'Hazte banquero': As tarxetas Black e a España máis negra soben ao escenario

Simona Levi, a directora, xunto aos actores CC-BY-SA Xnet

"Ver desde dentro, desde a sala de máquinas, como se crea unha 'crise', pero tamén como, contra todo prognóstico, cambiamos o final que tiña previsto". Os colectivos Xnet e 15MpaRato definen así a obra Hazte banquero, inspirada no escándalo das tarxetas Black e o caso Bankia, que este venres 16 chega á Coruña na súa única función en Galicia e logo do éxito acadado en todos os seus pases en Catalunya.

A obra de Xnet baséase nunha escolla dos 8.000 correos de Blesa que o colectivo filtrou e achegou aos medios

A burbulla estoupou, a crise chegou e a negra corrupción e a estafa á cidadanía agromou en forma de escándalos. Pero nada como eses 8.000 correos electrónicos que Blesa intercambiou cos seus socios durante os 13 anos á fronte de Caja Madrid para entender cal era o grao de lama que ateigaba os baixos fondos do Estado. Membros do colectivo Xnet filtraron e logo abriron a público eses correos de Blesa, que desvelaron casos como o das tarxetas Black, o afundimento de Bankia ou o seu rescate público. Desas conversas, os creadores da hora seleccionaron e procesaron para crear un relato cheo de luxo, corruptelas, coches deportivos, paparotas, festas... E moito máis. 

"Os mails contaban a historia real de España: a de como afundiron Iberia, a da OPA de Endesa e as mentiras que nos dixeran... Por moito que nós intentáramos facer un relato bo, eles contábano mellor e a lóxica xornalística non axudaba a contar iso que viamos, como funcionaba o sistema, como se xerou a crise das caixas ou como funciona a partitocracia", explica Sergio Salgado, galego, membro de Xnet e coguionista da obra xunto a Simona Levi, que é a directora. 

"Os 'mails' contaban a historia real de España; por moito que nos intentáramos un relato bo, eles contábano mellor"

Os autores definen a obra como "teatro de datos". Gráficos, fichas persoais e números apoian o relato e os espectadores poden consultar nun programa de man un organigrama que permite non perderse entre tanta cifra e nome. "O público vén ver unha teatralización dunha filtración de datos e correos bancarios e espera algo menos divertido; nós teremos mérito, pero quen o ten de verdade son os que escribiron os correos, os dirixentes de Caja Madrid", explica Salgado, que repara no feito de que "a xente que non escoitara falar do tema, entende perfectamente como funciona o Estado, pero aqueles hiperinformados tamén saen sorprendidos porque nin eles mesmos lembraban tal nivel de cousas". "Hai quen amosa dúbidas e non cre que o que alí se di sexa textual, pero si o é e temos unha guía na web para que a xente o comprobe". 

"Facemos isto por activismo; a cultura serve para case todo, pero se non serve para isto, a nós non nos interesa"

"Facemos isto por activismo; a cultura serve para case todo, pero se non serve para isto, a nós non nos interesa", insiste Salgado, que se recoñece nunha ideoloxía "inasequible ao desalento" e que reflexiona sobre o feito de que, malia o agromar de filtracións e datos que poñen de manifesto a corrupción instalada, xente achegada aos protagonistas dos casos continúa a acumular millóns de votos e vitorias electorais. "O impacto nos resultados electorais e cer ou próximo a cero, pero esperar que un resultado electoral cambie as cousas é unha idea moi paternalista da política; nós defendemos que a cidadanía se autoorganice par apoder facer unha análise propia se necesidade de partidos que monopolicen a política", advirte. 

Protagonizada por Josep Julien, Albert Pérez (Miguel Blesa), Elies Barberà e Agnès Mateus, esta obra de teatro documental ou de código aberto camiña "entre o drama, o esperpento, o realismo documental e a comedia negra". E poderase ver este venres 16 no teatro Rosalía de Castro da Coruña. As entradas para Hazte banquero. Tarjetas Black todo lo que quisieron ocultarte (contado con sus propias palabras) xa están á venda para unha obra que non sería posible sen as achegas que conseguiu a través do crowdfunding e que, insiste Sergio Salgado, "é de cultura libre". "A SGAE non vai levar un peso", remata. 

Un momento da obra 'Hazte banquero' CC-BY-SA Xnet

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.