O deputado do Grupo Popular César Fernandez Gil asegurou hoxe no Parlamento que “o número de persoas que na actualidade prestan os seus servizos do Centro Galego de Artes da Imaxe non se vai ver reducido, polo que seguirá desenvolvendo as mesmas funcións”. Fernández Gil afirmou que “a modificación da relación de postos de traballo do AGADIC non vai afectar aos traballadores do CGAI”, que na actualidade está integrado "por dous proxeccionistas e un axudante de proxección", concretou.
Engadiu que "o CGAI vai seguir realizando con normalidade as súas funcións de recuperación, catalogación, custodia e difusión das producións e obras do audiovisual galego; a programación de proxeccións, exposicións, conferencias e publicacións para proporcionar un maior coñecemento das artes da imaxe; e a programación de proxeccións tanto en Galicia como no exterior”,
A intervención do deputado popular respondía a unha proposición non de lei presentada polo BNG con medidas para evitar "o desmantelamento" do CGAI
A intervención do deputado popular respondía a unha proposición non de lei presentada polo BNG con medidas para evitar "o desmantelamento" do Centro Galego das Artes da Imaxe. Francisco Jorquera denunciou “a precaria situación” do centro "que está a provocar a acumulación de centos de latas da nosa memoria audiovisual nos corredores co perigo de que se estraguen obras imprescindibles para a nosa memoria audiovisual". "A esta situación" -dixo- "súmase agora a modificación dos postos de traballo presentada polo AGADIC que suporía o cese dun dos dous proxeccionistas, a desaparición da figura da bibliotecaria, así como unha redución de máis do 40% das prazas do persoal co que chegou a contar o centro para o seu normal funcionamento". O parlamentario reclamou paralizar o que cualificou un “desmantelamento encuberto” e reiterou que “sen persoal o CGAI non pode funcionar”.
O CGAI, apuntou o deputado do BNG, “non foi alleo aos brutais recortes” aplicados no eido da cultura e no seu caso eses recortes superaron o 66%, “pasando de 450.00 euros a 150.000 na actualidade”. Neste sentido, lembrou que o CGAI organizou cursos formativos que constituían un complemento fundamental para a ensinanza do cinema nas universidades pero, por mor dos recortes, o último curso foi impartido no ano 2010. Asemade, engadiu, dende o 2013 non foi editado ningún libro e dende a restauración da Casa da Troya, hai xa máis de dez anos, esta actividade tamén está practicamente abandonada. O parlamentario do BNG, incidiu na importancia do CGAI na conservación de fondos especializados aos que acudían investigadores para consultar bibliografía, pero dende o mes de xullo do 2015 “a falta de persoal dificulta estas consultas”.
"Seguramente os traballadores do CGAI estarán flipando coa realidade virtual que vende o portavoz popular", concluíu Jorquera
César Fernández Gil negou a acusación do BNG de que nos corredores do CGAI se estean a "amorear" latas que conteñen "obras imprescindibles da memoria audiovisual galega" que se poidan "estragar", porque “todo o o material cinematográfico histórico, en diversos formatos, que se refire a Galicia está custodiado e catalogado, e debidamente conservado, na cámara fría do centro, de acordo cos criterios esixidos pola Federación Internacional de Arquivos Fílmicos”.
Jorquera concluíu que as palabras de Fernández Gil “non se axustan á realidade” e, dixo, "seguramente os traballadores do CGAI estarán flipando coa realidade virtual que vende o portavoz popular".