0 Gardados para despois

"As Irmandades foron as primeiras en loitar sistematicamente polo autogoberno galego"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Polo que máis quero xuro ser dos bos e xenerosos. Terra a nosa!". É o xuramento que Bernardino Varela asinou con fachenda, como tantos outros, ao incorporarse ás Irmandades da Fala. O documento orixinal ocupa un lugar destacado na exposición Saúde e Terra, irmá(n)s!, aberta ao público ata o 4 de agosto no Museo do Pobo Galego, aberto este 25 de xullo en horario especial para conmemorar o Día Nacional de Galicia. Xunto ao historiador e presidente do padroado do Museo do Pobo, Xusto Beramendi, percorremos unha mostra que o centro etnográfico organiza conxuntamente coa Real Academia Galega e a Deputación da Coruña. Ante os obxectos e documentos orixinais do persoeiros das Irmandades Beramendi non dubida en afirmar: "Moito do que somos hoxe e damos por descontado debémosllo ás Irmandades", a comezar polo autogoberno.

Despois de pasar pola sala na que unha peza audiovisual producida para a exposición amosa imaxes orixinais da época -moitas delas custodiadas no CGAI- as visitas atopan o violín de Manuel Quiroga, entregado comoa gasallo ao seu amigo Antón Losada Diéguez. "Os obxectos -debulla Beramendi- establecen un vínculo non discursivo, máis inmediato co espectador. Teñen poder de atracción e axudan a interesarse polas ideas". E os obxectos das Irmandades abondan por todo o percorrido expositivo: os lentes de Vicente Risco, as bandeiras e carnés das Irmandades, debuxos e manuscritos de Castelao ou Bóveda ou a máquina de escribir de Valentín Paz Andrade no xornal 'Galicia' son testemuñas case vivas daqueles anos.

A intención da mostra, detalla Beramendi, é "transmitir o que significaron as Irmandades como punto de ruptura para o galeguismo político", pero tamén para o propio país. Tras un primeiro rexionalismo no que referentes como Manuel Murguía ou Alfredo Brañas "defendían Galicia e o galego en castelán", ilustra, a aparición das irmandades supón unha "mudanza radical", un "segundo rexurdimento". O idioma é a base do traballo e do activismo dos irmandiños e para iso, ao contarén entre os seus membros con algúns dos autores máis destacados da época, "levan a práctica culta do galego dende o ámbito da poesía e algo de prosa literaria ata a súa consolidación na novela, no teatro e nas ciencias en xeral", pero "tamén na publicidade e nos xornais", con mostras abondosas en toda a exposición.

A exposición 'Saúde e terra, irmá(n)s!' amósase no Museo do Pobo Galego ata o 4 de agosto e continuará percorrido por Vigo, Pontevedra, Ourense, Lugo e Ferrol

Pero os homes e mulleres das Irmandades non se dedicaron, nin de lonxe, unicamente á actividade cultural. Dende a primeira Asemblea Nazonalista (Lugo, 1918), condensada nun manifesto cuxo orixinal manuscrito se amosa na exposición, desenvolveron "a cuestión fundamental do salto ideolóxico na definición de Galicia como nación e todas as reivindicacións que se derivan dela". "Coas irmandades nace o nacionalismo galego propiamente dito e un subsistema político en Galicia que callará na II República", resalta Xusto Beramendi. "O Partido Galeguista -fundado en decembro de 1931- é fillo das Irmandades", resume o historiador, elas son "as primeiras que loitan sistematicamente polo autogoberno galego" e delas deriva "que o sistema de partidos en Galicia sexa singular e cualitativamente diferente ao doutros territorios", mantén.

A arte do teatro á escultura, a investigación condensada no Seminario de Estudos Galegos, a aposta pola participación política das mulleres ata supoñeren un 10% da afiliación do PG ou o impulso "dos necesarios medios de comunicación", dende o boletín 'A Nosa Terra' a 'Nós' ou 'Galicia' están tamén moi presentes nunha exposición que, explica Beramendi, ten como fin último procurar que "unha parte da sociedade non esqueza de onde vén". As Irmandades foron pioneiras en seren "conscientes de que é necesario construír nación socialmente", tamén nuns tempos nos que "as raíces históricas, normalmente, non lle preocupan á xente". Despois do seu paso polo Museo do Pobo Galego a exposición continuará percorrido por Vigo (agosto), Pontevedra (setembro), Ourense (outubro), Lugo (novembro) e Ferrol (decembro).

Fragmento do manuscrito do Manifesto de Lugo (1918), presente na exposición

Publicidade d'Un ollo de vidro, de Castelao

Manuscrito dos traballos previos ao Estatuto do 36

Panel sobre a Asemblea de Lugo

Cabeceira dun exemplar do diario 'Galicia'

Panel sobre os medios de comunicación en galego na época

Orixinal do retrato de Ánxel Casal realizado por Díaz Baliño tras seren detidos polos franquistas

Carné de Díaz Baliño en Lar

Publicidade das publicacións

Lembranza de comuñón da familia Vilar Ponte

Exposición 'Saúde e terra, irmá(n)s!'

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.