A tradutora foi premiada pola adaptación ao galego de Kallocaína, de Karin Boye
A escritora sueca de orixe e galega de adopción Marta Dahlgren Thorsell recibiu este venres en Cambados o premio Plácido Castro de tradución de mans da alcaldesa, Fátima Alonso, e da presidenta da Fundación, Susi Castro. No acto participaron tamén os concelleiros de cultura de Vilagarcía e Cambados, Sonia Outón e Víctor Caamaño, Xavier Senín en nome do xurado desta XV edición e tamén da Asociación de Tradutores Galegos, Xaquín Chaves, autor da peza escultórica que simboliza o premio, Xulio Ríos, director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), así como veciños da localidade, familiares e amigos.
Na súa intervención, Marta Dahlgren agradeceu o apoio que sempre atopou en Galicia para levar adiante o seu afán tradutor e reivindicou a importancia das linguas minoritarias para garantir a propia viabilidade das sociedades democráticas, segundo informa a fundación. Igualmente, a autora destacou o valor da obra premiada, Kallocaína, de Karin Boye que segundo dixo a impactou moito cando sendo moi nova a leu por primeira vez, e amosou a súa contrariedade polo mal momento que viven as humanidades.
O premio Plácido Castro de tradución, de periodicidade anual e que vén de ser convocado para a súa seguinte edición, quere reivindicar a dimensión tradutora de Plácido Castro, a transcendencia da tradución para o sistema literario e cultural e recoñecer o labor dos actuais tradutores e das súas obras.
2001 | Lois Tobío e Valentín Arias |
2002 | Xesús Riveiro Costa |
2003 | Enma Lázare |
2004 | Xela Arias e Moisés Rodríguez Barcia |
2005 | Fernando Pérez-Barreiro Nolla, Iolanda Galanes e Marta Panero Louzán |
2006 | Xoán Montero e Ekaterina Guerbek |
2007 | Anxela Gracián |
2008 | María Reimóndez |
2009 | Emilio Valadé del Río e Natalia Cora, Rebeca Lemat e Susana Collazo |
2010 | Fernando Moreira Corral |
2011 | Camiño Noia, Elena Sherevera e Lourenzo Maroño |
2012 | Deserto |
2013 | Deserto |
2014 | Mona Imai e Alejandro Tobar |
2015 | Marta Dahlgren |