Ricardo Carvalho Calero, Carlos Casares, Plácido Castro e Antonio Fernández Morales. Un deses catro nomes será o do homenaxeado no Día das Letras Galegas en 2017. A Real Academia Galega adiantou na mañá deste venres a identidade dos catro finalistas e anunciou que o autor escollido será anunciado este sábado ás 13 horas, trala celebración do pleno da institución.
Na lista aparecen nomes habituais, coma o de Carvalho Calero, e grandes favoritos coma Carlos Casares, de quen no 2017 se conmemorará o 50 aniversario da publicación de Vento Ferido (1967), o seu primeiro libro de relatos. E, ademais, dous non tan protagonistas nos últimos anos, Plácido Castro e Antonio Fernández Morales. Catro autores entre os que chama a atención a total ausencia de mulleres.
- Carlos Casares. Finado en 2002, Casares é un dos grandes favoritos, tanto pola súa produción literaria en case todos os xéneros, coma polo seu labor institucional (na RAG, Consello da Cultura...) e editorial (Galaxia). Hai uns meses o Concello de Xinzo de Limia aprobou por unanimidade unha moción de Xinzo Adiante que instaba a solicitarlle formalmente á RAG que Casares sexa o autor homenaxeado en 2017, coincidindo co 50º aniversario da publicación da súa primeira obra, Vento ferido (1967).
- Ricardo Carvalho Calero. Outro dos grandes favoritos, un ano máis. O ferrolán foi membro numerario da propia RAG, contribuíu á redacción do Estatuto de Autonomía do 1936, interveu na creación do Partido Galeguista, foi represaliado polas súas ideas republicanas, sufriu o cárcere e estivo longos anos apartado da función pública e foi o primeiro catedrático de Linguística e Literatura Galega da USC. Alén diso, conta cunha completa e moi recoñecida en todo o mundo obra literaria, tanto en poesía, coma en narrativa ou teatro e por suposto en ensaio, sobre todo no campo da lingüística. Para completar a forza desta candidatura, Carvalho foi o gran pensador do reintegracionismo lingüistico, o que para algúns é a principal razón para non ter sido recoñecido até agora nas Letras. Dende Ferrolterra, unha Comisión Cidadá (integrada por Bernardo Maiz, Xosé María Dobarro e Manuel Pazo) demanda oficialmente -por quinta vez- a homenaxe para Carvalho Calero, que recibiu o apoio dos cinco grupos políticos con representación no pleno municipal de Ferrol e tamén dos nove concellos que conforman a mancomunidade comarcal.
- Antonio Fernández e Morales. Varios colectivos culturais e alcaldes da comarca do Bierzo lanzaron hai uns meses a candidatura deste autor para 2017, coincidindo co segundo centenario do seu nacemento (1817). Non é a primeira vez que se reivindica esta homenaxe. Hai uns anos a Asociación Berciana da Lingua Xarmenta salientaba que Fernandez e Morales "publicou en lingua galega a súa obra Ensayos poéticos en dialecto berciano en 1861, dous anos antes de que Rosalía publicase Cantares Gallegos, adiantando así rexurdimento da nosa lingua".
- Plácido Castro. A diferenza dos outros tres finalistas, o de Plácido Castro non é un nome tan habitual nestas quinielas. Nacido en Concubión en 1902 e finado en Cambados en 1967, foi xornalista, tradutor e escritor, destacando o seu labor no Reino Unido, onde viviu na súa mocidade e, nunha segunda etapa, nas décadas posteriores á Guerra Civil. Membro da Asemblea Fundacional do Partido Galeguista, no ano 1933 participou como representante de Galicia no IX Congreso de Nacionalidades Europeas celebrado en Berna, onde se considerou a Galicia como unha nación. Procesado e inhabilitado en 1936, exiliouse no Reino Unido, onde traballou como locutor na BBC, realizando o Galician Programme, a primeira emisión radiofónica estable en lingua galega. Logo de décadas de relativo esquecemento, a figura de Castro recobrou notoriedade sobre todo grazas á tarefa de recuperación levada a cabo por Xulio Ríos e o IGADI. A iniciativa desa institución, en 2001 foi creada a Fundación Plácido Castro, que ten como obxectivos manter o legado do intelectual e promocionar a tradución de libros ao galego.