0 Gardados para despois

“En 'O espello do mundo' está a vontade de restituír a memoria das ruínas que nos rodean”

Alberto RamosAlberto Ramos | @alberto_ramos


Tras 25 anos dedicado á ensinanza, ao ensaio e a crítica, Ramón Nicolás decidiu iniciarse na creación literaria a través da súa primeira novela: O espello do mundo. Nesta título, editado por Xerais, Nicolás mestura o xénero histórico e o epistolar, creando un xogo de indefinición buscado que implica, ademais, dous planos narrativos. Por un lado o contemporáneo, protagonizado por Martiño, un profesor de historia que recibe a encomenda de investigar uns antigos documentos achados no antigo Mosteiro de San Pedro de Ramirás (Ourense). Polo outro, o plano histórico centrado en amosar as realidades dese cenobio medieval e a relación de correspondencia entre a abadesa Guiomar e a santa alemá Hildegard von Bigen, personaxe histórico de gran influencia tanto teolóxica como científica á altura do século XII. O espello do mundo presenta así un feitío de novela histórica, incorporando textos de orixe documental, que por veces son pura fabulación e outras non, ao servizo do deseño dunha época esvaecida da historia de Galicia.

"O meu interese, previamente, pasaba por crear unha ficción ao redor do Mosteiro de San Pedro de Ramirás, de onde sei que existe unha colección diplomática de textos"

De onde xorde o interese por un personaxe histórico como Hildegard von Bigen?

Este personaxe, en realidade, é secundario na concepción da novela. O meu interese, previamente, pasaba por crear unha ficción ao redor do Mosteiro de San Pedro de Ramirás, de onde sei que existe unha colección diplomática de textos, que representara no seu tempo unha presenza importante dun cenobio feminino e que houbera no seu momento personaxes semellantes como a ficticia ona Guiomar que retrato na novela. O que ocorre é que, durante a redacción do texto, redescubrín a figura de Hildegard que, despois de estudala un pouco, resulta moi fascinante. A intención inicial pasaba, principalmente, por centrarse nun personaxe do cenobio de San Pedro de Ramirás.

A Santa Hildegard ten unha dupla dimensión, por un lado a relixiosa...

A ver, nunca se pode disociar por completo as dimensións dun personaxe histórico, pero a min a cuestión da doutrina e o carácter relixioso interésame moito menos e doulle prioridade a outro tipo de perfís, de dimensións....

Principalmente, á vencellada a unha sorte de protociencia...

Efectivamente, o termo proto é un termo moi acaído. Falamos dunha persoa que engancha co que serían os primeiros pasos da medicina, da bioloxía e, mesmo tamén, que se pode considerar que contaba cunha visión protofeminista. Ese perfil é o que me interesa e o que tento cadrar coa figura da ona Guiomar.

"Falamos dunha persoa que engancha co que serían os primeiros pasos da medicina, da bioloxía e, mesmo tamén, que se pode considerar que contaba cunha visión protofeminista"

Deixamos, polo tanto, un pouco de lado as visións relixiosas que padecía Hildegard von Biguen e que ben se poderían definir como síntomas dalgún tipo de doenza mental...

Hai especialistas que se fixaron nas descricións que ela deixou sobre as súas visións. Por exemplo, Oliver Sacks, a quen cito no libro e quen consideraba que todas esas visións eran produto das fortes cefaleas que debía sufrir Hildegard. Sacks, que é outro personaxe fascinante, atopaba similitudes e coincidencias entre as descricións feitas por Hildegard e pacientes seus afectados polas cefaleas.

Sobre a estrutura e o xénero do libro quería preguntarlle unha cuestión. Temos trazos dun xénero epistolar, pero non é unha novela epistolar. Podería mesmo considerarse que falamos dun certo xeito de manuscrito achado, pero tampouco. Hai unha parte que é novela histórica, pero non é novela histórica. Entón, como podemos definir este libro? Hai pegadas de moitos xéneros, pero non se decide por ningún.

Si, efectivamente. A verdade, non sei como poderiamos clasificala. Hai certa sensación de indeterminación de carácter xenérico. É unha novela histórica? Si, pero non. É un libro de carácter epistolar? Pois tampouco, porque lemos as cartas de Hildegard, pero non as respostas da ona Guiomar. Só temos unha parte desa relación epistolar. Despois, hai certa intriga en todo o que se refire a Martiño, o profesor de historia, o personaxe contemporáneo, que intenta descubrir a historia das cartas e os manuscritos. En realidade, poderiamos dicir que son anacos de distintos xéneros e que xogan a indeterminación. Penso que á novela lle acaía ben estes distintos planos: un plano contemporáneo, outro histórico e outro epistolar. Agora ben, non sei se foi axeitado ou non, pero o xogo da indeterminación pode atraer a distintos públicos máis aló do lector de novela histórico.

