito de reflexionar sobre a estupidez humana e sobre como somos capaces, a través dos tempos, de subxugarnos e malvivir a única vida que temos por razóns alleas a nós.
"Ás veces os tempos mudan pero as persoas seguen cheas de atavismos"
O libro reivindica, primeiro, que o amor non se confunda co control e que os celos non son amor. Mais parece que a idea é máis falar do amor ao que renuncia para non prexudicar aos demais. Do amor que está por enriba do amor. Era o obxectivo? Por que?
Non hai unha única historia, nin un único pensamento, nin intento impoñer o meu, pola contra a través de todas estas historias diferentes de amor, creo que sobresae a idea de que o amor debe elixirse cada día entre iguais, que a nosa liberdade está continuamente condicionada por circunstanciais, sociais e persoais de todo tipo e que o amor non é nunca branco nin negro como nos contaron, hai que construílo sabendo que entre o branco e o negro non están os grises, senón que aí están as cores.
- NA TENDA DE PRAZA | Podes mercar As horas roubadas, de María Solar, na Tenda de Praza