A área de Cultura da Deputación da Coruña vén de publicar os dous videopoemas elaborados dentro do programa Manuel María somos nós co que homenaxeou e difundiu a obra do autor a quen se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas. Trátase do videopoema colectivo #OMeuManuelMaría e do videopoema documental “De oficio poeta”
O primeiro é o resultado dunha convocatoria enviada mediante redes sociais, que lles propoñía ás persoas participantes gravarse recitando o poema “Galiza”, de Manuel María. Unha vez enviado ou compartido ese vídeo en redes co hashtag #OMeuManuelMaría, realizouse unha recopilación e montaxe de todas as achegas. Así, o vídeo resultante é un recitado colectivo en formato audiovisual do poema “Galiza”. Especial repercusión tivo o proxecto no ámbito educativo e na mocidade, destinataria privilexiada do proxecto.
Pola súa banda, “De oficio poeta” trátase dunha ollada experimental á obra de Manuel María, cun formato curto e unha linguaxe que camiña entre o documental e a videopoesía. Conta coa colaboración de persoas próximas a Manuel María: Pilar Pallarés, Xulio L. Valcárcel, Felipe-Senén, Uxía, Margarita Ledo e Mercedes Queixas Zas. No videopoema, Manuel María fala a través dos seus propios poemas e a partir de obxectos que dalgún xeito o representan.
“O programa ten nestes videopoemas un epílogo vivo, que continuará achegando a través das redes a figura e obra de Manuel María, en especial, nas novas xeracións que é cara onde quixemos incidir co proxecto da área de Cultura da Depuatción, con iniciativas tamén como o photocall participativo ou o obradoiro”, explicou Goretti Sanmartín, responsable da área de Cultura da Deputación.