No plano contemporáneo, temos a Martiño, un profesor de Historia de instituto, que recibe a encarga para descubrir a historia dos manuscritos achados e desenguedellar a correspondencia de Hildegard coa ona Guiomar. Realmente era imprescindible o personaxe de Martiño? Quero dicir, este personaxe é máis dínamo que personaxe. E empregándoo renunciamos realmente á novela histórica. Por que esa escolla?

Estou totalmente de acordo contigo. O personaxe de Martiño, en realidade, non deixa de ser un xogo para procurar certa verosimilitude na descuberta destes documentos iniciais que van desatar a maior parte do argumento. Dalgunha maneira tamén serve para ofrecer unha visión dende a actualidade sobre o cenobio, os restos do cenobio e o panorama vivencial desta zona ao longo da historia. En definitiva, achega unha ollada contemporánea a todo o que se descobre.

"Penso que á novela lle acaía ben estes distintos planos: un plano contemporáneo, outro histórico e outro epistolar"

E canto hai de Ramón Nicolás en Martiño? Dígoo porque os dous son profesores de instituto, viven en Vigo e teñen un amigo editor...

[Risos] Si, efectivamente... A ver, supoño que é algo inevitable que ese personaxe contemporáneo teña algunha característica persoal miña. Non era a miña intención, mais pode ser. E algúns si que me preguntan: “Oes, quen está detrás de Martiño?” En realidade está a instancia autoral. Si, se cadra hai algún eco do autor. E se o hai, é inconsciente, desas cousas do que un non se pode desapegar.

Tamén é un personaxe prototípico no senso de que serve para demostrar o proceso de documentación e investigación que implica a novela.

Si, resulta de manual. Totalmente de acordo. A función deste personaxe tamén pasa por revelar o proceso de investigación que se vai seguindo. Parte do feito casual e que a partir dun determinado momento vaise ver envolto nun traballo sobre os manuscritos. Neste sentido, son consciente de que hai páxinas nas que se descobre toda a dinámica de investigación e que pode ter certo perfil máis ensaístico e menos narrativo.

Nunha entrevista en La Voz de Galicia con Xesús Fraga comentaba as singularidades da palabra “ona”. Que importancia ten este termo para a novela?

Pois é unha palabra clave. Como filólogo resultoume curioso o feito de que na colección diplomática onde se gardaron todos os documentos referentes ao Mosteiro de San Pedro de Ramirás se empregase esa palabra para referirse á abadesa. Non hai máis rastro desa palabra en documentos medievais en Galicia. A palabra, probablemente, sexa unha derivación do termo “dómina”. A min, dende o punto de vista filolóxico, produciume unha atracción e iso, sumado a outros elementos, fixo xurdir un pouco o mundo desta ficción.

"Como filólogo resultoume curioso que na colección onde se gardaron os documentos referentes ao Mosteiro de San Pedro de Ramirás se empregase esa palabra para referirse á abadesa. Non hai máis rastro desa palabra en documentos medievais en Galicia"

Cal é a historia deste mosteirio de San Pedro de Ramirás?

O convento como tal existiu e creouse probablemente a través dunha monxa de Bande que contou co apoio dunha persoa de certos posibles. A súa fundación, aproximadamente, data do ano 1000, máis ou menos. Chegou a ter moitísimo poder na época e resulta salientable a proximidade ao Mosteiro de Celanova, co cal se mantiña unha boa relación. A día de hoxe, só se conserva a igrexa románica. O resto desapareceu e por riba das ruínas construíuse unha residencia de anciáns. A construción daquel centro fora bastante polémica, na medida en que se aproveitou unhas ruínas para construír un edificio cuns condicionamentos arquitectónicos moi modernos. Isto pasa en moitos lugares e chama a atención ese contrate entre a construción antiga e o inmoble completamente contemporáneo. É unha gran metáfora da nosa realidade, un trazo moi significativo do que coidamos o noso patrimonio.

Por que un crítico literario decide poñerse a escribir unha novela?

Este asunto da novela xa me leva roldando a cabeza bastante tempo, mesmo anos. Tiña investigado, tiña bastantes notas e houbo un momento en que me propuxen darlle forma. Ese momento chegou probablemente o ano pasado, cando me decatei que cumpría 25 anos facendo crítica literaria de forma continuada. Entón quixen afrontar o desafío de construír un texto narrativo. En certo xeito era, por un lado, un desafío e, polo outro, unha celebración.

"Cando me decatei que cumpría 25 anos facendo crítica literaria de forma continuada (...) quixen afrontar o desafío de construír un texto narrativo. En certo xeito era, por un lado, un desafío e, polo outro, unha celebración"

E despois de 25 anos criticando, pode que haxa máis dun con ganas de criticalo a vostede agora, de devolverlla...

