Un autobús de dous andares, como os que poboaban as rúas dalgunhas cidades galegas no século pasado, pintado de azul e branco. E dentro, unha exposición e as voces dos Poetarras, de Isabel Risco, do Leo ou de De Vacas. Todos, ao abeiro do colectivo Ora Galega e da área de Cultura da Deputación da Coruña para lembrar as Irmandades da Fala.
Esta combinación de elementos comezou a circular esta fin de semana pola Coruña e Betanzos e sumará, en total, case unha vintena de paradas no mes de xullo. É iFala, a iniciativa que, ao abeiro do centenario das Irmandades da Fala, espallará o "legado" daqueles persoeiros de comezos do século pasado. Lembrando, dende a modernidade do inicio do XXI, a "dimensión e modernidade" da defensa do galego hai cen anos.
A mostra, explica a vicepresidenta da entidade provincial, Goretti Sanmartín, "reproduce a historia desde unha perspectiva moderna e innovadora". Trátase, abonda, de amosar "que o legado das Irmandades está vixente e pode interesar tamén á xente nova". De aí que materiais como o vídeo dos Poetarras que encabeza a exposición, producido por Illa Bufarda, "contaxien o mesmo entusiasmo que levou" á creación das Irmandades.
Os materiais de iFala tentan "contaxiar o mesmo entusiasmo" que estivo por tras do nacemento das Irmandades
A "vontade do proxecto", ideado por Ora galega, é "chamar a atención, facer que a veciñanza" das vilas e cidades polas que pase "se achegue á nosa hitoria e descubra que as Irmandades son algo vivo e que, como di a lenda do proxecto, hai fala", ilustra. Nesta liña se expresa tamén Moncho do Orzán, de Ora Galega, grupo do que partiu a declaración do 2016 como ano das Irmandades. A súa "teima", admite, é que "as Irmandades se conmemoren en todo o país".
Ora Galega subliña que a súa "teima" é que "as Irmandades se conmemoren por todo o país"
Así, na exposición itinerante pódese ver unha liña de tempo que comeza nos Mártires de Carral e remata no golpe de Estado de 1936. Dentro do bus hai "información básica" que "se pode completar" coa web e o aplicativo para dispositivos móbiles de iFala. Lecturas públicas ou eventos musicais completan unha iniciativa que, a xuízo do profesor Carlos Quiroga, "fai mozo algo que ten un século pero que mostra unha vixencia alucinante. Ficamos nós mesmos emocionados co proxecto".
Tras A Coruña e Betanzos os seguintes destinos de iFala serán Ferrol (28 de maio) e Santiago (9 de xuño). Lalín, Lugo, Ponteareas, Pontevedra, Ribadeo, Vilagarcía ou Viveiro serán outras das paradas da iniciativa, na que colaboran asociacións culturais, editoriais, dez concellos e dúas deputacións.