Deolinda, Roi Casal e Charles Bradley encabezan o Apóstolo 2016

Presentación das festas, este xoves no Teatro Principal de Santiago © Concello de Santiago

En marcha o Apóstolo 2016. Este 7 de xullo, uns dez días antes do habitual, o Concello compostelán presentou a que, xunto á Ascensión, é a principal cita festiva do ano na capital galega. O pregón do catedrático Ángel Carracedo será, o vindeiro día 15, o sinal de saída de dúas semanas de festa de cartel diverso, no que este ano destacan nomes galegos, como os de Roi Casal , Caxade ou Familia Caamagno, con artistas internacionais como os portugueses Deolinda, a nixeriana Nneka ou Charles Bradley.

O programa festivo aposta, por segundo ano consecutivo, por "unha programación descentralizada" para que "o Apóstolo vibre dende o centro ata os barrios e o rural, deslocalizando tamén o impacto turístico e facendo que Santiago enteiro estea en festas", en verbas da edil de Acción Cultural, Branca Novoneyra. Así, os grandes concertos da praza da Quintana, como os devanditos e mais os de bandas como DandyWarhols, Molotov Jukebox ou Os Crebinsky combínanse co proxecto Artellando, que leva espectáculos a recunchos da zona histórica e mais aoutros puntos da cidade.

Nomes como María Rodés ou Talabarte fan parte dun ciclo que inclúe dúas sesións vermús con Mr.Cool e Felipe Criado, a gala de circo Circompostela, ou unha xornada de Baile Assalto, con sesións de exhibición e aprendizaxe. A que recunca tamén foi unha das iniciativas máis concorridas entre as estreadas en 2015, a Romaría Cativa do parque de Bonaval, desta volta o día 23 con oito horas de actividades con circo, música ou maxia, así como obradoiros e espazos de xogo.

O científico Ángel Carracedo será o pregoeiro das festas santiaguesas, que desta volta comezan o 15 de xullo

Os elementos máis novidosos conviven no programa do Apóstolo 2016 con algunhas das citas máis tradicionais das festas santiaguesas. A Xornada de Folclore Galego, o día 16, o Certame Folc, o domingo 24, o Día do Traxe, o 30 de xullo o torneo de chave, ou as orquestras na Alameda son tamén protagonistas xunto á Banda Municipal, que desta volta ofrecerá, na primeira fin de semana das festas, un concerto de homenaxe a Los Tamara. Nesta actuación a formación municipal, dirixida por Casiano Mouriño, estará acompañada polas voces de Rosa Cedrón, Paco Lodeiro e Miguel Ladrón de Guevara.

Unnha exposición de discos de vinilo e obradoiros de picadiscos, a Compostela Sound System, un campionato de futbolín, unha nova edición da Romaría dos Libros ou a actuación do humorista Carlos Blanco xunto ao debuxante Luís Davila destacan tamén nunha programación festiva que, segundo Novoneyra, pon o acento "na diversidade". Trátase, afirma, de que cada veciño ou visitante "teña un intre que lle guste, con presenza de todos os xéneros musicais e todas as artes.

Cartel das Festas do Apóstolo 2016 © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.