[Risos] Seguramente. E están no seu dereito. Evidentemente no plano da creación literaria hai lecturas de todo tipo. Algunhas serán positivas e outros lectores recibirán o libro con menor agrado. E coido que é de xustiza que tamén o afirmen. Pareceríame raro agardar outra cousa. Iso si: medo ningún.

Ás veces, dáme a impresión, de que a crítica literaria en Galicia ten certa tendencia a ser contida en exceso e por norma xeral... Vaia, agás excepcións como a crítica de Armando Requeixo con Francisco Castro, pero esa é outra historia... O que quero dicir é se hai unha crítica literaria forte en Galicia e que cumpra as súas funcións ou, en certo xeito, está condicionada pola propia natureza do sistema editorial, polo seu tamaño, pola escasa distancia que hai entre o lector, o autor e o crítico...

Asumo o que dis e penso que, realmente, somos un país pequeno en canto o sistema literario. E resulta demasiado doado que os críticos e os autores nos atopemos. A ver, eu podo falar do que fago eu, podo falar de min, pero non falar do que fan os demais...

Pero falar do que fan os demais é o que fan os críticos, non?

[Risos] Si, vaia, pero a ver... Dende a perspectiva particular do meu exercicio da crítica, creo que me caracterizo por non facer críticas de carácter destrutivo nin demoledor. Loxicamente, hai outros estilos e sensibilidades. No meu caso, na miña percepción de análise dunha novela ou dun texto poético, prima fundamentalmente salientar os aspectos positivos e secundarizar, que non ocultar, os que menos me interesan. Entón, claro, cando les os meus textos podes chegar á conclusión de que falo só entreliñas ou dun xeito algo estraño. Non sei, é o que levo facendo 25 anos. Ese é o meu estilo. A nivel xeral, eu diría que como colectivo penso que hai distintas perspectivas e sensibilidades distintas... Non sei se che aclarei moito...

"Na miña percepción de análise dunha novela ou dun texto poético, prima fundamentalmente salientar os aspectos positivos e secundarizar, que non ocultar, os que menos me interesan"

Supoño que algo, polo menos entreliñas.

[Risos] Si, que é como escribo. Pois é un pouco o que che podo comentar... Tamén que existe un colectivo da crítica literaria en Galicia, dirixida por Chus Nogueira, do que eu formo parte e aí dentro hai sensibilidades ben diferentes e é bo que sexa así.

Falamos do seu 25 aniversario como crítico literario. E as efemérides sempre convidan a facer unha pregunta tan sinxela como global: Que balance facemos?

Particularmente, eu non adoito relerme, pero está claro que os textos que escribín fai 25 anos e os de agora son ben diferentes. Co paso dos anos, non sei se para ben ou para mal, un vai aprendendo certas cousas. A nivel persoal, direi que neste tempo o estilo muda e os intereses particulares tamén. E tamén diría que as referencias que fun adquirindo e a perspectiva xeral, despois de moitas lecturas, permitíronme identificar algúns cambios que viviu o panorama literario nestes anos. Quizais, o máis impactante foi atoparse coa crise económica, que tivo efectos tanto no sistema editorial coma en aspectos temáticos. É dicir, hai moitas novelas que chegan agora sobre os efectos devastadores da crise en personaxes e individuos concretos. Esa temática nos anos noventa estaba practicamente ausente.

"O concepto das ruínas está presente na base do libro. De feito, hai unha idea que me guiou xustamente á metáfora das ruínas, que é o concepto de memoria"

Quería rematar volvendo a unha pregunta referente ao libro. Non sei se estou a montar eu só a película, pero para min hai un elemento que me parece clave no libro, quizais o máis importante. Refírome ao concepto metafórico das ruínas do convento, que serve de metáfora de todas as nosas ruínas, do patrimonio, do esquecemento e de todo tipo de silencios...

Efectivamente, o concepto das ruínas está presente na base do libro. De feito, hai unha idea que me guiou xustamente á metáfora das ruínas, que é o concepto de memoria. Calquera persoa que se achegue ao espazo actual no que só se conversa a igrexa, verá o contraste do edifico románico con outro de estética do século XXI mal entendida e que casa moi mal co espazo no que está. Neste libro, O espello do mundo, está a vontade de restituír a memoria de todas as ruínas que nos rodean. Neste caso, fíxeno a través da ona Guiomar e os restos do convento de San Pedro de Ramirás. Sei que se cadra é unha lectura un pouco melancólica esa de cantar  que xa non está, pero a intención de restituír certa memoria estaba alí mesmo, na orixe do libro.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.