Este mércores ás 11.30 a Comisión de Persoal da Xunta aprobará unha serie de amortizacións e despedimentos na AGADIC que inclúen a supresión dun dos dous postos de proxeccionista do CGAI, ademais da eliminación doutras dúas prazas de experto/a en audiovisuais, na actualidade non ocupadas. Así figura na documentación remitida este luns por Función Pública aos sindicatos coa proposta de RPT (Relación de Postos de Traballo) para a Axencia Galega das Industrias Culturais.
A documentación remitida este luns por Función Pública aos sindicatos coa proposta de RPT para o AGADIC ratifica a amortización das tres prazas
Estas tres amortizacións de prazas, que inclúen o despedimento efectivo dun traballador con contrato indefinido, chegarán (se non hai cambios de última hora) despois de que tanto dende a Consellaría de Cultura coma dende o PP se afirmara nas últimas semanas que non se ía recortar persoal. "É absolutamente falto que se vaia recortar persoal do CGAI. Non hai nin corenta, nin trinta, nin nada", afirmaba o pasado 16 de xuño o secretario xeral de Cultura Anxo Lorenzo, en resposta á denuncia realizada polos sindicatos que alertaban da perda dun 40% dos postos de traballo no centro. Ao día seguinte o deputado do Grupo Popular César Fernandez Gil asegurou no Parlamento que “o número de persoas que na actualidade prestan os seus servizos do Centro Galego de Artes da Imaxe non se vai ver reducido, polo que seguirá desenvolvendo as mesmas funcións”.
Na RPT de Agadic enviada pola Xunta aos sindicatos ratifícanse os recortes anunciados nun comezo e que deron lugar a protestas dos propios traballadores afectados, dos sindicatos, de entidades profesionais do sector do audiovisual e de forzas políticas coma BNG e AGE, que levaron este asunto ao Parlamento. Si se inclúe, como única novidade, a incorporación dun traballador ou traballadora cunha xornada de 16 horas semanais que, de forma temporal, realizará funcións de programación, ocupando o posto dun empregado en excedencia dende hai un ano e que ata agora non fora cuberto.
Os sindicatos (CIG, CC.OO, UGT e CSIF) convocan unha concentración ante a sede da EGAP ás 11.30 horas para protestar contra os recortes de postos de traballo no CGAI
Os sindicatos (CIG, CC.OO, UGT e CSIF) convocan unha concentración ante a sede da EGAP ás 11.30 horas para protestar contra os recortes de postos de traballo no CGAI. Critican a amortización das dúas prazas non ocupadas, pero sobre todo o despedimento dun dos dous proxeccionistas do centro, con contrato indefinido, conquistado hai anos despois dunha longa batalla xudicial que rematou cunha sentenza do TSXG que consolidou a súa praza. Como destacaba el mesmo en conversa con Praza hai unhas semanas, o CGAI non poderá manter a súa actual actividade cun só proxeccionista. "O proxeccionista é a figura clave nunha Filmoteca, e o seu traballo non se limita a darlle a un botón. Ou non o entenden ou este é un plan premeditado de desmantelamento", explicaba Antonio Ramos
Ramos ocúpase na actualidade -en xornada de tarde e noite- das proxeccións que conforman a programación habitual do centro (entre 400 e 500 cada ano, ás que asisten unhas 10 mil persoas), mentres que o outro proxeccionista -en xornada de mañá- colabora nas actividades que o CGAI realiza con centros de ensino (obradoiros e proxeccións polas que pasan máis de 2.500 alumnos e alumnas cada ano), ademais de xestionar o arquivo fílmico da institución (3.000 copias en celuloide e 7.700 en vídeo), con labores de catalogación de filmografía, restauración, reparación e revisión de películas e celuloide, realización de copias....
A CIG acusa o Goberno galego de ter conxelado este tema durante unhas semanas (o pasado 1 de xuño, Función Pública retiraba a proposta da Comisión de Persoal), coincidindo coa campaña electoral
A CIG acusa o Goberno galego de ter conxelado este tema durante unhas semanas (o pasado 1 de xuño, Función Pública retiraba a proposta da Comisión de Persoal), coincidindo coa campaña electoral do 26 de xuño, para finalmente executar agora os recortes previstos. O sindicato denuncia que as tres prazas suprimidas supoñen o 40% do total coas que contaba o centro. "Condenarase de forma irreversíbel á Filmoteca de Galiza á súa desaparición como tal", recortando "un servizo público tan básico como necesario, que é o defender e velar pola defensa da cultura e do sector audiovisual galego", conclúe a central.