A longametraxe documental Os días afogados, dirixida por César Souto e Luís Avilés Baquero, chega este venres 16 ás salas de cinema galegas, comezando por Vigo, Santiago, Ferrol e A Coruña. O filme gañou o Premio Mestre Mateo ao Mellor Documental e o galardón do público na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico de Santiago. En novembro está prevista a súa estrea en Madrid e Barcelona en salas comerciais baixo demanda.
Os mesmos veciños, conscientes de que todo estaba a piques de perderse, comezaron a gravar coas súas cámaras domésticas os lugares que habitaran durante toda a súa vida e que ían ficar asulagados
Os días afogados conta o conflito vivido pola veciñanza das aldeas de Aceredo e Buscalque (Lobios), anegadas pola construción do encoro de Lindoso en 1992, nun duro proceso de expropiación forzosa das súas vivendas e terreos. Anos antes, os mesmos veciños, conscientes de que todo estaba a piques de perderse, comezaron a gravar coas súas cámaras domésticas os lugares que habitaran durante toda a súa vida e que ían ficar asulagados. Boa parte do material que retrata o último alento da vida desas aldeas conforma as imaxes máis poderosas deste documental que contrapón o poderoso arquivo doméstico co retrato desas persoas, máis de vinte anos despois, nunha ollada sobria e cercana, entre o íntimo, o político e o existencial.
Canda á estrea do documental preséntase tamén o micropoemario Auga a través escrito pola poeta Dores Tembrás
Canda á estrea do documental preséntase tamén o micropoemario Auga a través escrito pola poeta Dores Tembrás. Un conxunto de poemas en torno ás aldeas anegadas cuxo proceso de escrita estivo “atravesado” polo visionado do documental, en palabras da súa autora. Os poemas inspíranse en imaxes da película e acábana complementando a través da ollada de Tembrás. Por iso a produtora do filme, Amanita Films, e a editora Apiario puxéronse de acordo para simultanear o lanzamento das dúas obras. A primeira presentación conxunta será este venres 16 ás 20h en NUMAX, Santiago de Compostela, e a seguinte o sábado 17 ás 18 horas no CGAI da Coruña, dentro dun ciclo organizado pola Academia Galega do Audiovisual.
O filme poderase ver durante toda a vindeira semana no Cinema NUMAX, nos Multicines Norte de Vigo e no cine Dúplex de Ferrol. Ademais de estar na carteleira, haberá varias proxeccións especiais que contarán coa presenza dos equipo do filme e coloquio posterior cos asistentes, como a do venres ás 22 horas en Compostela, o sábado 17 ás 22:30 en Ferrol e o martes 20 ás 20:10 horas en Vigo. As persoas que merquen entradas para Os días afogados en calquera dos cines onde se vai proxectar serán agasalladas cun dos poemas, nunha edición limitada comemorativa deste lanzamento.
A comezos de novembro está previsto o inicio da xira de Os días afogados por distintas cidades españolas, a través da plataforma de proxeccións baixo demanda Screenly
Ademais, Os días afogados vén de presentarse no festival de cine documental Alcances de Cádiz, onde compite na sección oficial, e este xoves proxectarase na mostra Outros olhares do Festival Internacional do Filme Etnográfico (FIFER) de Recife, en Brasil. En outubro competirá polo premio ao Mellor Documental do festival Cinespagne de Toulouse, e polo premio ao Mellor Documental de Medio Ambiente no Festival de Cine de Bogotá. A comezos de novembro está previsto o inicio da xira de Os días afogados por distintas cidades españolas, a través da plataforma de proxeccións baixo demanda Screenly. Ademais dos eventos de estrea en Madrid e Barcelona, con Screenly calquera persoa ou colectivo poderá programar a película nos cines asociados á plataforma, reunindo un mínimo de espectadores que reserven previamente a entrada.