"A creación desta cátedra non puido acaer nun momento histórico máis oportuno". Quen fala é Burghard Baltrusch, profesor da Universidade de Vigo e agora tamén presidente da I Cátedra Internacional José Saramago, que a institución académica presentou formalmente este martes. A proximidade no tempo co Día Nacional de Galicia e co centenario das Irmandades de Fala é, a xuízo de Baltrusch, o mellor marco posible para a posta en marcha dunha iniciativa que procura "loitar contra a indiferenza, o medo e a resignación" dende o estudo da obra e da traxectoria intelectual do Nobel portugués.
Co obxectivo último de "poñer en valor o pensamento de Saramago" e o humanismo en xeral, a iniciativa para crear a Cátedra botou a andar en 2014, no seo do Grupo de Análise e Estudo da Literatura e da Tradutoloxía da universidade viguesa. Un convenio entre as entidades fundadoras -a propia Universidade xunto á Fundación José Saramago e, como membros honoríficos, o Instituto Camões e a Fundação Engenheiro António de Almeida- foi o sinal de saída para unha cátedra que, aproveitando os vínculos da lusofonía, "pretende crear pensamento e levar á sociedade en xeral; portuguesa, galega e internacional, a discusión en temas esenciais e de afondamento no debate en torno aos grandes problemas nacionais e universais".
"Só o humanismo" que destila a obra de Saramago "nos permitirá ter futuro", di o reitor vigués, Salustiano Mato, para resumir as intencións fundacionais da Cátedra. Vigo, como "lugar de maridaxe do mundo lusófono", é ao seu xuízo o punto de encontro ideal para unha iniciativa que Pilar del Río, presidenta da Fundación José Saramago e viúva do autor, acolle con especial satisfacción por nacer ligada a "unha universidade nova". "Son os mozos os que son donos do presente e do futuro", di, nun contexto no que, dende o Instituto Camões, Filipa Soares salienta o "traballo extenso" que a cátedra ten por diante para "divulgar e difundir a cultura portuguesa".
A Cátedra chegará ao Porto a comezos de outubro e xa traballa na organización dunhas xornadas anuais sobre o autor na Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo
Estes obxectivos comezarán a concretarse xa neste segundo semestre de 2016. O comité executivo da Cátedra aprobou, na súa asemblea, que unha das súas primeiras acción sexa a creación dunha base de datos de literatura crítica sobre a obra de Saramago que amplíe a xa existente. A principios de outubro o traballo da cátedra chegará á Casa da Música do Porto ao fío dun coloquio sobre Valter Hugo Mãe, Premio Saramago 2007. "As nosas actuacións -destaca Baltrusch- non se limitarán á obra do homenaxeado", senón que abranguerán o conxunto da "literatura actual".
Unhas xornadas anuais sobre o escritor na Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo son outras das actividades xa confirmadas dunha cátedra que, indican dende a Universidade viguesa, pretende ser "un espazo para a reflexión" para "promver a cooperación científica, lingüística, educativa e cultural" ao redor "desta figura das letras universais". Apoio á docencia, intercambio de coñecemento entre profesorado e estudantado, publicacións conxuntas ou proxectos culturais de maior dimensión terán cabida nesta cátedra, avanzan.