As Letras 2017, para Carlos Casares

Carlos Casares, será o homenaxeado no Día das Letras Galegas no 2017 © RAG

O Plenario da Real Academia Galega, reunido esta mañá, acordou dedicar o Día das Letras Galegas de 2017 a Carlos Casares, escollido por diante dos outros tres finalistas: Ricardo Carvalho Calero, Plácido Castro e Antonio Fernández Morales. A homenaxe coincidirá co 50 aniversario da publicación de Vento Ferido, a súa primeira obra.

A Academia destaca que Casares é "unha das figuras máis senlleiras e renovadoras da literatura galega das últimas décadas do século XX"

A Academia destaca que Casares (Ourense, 1941-Vigo, 2002) é "unha das figuras máis senlleiras e renovadoras da literatura galega das últimas décadas do século XX", salientando a súa condición de narrador, ensaísta, articulista de prensa, editor e dinamizador cultural, así coma "o humor e a sinxeleza e a claridade no tratamento dos temas que lle afectan ao mundo actual". Así mesmo, fai fincapé en que "alén do seu talento literario, Casares foi un intelectual de relevo extraordinario que destacou tamén pola súa implicación na vida cultural, social e institucional do país e por unha laboriosidade incansable, ao tempo intelixente e reflexiva, e sempre cun compromiso inequívoco coa lingua galega". A RAG conclúe que a escolla de Casares "reforzará o prestixio das nosas lingua e literatura non soamente entre o público escolar e estudantil en xeral, senón entre o gran público lector, que xa celebrou en vida a súa espléndida obra literaria".

 

Biografía

Carlos Casares naceu en 1941 en Ourense e desde os 3 anos pasou a súa infancia en Xinzo de Limia. A súa vocación literaria empezou a se manifestar xa na adolescencia, cando gañou un premio que lle permitiu coñecer a Vicente Risco. Xa na etapa universitaria, na que se especializou en Filoloxía Románica en Santiago de Compostela, entrou en contacto co núcleo da cultura galega antifranquista. En 1967 publicou a súa primeira obra, o libro de relatos Vento ferido, dentro da colección Illa Nova de Galaxia, e pouco despois converteuse nun pioneiro da literatura infantil en galego: en 1968 gañou co relato A galiña azul o I Concurso de Contos Infantís da Asociación Cultural O Facho e en 1973, o I Concurso de Teatro Infantil da mesma entidade con As laranxas máis laranxas de todas as laranxas. En 1975, Xoguetes para un tempo prohibido reportoulle o Premio Galaxia e o Premio da Crítica de narrativa galega da Asociación Española de Críticos Literarios. En 1978 ingresou na Real Academia Galega, onde foi o membro de número máis novo.

En 1981 foi elixido como parlamentario independente nas listas do PSdeG-PSOE e na cámara traballou para sacar adiante a Lei de Normalización Lingüística (1983). A partir de 1985, centrou o seu traballo no eido cultural como director da editorial Galaxia (1986-2002) e da revista Grial (1988-2002) e, máis adiante, tamén como presidente do Consello da Cultura Galega (1996-2002).  Ademais das obras comentadas, publicou a colección de relatos Os escuros soños de Clío (1979), as novelas Ilustrísima, Premio da Crítica Galega de 1982; Os mortos daquel verán (1987), Premio Antón Losada Diéguez; e Deus sentado nun sillón azul (1996), Premio da Crítica Española de 1997 e finalista do Premio Nacional de Narrativa de 1998; ou O sol de verán, publicada postumamente en 2002 e Premio da Crítica dese ano.

 

Marilar Aleixandre e Chus Pato

No pleno de hoxe tamén foi elixida académica de número electa Marilar Aleixandre, e oficializouse a proposta de Chus Pato, que será votada na vindeira xuntanza

No Pleno de hoxe tamén foi elixida académica de número electa Marilar Aleixandre, escritora e catedrática de Didácticas das Ciencias Experimentais da USC, para ocupar a vacante producida polo pasamento, o pasado 27 de novembro, de Xosé Neira Vilas. Na xuntanza do Pleno tamén se oficializou a proposta de Chus Pato, para cubrir a vacante producida polo pasamento de Xosé Fernández Ferreiro o pasado 16 de decembro. A candidatura da poeta someterase a votación no vindeira sesión plenaria.

 

Estatua de Carlos Casares en Pontevedra Dominio Público Praza Pública
Lugar onde repousan os restos de Casares, en Nigrán CC-BY-SA Praza Pública
Carlos Casares © Real Academia Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.