A profesora xa xubilada da Universidade de Vigo Marta Dahlgren, nacida en Suecia e especializada entre outras materias en Literatura Inglesa e Semántica, é a gañadora da XV edición do Premio Plácido Castro de Tradución pola súa tradución directa do sueco ao galego da novela Kallocaína, da escritora sueca Karin Boye. Así o decidiu este venres o xurado do premio, que será entregado nas próximas datas.
O xurado destaca “o feito de que sexa unha tradución directa do sueco, unha lingua pouco traducida ao galego, feita con mestría, rigor e viveza"
O xurado destaca “o feito de que sexa unha tradución directa do sueco, unha lingua pouco traducida ao galego, feita con mestría, rigor e viveza, trazos habituais no estilo dunha tradutora consolidada e directamente relacionada coa formación de novos profesionais da tradución”. Tamén salienta que “se trata dunha obra actual que conecta á perfección coas novas xeracións de lectores e lectoras”. Novelista e poetisa sueca, Karin Boye (1900-1941), ten en Kallocain (1940), no seu título orixinal en sueco, unha das súas obras mais coñecidas. Inspirada no apoxeo do nacional-socialismo en Alemaña, narra o empeño dun científico idealista que inventa unha especie de soro da verdade, a kallocaína.
Con este premio, que en anteriores edicións recaeu en traballos de Lois Tobío, Valentín Arias, Fernando Pérez-Barreiro Nolla, María Reimóndez, Camiño Noia ou Xela Arias, entre outros, a Fundación Plácido Castro pon en valor a figura deste galeguista (1902-1967) que, entre outras facetas, destacou como tradutor. Unha fundación que á súa vez conta co apoio e impulso do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi).