0 Gardados para despois

Excéntricas levará a escena en galego 'A cabeza do dragón' de Valle-Inclán

Alberto RamosAlberto Ramos | @alberto_ramos


“Non hai mal que cen anos dure nin nunca choveu que non escampase. Está a escampar, comeza a normalidade”. Con estas palabras, o director teatral Quico Cadaval refírese á histórica imposibilidade de adaptar os textos de Ramón María de Valle-Inclán ao galego pola reiterada negativa dos seus descendentes. Unha negativa que a partir do próximo 1 de xaneiro quedará sen efecto e será irrelevante á hora de traducir á nosa lingua os seus textos, xa que ese día se cumprirán os prazos legais para que a obra do autor arousán, falecido o 5 de xaneiro de 1936, pase ao dominio público. Deste xeito, o ano 2017 será, recollendo as palabras de Cándido Pazó, o ano da “desamortización valleinclanesca”.

Producións Teatrais Excéntricas será a primeira compañía en embarcarse nunha produción teatral de Valle-Inclán traída ao galego. A compañía está a comezar a preparar a súa versión de A cabeza do dragón, texto de Valle representado por vez primeira en 1910 e publicado en 1914. A estrea de Excéntricas está prevista para comezos de marzo de 2017 no Teatro Principal de Santiago. “Das obras de Valle-Inclán, escollemos A cabeza do dragón porque, por unha banda, realmente é un dos textos menos representados de Valle-Inclán e, por outra, porque é un texto que forma un verdadeiro xogo de espellos, que provoca diferentes sensacións. Comeza parecendo un conto infantil, logo parece unha lenda medieval para rematar como esperpento político”, salienta Cadaval, quen engade que, para Excéntricas, esta montaxe de gran formato representará “un esforzo importante” ao tratarse dunha obra cun gran número de personaxes. A obra contará cun elenco de oito intérpretes, entre os que estarán Iván Marcos, Víctor Mosqueira ou Patricia Vázquez. Cadaval tamén adianta que a montaxe de Excéntricas prestará especial atención á música, contando cunha partitura musical orixinal, e que o director do Taller Atlántico Contemporáneo (TAC), Diego García, será o encargado de dirixir a gravación da banda sonora.

"É un texto que forma un verdadeiro xogo de espellos, que provoca diferentes sensacións. Comeza parecendo un conto infantil, logo parece unha lenda medieval para rematar como esperpento político”, salienta Cadaval

Cadaval, ademais, aproveita a súa conversa con Praza para enviar unha mensaxe ao Centro Dramático Galego (CDG). “Nós escollemos unha obra como A cabeza do dragón, e consideramos que xa lle corresponde ao Centro Dramático Galego, como teatro nacional, emprender unhas Comedias Bárbaras ou unhas Divinas palabras. É a súa responsabilidade”, sinala Quico Cadaval. 

 

A voltas con Valle

Precisamente, o Centro Dramático Galego chocou xa na súa propia fundación coa negativa dos herdeiros de Valle-Inclán de levar a súa obra ao galego. No ano 1984, cando a institución de teatro público botaba andar baixo a dirección de Eduardo Alonso, estreáronse as súas dúas primeiras obras. A primeira delas, o Woyzeck dirixido por Xúlio Lago, foi estreada o 23 de agosto no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. A segunda, o Agasallo de sombras, de Roberto Vidal Bolaño, cuxa primeira representación se celebrou no García Barbón de Vigo. Esa é a historia que quedou escrita, mais non era a previsto.

A intención inicial do Centro Dramático pasaba por estrear a súa actividade cunha adaptación ao galego de Divinas palabras, de Valle-Inclán. O texto estaba traducido, a dirección recaía en Xúlio Lago, o elenco estaba formado e todos comezaran xa a traballar no proxecto cando a institución de teatro público cruzou de bruzos co rexeitamento taxativo dos herdeiros do escritor, que negaron a posibilidade de levala ao galego. Ante esa situación, houbo que  recorrer ao texto do alemán Georg Büchner que o propio Lago estaba a preparar para representar coa súa compañía privada. Así foi como o CDG comezou a súa andaina cun texto estranxeiro.

“Consideramos que xa lle corresponde ao Centro Dramático Galego, como teatro nacional, emprender unhas Comedias Bárbaras ou unhas Divinas palabras. É a súa responsabilidade”

Esa foi a primeira polémica do CDG ao redor de Valle-Inclán, mais a segunda e máis forte aínda estaba por chegar. Catorce anos despois, en 1998, o CDG embarcouse nun proxecto, Valle-inclán 98, formado por catro obras do autor (Las galas del difunto, La cabeza del Bautista, Ligazón e El embrujado), todas elas representadas en castelán por entre outros motivos, a nova negativa dos herdeiros do autor. Aquela iniciativa espertou unha ampla polémica e división tanto no seo da profesión coma na cultura do país. As protestas culminarían en diversos actos reivindicativos, como a lectura pública no Casino de Santiago das citadas obras de Valle-Inclán, traducidas ao galego por autores como Manuel Rivas, Xosé Luis Méndez Ferrín ou Manuel Lourenzo.

A negativa dos herdeiros de Valle Inclán impediu inaugurar a actividade do CDG en 1984 cunha adaptación ao galego de Divinas palabras

Mais todo isto non deixa de ser o enésimo resumo apurado, o reiterado relato urxente dunha longa historia que xa non terá máis capítulos. Á hora de falar de Valle-Inclán e a súa adaptación ao galego, xa non se repetirán nin polémicas nin máis debates. “E debate, realmente nunca o houbo, só unha decisión totalmente unilateral. Pero agora xa non hai máis discusión. Este é un asunto que había, pero xa non”, conclúe un Cadaval chamado a ser o primeiro director en traer a Valle-Inclán ao galego tras cumprirse, o próximo ano, os prazos legais para que a obra do escritor pase ao dominio público.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.