20 filmes galegos participarán no Festival de Cine de Ourense

Cartel da 21ª edición do Festival de Cine de Ourense © OUFF

O Festival de Cine Internacional de Ourense contará nesta edición, que se celebrará do 28 de outubro ao 5 de novembro, cunha vintena de pezas galegas, tanto na súa Sección Oficial como nas paralelas. 

Na Competición Iberoamericana da Sección Oficial do 21 OUFF, o ourensán José Manuel Mouriño achegaralle ao público Manuel Vilariño. Ser luz, un documental ensaístico que propón una aproximación en imaxes á obra e ao universo argumental do fotógrafo e poeta coruñés Manuel Vilariño. No filme ten ademais unha presenza importante a figura e voz do poeta ourensán José Ángel Valente, de profunda influencia no traballo de Vilariño. O pontevedrés Manuel Fernández-Valdés competirá na mesma categoría co filme documental Angélica [una tragedia]. O filme retrata a axitada relación entre a creación e a vida que xira en torno á figura de Angélica Liddell durante o proceso de preparación dunha obra da artista.

Nas diferentes seccións paralelas desta edición do Festival de Cine Internacional de Ourense, o público poderá atopar as pezas Jeanette, de Xurxo Chirro; Sin dios ni Santa María Montañas ardientes que vomitan fuego, ambas de Samuel M. Delgado e Helena Girón; Verengo, de Víctor Hugo Seoane; Share o No Share, de Juan Hervella Rego; El pozo, de Héctor Domínguez-Viguera; O Rebelde, de Óscar Doviso; Visións, de Xisela Franco e Beli Martínez e unha escolma de curtametraxes programadas en colaboración co festival Curtocircuito. Deste xeito, o OUFF inicia un proceso de colaboración con outros certames que a organización espera que sexa extensible a outros festivais do país.
 
Ademais, dentro do marco do Festival, terá lugar a primeira presentación oficial do libro-dvd do filme Pelerinaxes de Simone Saibene, editado pola Editorial Galaxia, e poderase coñecer o estado de varios proxectos en distinto estado de desenvolvemento como We the media, de Héctor Carré; Nación de Muchachos, de Mad Mex Filmanova e Javi Camino e Esquece Monelos, a opera prima de Ángeles Huerta.

Ademais, o Festival de Cine Internacional de Ourense e a plataforma Cinema23 xúntanse para editar un caderno, -con texto de Víctor Paz Morandeira e edición da mexicana con raíces ourensás Paula Villanueva-, deicado desta volta ao Novo Cinema Galego. Do mesmo xeito, un dos seus máximos representantes, o artista e cineasta Lois Patiño, amosará por primeira vez en Europa a súa videoinstalación Tiempo vertical, realizada en Marrocos a través dunha bolsa BBVA. O traballo trata sobre o deserto marroquí e o xeito no que a luz ao descender vai, pouco a pouco, devolvendo ao espazo a súa dimensión e ao corpo o seu volume. Os seus vídeos e videoinstalacións puidéronse ver en centros de arte españois como MACBA e CCB (Barcelona), Casa Encendida (Madrid), MARCO (Vigo) o Fundación Luis Seoane (A Coruña); e doutros países, como o Centro cultural San Martín (Buenos Aires), Konstnarshuset (Estocolmo), Galería Copperfield (Londres), JIFF Art Gallery (Jeonju) ou Galería Solar (Portugal).

 

Cartel de Pelerinaxes © Noveolas
Imaxe de 'Tiempo vertical', de Lois Patiño © OUFF
Manuel Vilariño: Ser luz © OUFF
Angélica (una tragedia) © OUFF

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.