“Cómpre seguir lembrando o nazismo debido ao auxe do filonazismo na Europa actual”

Alberto Canal, autor de 'O amor nos escuros días de Birkenau' (Xerais) Dominio Público Praza Pública

“Claro que é posible, Thomas. En Birkenau o amor tamén é posible. Non penses máis no que che dixo Roman e déixate levar polo momento. Pode que nunca volvamos estar así outra vez -díxome no intento de sacarme da verea lamacenta na que acababa de atoarme”. Así fala Irene, unha das personaxes principais de O amor nos escuros días de Birkenau, (Xerais), a nova novela do autor de Conexión Tubinga, Alberto Canal.

A presenza da II Guerra Mundial como temática foise incrementando nos últimos anos na narrativa galega. No caso de Alberto Canal, a obra xurdiu dunha experiencia persoal. “A oficina de turismo de Polonia foi convidada a un intercambio que organizara a Deputación de Ourense. Fun pedir información porque me interesaba viaxar a Polonia. A persoa que me atendeu chegou a pedirme que non fose aos campos de concentración de Auschwitz e Birkenau, porque, dicía, ir non achegaba nada. Morréranlle varios familiares alí… Non lle fixen caso e fun visitalos. E si que sentín certo remorso ao estar alí, non sabía que estaba facendo... Pero, á volta, púxenme a investigar e descubrín a historia de catro mulleres que participaran nun complot para liberar o campo. Despois, cando vin o documental Shoah, de Lanzmann, vin que saía un perruqueiro que estivera en Auschwitz, que contaba que alí a xente namoraba, e que o amor era un aliciente para loitar por sobrevivir”, explica o autor.

"En Auschwitz a xente namoraba, e o amor era un aliciente para loitar por sobrevivir”

A posibilidade, e o sentido, do amor no medio do horror constitúe, así, o fío que conduce O amor nos escuros días de Birkenau, xunto coa organización dun intento de rebelión por parte das vítimas dos nazis. Quen conta a historia é un alemán disidente, o preso político anarquista Thomas Münch. Un antixudeu que inicia unha relación cunha xudía polaca, Irene Rosenthal. Os dous son membros da resistencia no campo de Birkenau. E a súa loita pola liberdade, e pola esperanza de manterse vivos, podería ser, quizais, a de calquera outro dos múltiples xenocidios que marcaron a historia da humanidade e, sobre todo, o século XX. “Podería ser outro lugar e outro tempo, si. Hai moitas épocas de matanzas especialmente dramáticas. Pero o que distingue o nazismo é que maldade se torna máis sofisticada, porque converte seres humanos en produto manufacturado, en materia prima para a industria. É estarrecedor. Ademais, creo que cómpre seguir lembrando o nazismo debido ao auxe do filonazismo na Europa actual”, indica Canal.

"O que distingue o nazismo é que maldade se torna máis sofisticada, porque converte seres humanos en produto"

O complot para liberar o campo que narra esta novela baséase nun feito real, mais é ficción. “Non precisei moita documentación. O libro xurdiu, realmente, do que vin nos campos. Si lin, por exemplo, El hombre en busca de sentido, de Viktor E. Frankl, pero tampouco quería facer un libro de historia”, subliña. Os personaxes son tamén creación do autor, aínda que algún se apoie na biografía de persoas reais que estiveron nos campos. Algunha delas, exemplo de dexeneración humana. Case estereotipos, sen fisuras. Agás un, que agocha a súa outra cara. E un segredo sobre a súa identidade.  “Non puxen nomes a personaxes como a Cadela e a Besta. Son dous personaxes inspirados en dúas mulleres que existiron. O personaxe do Supervisor si foi máis creado por min. Un home que busca a aceptación do nazismo…”, salienta o autor.

Mais o nazismo non só distorsiona o pensamento de personaxes que, coma a Supervisor, agardan ascender na estrutura creada polo réxime. “Nun primeiro momento, tamén Thomas claudica ante a propaganda nazi. Por un problema que a súa familia ten cun prestamista xudeu. Iso lévao a sentir xenreira. E chega ao campo de Birkenau, como preso político, sentindo odio aos xudeus. Coma moitos polacos de Cracovia, que preferiron pechar os ollos. Porque vían aos xudeus como usureiros, especuladores, que medraban e tiñan poder. Mais os propios xudeus do campo, que planean rebelarse, pídenlle axuda a Thomas. Botan man dos presos políticos alemáns. De xente de esquerdas que podía axudalos. Non ían confiar nos criminais alemáns que os nazis mandan aos campos para facer de kapos”, sostén o autor.

"O interrogante que me interesaba responder era, esta xente non fixo nada para tentar fuxir"

Mais tampouco é todo solidariedade entre os presos, xa que a novela relata moi crúas escenas nas que se impón, entre eles, a lei do máis forte. “O interrogante que me interesaba responder era, esta xente non fixo nada para tentar fuxir. É verdade que conto, por exemplo, que nas cámaras de gas aparecían os máis grandes enriba dos máis pequenos. Pero eu creo que iso, en concreto, é só unha reacción instintiva. Tentas respirar porque se acaba o osíxeno, e agatuñas por onde podes. Podes acabar subindo enriba dos teus propios fillos, sen ser consciente do que fas. Non creo que iso sexa unha mostra de maldade. Ademais, creo que si se viviron, na realidade, manifestacións de bondade, de altruísmo, por exemplo por parte de xente á que lle morrera a familia e que se sentía culpable por seguir vivindo. Iso pasou”, afirma Canal.

E pasou, tamén, que o propio sistema organizativo dos campos de concentración promovía, para reforzarse a si mesmo, a insolidariedade, a competición pola supervivencia, o individualismo... “Iso reflíctese”, cre Canal, “no tema dos prostíbulos. Os nazis, na teoría, estaban en contra da prostitución. Pero crear prostíbulos para os Kapos era un xeito de acirrar a súa maldade, de facelos uns seres aínda máis dexenerados na súa crueldade. Despois, aínda por enriba, mandaban as mulleres a outro campo para facer experimentos científicos con elas. Aínda que, si, o tema da competencia pola vida entre as propias vítimas non o toquei. É algo difícil de comprender”. Máis matices ten, se cadra, a personaxe de Irene, unha muller de grande fortaleza que é quen de sobrepoñerse aos abusos máis terribles. “Ela leva grande parte do peso da trama. É un personaxe forte, si, aínda que tampouco foi parte dunha estratexia creala así”, asegura o autor.

Capa do libro © Xerais

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.