'Sicixia' e 'No cow on the ice' achegan dous novos premios ao cinema galego

Ignacio Vilar, con paxarela no medio, e Eloy Domínguez, tras del, en Toulouse © Vía Láctea

Dous novos galardóns para o cinema galego, desta vez no XXI Festival Cinespaña de Toulouse (Francia). Marta Lado recibiu o premio á mellor actriz no certame pola súa interpretación en Sicixia, o novo filme de Ignacio Vilar, mentres que o recoñecemento ao mellor documental recaeu en No cow on the ice, do tamén galego Eloy Domínguez.

Marta Lado recibiu o premio á mellor actriz polo seu papel en Sicixia; o de mellor documental foi para No cow on the ice, de Eloy Domínguez

Marta Lado, actriz de Fisterra, recibe o premio á mellor actriz polo seu papel protagonista de Olalla na longametraxe Sicixia, de Vía Láctea Filmes. O presidente do xurado, o actor francés Serge Avedikian, explicou na gala dos premios desta sábado que o galardón recoñecía "un excelente traballo de interpretación a través dun desenvolvemento sutil e gradual do personaxe de Olalla" e unha "profunda expresión dos sentimentos, ás veces catártica", así como pola dignidade do personaxe protagonista feminino ao longo da fita.

O xurado destaca a "profunda expresión dos sentimentos, ás veces catártica" de Marta Lado

A actriz, que non puido asistir á gala, agradeceu ao xurado o galardón e dixo sentirse orgullosa de recibir o seu primeiro premio internacional amosando un anaco da súa terra, a Costa da Morte. Tamén convidou o público francés a visitar Galicia e subliñou que nun momento no que as fronteiras rompen o mundo, Sicixia fala de namorarse do mundo do outro. O director, Ignacio Vilar, foi o encargado de recoller o premio e subliñou que o premio supoñía "un grande pulo para o cinema rodado en galego e un "premio á Costa da Morte".

En canto ao galardón ao mellor documental por No cow on the ice, o xurado recoñeceu un filme no que o seu director, Eloy Domínguez, aborda a dobre condición de emigrante e inmigrante. Na película, nárrase a vida dun mozo galego que marcha a Suecia, onde leva a cabo diferentes traballos temporais. A aprendizaxe dun novo idioma e a súa fascinación pola paisaxe sueca, convértense nunha motivación fronte a todas as dificultades. A medida que aprende sobre a cultura, a sociedade e o modo de vida, desenvolve unha nova identidade.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.