Documentan danos da industria do eucalipto a 40 xacementos arqueolóxicos do norte de Lugo

É habitual, así mesmo, que se remova terra con maquinaria pesada © ADEGA, Mariña Patrimonio

ADEGA e Mariña Patrimonio veñen de presentar un dossier que documenta danos provocados pola industria madeireira en 40 xacementos arqueolóxicos do norte da provincia de Lugo. As denuncias, detalladas e acompañadas de fotografías e da localización exacta do elemento protexido, únense a outras 56 que as dúas entidades foron presentando nos últimos 5 anos. As desfeitas afectan a mámoas, abrigos paleolíticos, castros e restos medievais de 12 concellos (Abadín, Lourenzá, O Vicedo, Alfoz, Mondoñedo, Viveiro, Barreiros, Trabada, Xove, Foz, Valadouro, e Friol) e foron provocadas por plantacións, cortas, apertura de pistas, rozado con maquinaria pesada e outros labores asociados á explotación forestal do eucalipto.

Alén destas denuncias concretas e documentadas, as dúas entidades afirman que boa parte dos xacementos arqueolóxicos desta área xeográfica "intensamente eucaliptizada" (uns 500), "poden estar afectados". "Coidamos que estas 40 novas denuncias son só unha pequena mostra, a punta do iceberg do que pode estar a acontecer en moitos montes galegos sometidos á ditadura do eucalipto", engaden.

Para ADEGA e Mariña Patrimonio, "as responsabilidades destas desfeitas distribúense a partes iguais entre a industria do eucalipto e a Xunta". "A primeira, por actuar irresponsablemente e sen un mínimo respecto por un patrimonio que é de todos, só centrada na produción a toda costa para satisfacer a cobiza de ENCE. No tocante á Xunta, a súa responsabilidade é quizais maior, por abandonar o seu labor de coidado, vixilancia e control dun valiosísimo patrimonio público", destacan.

"A Xunta pode frear en seco a destrución do patrimonio. Hai que ver que intereses hai detrás e por que isto non se fai"

Manuel Miranda, de Mariña Patrimonio, explica que dos 500 xacementos inventariados pola Xunta nestas comarcas "uns 250 teñen eucaliptos enriba". "Se temos en conta que os eucaliptos se cortan cada 15 anos, isto significa que a metade dos xacementos están en grave risco, sobre todo as mámoas, que son moi febles", di. E engade que "dos 250 que non teñen eucaliptos, 150 están na zona de expansión do nitens, na parte elevada das montañas, onde agora se está plantando esta especie máis resistente. Polo tanto, estes outros 150 xacementos situados en zonas altas (maioritariamente mámoas) tamén poden estar en risco". "Libres de perigo están só uns 100. E falamos só dos inventariados, os que non están inventariados, vai ti saber como están", conclúe

 

Un traballo voluntario de meses

"Foi un traballo voluntario de moita xente, no noso tempo libre, levado a cabo nos últimos meses. Unha vez que conseguimos o listado de xacementos arqueolóxicos inventariados por Patrimonio, e coas fotos áreas de SIXPAC actuais e antigas fomos comprobando xacemento a xacemento se se fixeran nese lugar plantacións ou cortas recentes. E, despois, achegámonos para analizar se houbera danos e documentalos, nese caso", explica o voceiro de Mariña Patrimonio, "sorprendido" polo feito de que a Xunta, "tendo moitos máis recursos, non faga nada". "A Xunta pode frear en seco a destrución do patrimonio. Hai que ver que intereses hai detrás e por que isto non se fai", engade.

Mariña Patrimonio salienta que "perante a inoperancia da administración, somos a cidadanía organizada a que estamos asumindo o papel de tutelar estes bens" e asegura que continuará "a documentar e a denunciar perante os servizos de Patrimonio e o Seprona todos aqueles casos que poidamos constatar nos que se produzan danos ao noso patrimonio". "Estamos pensando na posibilidade de montar un grupo de voluntariado para facer en toda Galicia o que fixemos na Mariña, para denunciar o gravísimo deterioro que a industria do eucalipto está provocando no Patrimonio", comenta Miranda.

"Estamos pensando na posibilidade de montar un grupo de voluntariado para facer en toda Galicia o que fixemos na Mariña, para denunciar o gravísimo deterioro que a industria do eucalipto está provocando no Patrimonio"

"A industria do eucalipto move moitos cartos, ten un potencial económico que seguramente hai que aproveitar. Pero precisamente porque move moito diñeiro, esta industria pode preocuparse de que non destrúe o Patrimonio. Trátase simplemente de que non se plante nas zonas protexidas, son unhas poucas hectáreas, unha cantidade moi pequena en comparación coas millóns de hectáreas que o eucalipto ocupa. Terán que ver se lles compensa máis facer este esforzo ou enfrontarse ao descrédito social que están sufrindo como industria por todas estas accións", conclúe Manuel Miranda.

 

Denuncia no Parlamento europeo

A deputada de AGEe Lidia Senra trasladou xa a denuncia de ADEGA e Mariña Patrimonio ás institucións da UE, a través dunha pregunta presentada no Parlamento europeo. Senra alerta da "destrución sistemática deste patrimonio cultural por mor da ditadura do eucalipto que está a acabar non só ca biodiversidade dos montes galegos, senón mesmo tamén ca riqueza patrimonial colectiva do noso país". E destaca que "as plantacións intensivas de eucaliptos remiten ás pautas de interese das empresas madeireiras, vulnerando a responsabilidade colectiva de protexer estes asentamentos paleolíticos, monumentos megalíticos, restos romanos e medievais, que están a sucumbir ao modelo esquilmador da produción de pasta de papel liderada por ENCE".

“A existencia dunha propagación salvaxe do monocultivo do eucalipto non só reflicte a irresponsabilidade da Xunta no seu labor de coidado e promoción da biodiversidade do noso país, senón que constitúe un dos exemplos máis claros de connivencia ca explotación empresarial a costa dos bens comúns, neste caso identificada claramente pola cidadanía galega na empresa ENCE”, engade. ADEGA e Mariña Patrimonio anuncian que pedirán tamén o amparo da UNESCO ante a destrución patrimonial que se está a producir.

As dúas entidades achegan fotografías e análises das desfeitas provocadas a 40 elementos patrimoniais © ADEGA, Mariña Patrimonio
A maquinaria abre pistas no monte que pasan por riba de elementos e espazos protexidos © ADEGA, Mariña Patrimonio
O parapeto do castro de Vilacizal (Foz), cortado por unha das pistas abertas © ADEGA, Mariña Patrimonio
Materiais arqueolóxicos que quedaron á vista trala apertura dunha nova pista © ADEGA, Mariña Patrimonio
Marcas deixadas pola maquinaria no abrigo de Pena Pombar © ADEGA, Mariña Patrimonio

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.