Radio Cos, Xabier Díaz e Narf, sons galegos para o Womex 2016

Presentación do Womex 2016, este mércores en Santiago © Womex

Restan apenas tres meses para que Santiago se volva converter no centro das músicas do mundo. A capital galega volve ser, entre o 19 e o 23 de outubro, sede de Womex, a maior feira internacional da 'world music' que este mércores revelou en Compostela os artistas que lle porán son galego ao certame. Á xa coñecida participación de Radio Cos na sección oficial uniranse, no escenario Atlantic Connections, as músicas de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre e mais as de Narf, neste caso acompañado por Timbila Muzimba.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e mais o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presentaron a pé de rúa unha edición de Womex na que, segundo o rexedor compostelán, vai destacar o "altísimo nivel" da representación galega nunha cidade "pequena en habitantes, pero enorme a nivel cultural ou turístico". "Somos periferia nas industrias culturais, non na creación", engade Sanmartín, nun contexto no que, segundo o conselleiro, Womex é "unha oportunidade" para "establecer sinerxias no panorama internacional que sirvan de panca para a música tradicional galega".

Despois de Mercedes Peón, en 2010, e Davide Salvado, en 2014 -na primeira edición celebrada en Santiago-, Radio Cos chega á sección oficial cunha bagaxe de máis dunha década de percorrido por toda Europa, pero con case tres décadas de traballo de investigación etnográfica por parte dos seus dous referentes, Xurxo Fernandes e Quique Peón. O seu primeiro disco, 'Sete cuncas', foi unha das revelacións dos últimos anos, mesturando elementos tradicionais galegos con outros sons internacionais cun bo volume de referencias europeas.

No escenario Atlantic Connections estará tamén outro dos proxectos musicais do país con máis proxección internacional dos últimos tempos, o que teceu Xabier Díaz xunto ás Adufeiras de Salitre no disco The tambourine man, co que xa xiran por todo o continente. Neste traballo Díaz e as Adufeiras reinterpretan a tradición galega coas súas voces acompañadas pola zanfona, o violín e o acordeón diatónico.

Do 19 ao 23 de outubro a feira inclúe uns 60 concertos na capital galega

A representación galega neste Womex complétaa o enésimo proxecto mestizo de Fran Pérez, Narf, agora acompañado por Timbila Muzimba, un colectivo mozambicano de músicos e bailaríns co que traballa no proxecto Da Zigala a Zemambiquo, dous países imaxinarios "asombrosamente parecidos a Galiza e Moçambique". A música combínase, neste caso, co diálogo intercultural, a innovación musical e a tradición africana.

A alacantina La Negra, a portuguesa Gisela João, os venezolanos Edmar Castaneda Trío ou os colombianos Puerto Candelaria son outros dos nomes que pasarán por unha edición de Womex que, alén da feira para profesionais do sector, inclúe uns 60 concertos, relatorios e proxeccións de dinema. Na anterior edición celebrada en Santiago, no 2014, participaron máis de 2.400 profesionais representando a case milleiro e medio de empresas.

Radio Cos © Womex
Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre © Womex
Narf e Timbila Muzimba © Womex

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.