Este luns 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca, unha data que se conmemora coa organización de actividades (obradoiros, xornadas de portas abertas, contacontos, visitas guiadas, liberación de libros, mostras bibliográficas...) en boa parte dos centros públicos, tanto nos dependentes da Xunta coma nas bibliotecas municipais e que nalgúns casos se estenden ao longo da semana.
Nos últimos anos veu descendendo o número de bibliotecas en Galicia (hoxe hai 497, fronte ás 591 de 2006), cada vez se incorporan menos libros novos aos seus fondos e, igual xeito redúcese o persoal que traballa nelas
Na Coruña, por exemplo, a Rede Municipal de Bibliotecas organiza dúas xornadas especiais nomeadas As bibliotecas nos mercados, nas levará a actividade cultural fóra dos seus propios recintos. Así, nas mañás dos días 24 e 25 de outubro, en horario de 9 a 14 horas, a cidadanía que visite os mercados municipais das Conchiñas, Elviña, Monte Alto, Praza de Lugo e San Agustín, poderá coñecer de primeira man os servizos que a diario ofrecen as bibliotecas municipais: obradoiros, charlas ou clubs de lectura, ademais do propio servizo de préstamo de libros en papel, libros dixitais, dvds, discos de música e demais. De igual xeito, as bibliotecas dependentes da Xunta acollerán un bo número de actividades en Lugo, Ourense, A Coruña, Vigo, Pontevedra e Santiago de Compostela.
Este luns 24 de outubro é tamén un día de reivindicación para os e as profesionais das bibliotecas, nun contexto de recortes orzamentarios e peche de centros. Nos últimos anos veu descendendo o número de bibliotecas en Galicia (hoxe hai 497, fronte ás 591 de 2006), cada vez se incorporan menos libros novos aos seus fondos e, igual xeito redúcese o persoal que traballa nelas. Das 497 bibliotecas galegas, só 122 permanecen abertas máis de 40 horas á semana. A maior parte (258) abre entre 20 e 40 horas semanais. 76 fano entre 10 e 20 horas e outras 41 son de acceso público menos de 10 horas cada semana.
Máis dun millón de galegos e galegas son socios e socias dalgunha destas entidades (en concreto, 1.023.183), o que representa o 38% da poboación
A pesar das dificultades, o número de usuarios e usuarias das bibliotecas galegas creceu notablemente nos últimos anos, máis dun millón de galegos e galegas son socios e socias dalgunha destas entidades (en concreto, 1.023.183), o que representa o 38% da poboación. Esta cifra experimentou en 2014 un lixeiro descenso, despois de anos dun constante crecemento dende os 872.116 inscritos e inscritas de 2008 (unha suba do 17,4%). Tamén creceu nos últimos anos o número de libros prestados polas bibliotecas públicas galegas, un 20% en seis anos. Dos 2,5 millóns de exemplares de 2008 pasamos aos 2,9 millóns en 2014, cun pequeno descenso -iso si- dende o 2012.
As bibliotecas públicas galegas veñen experimentando reducións nos seus orzamentos, uns recortes que afectan sobre todo ás compras de novos libros e outros materiais. O gasto total en adquisicións diminuíu en 2,6 millóns de euros entre 2012 e 2014 en Galicia, ata quedar nos 10,4 millóns, a cifra máis baixa dende o ano 2006. En consecuencia, o número de altas de novos libros nos fondos das bibliotecas públicas galegas é menor cada ano: dos 477 mil de 2008 pasamos aos 338 mil en 2012 e os 245 mil en 2014. A partida de persoal viuse menos afectada, pero tamén se atopa en descenso. O número de traballadores e traballadoras nas bibliotecas públicas galegas reduciuse nos dous últimos anos, dende as 1.300 xornadas laborais completas ata as 1.285.
Nos dous últimos anos a Xunta deixou fóra do reparto desta axuda as bibliotecas públicas daqueles concellos que teñen máis de 30 mil habitantes
A partida que os orzamentos da Xunta lle dedican cada ano á adquisición de fondos bibliográficos para as novas bibliotecas públicas sufriu un brutal recorte entre 2009 e 2013, caendo dende os 2,4 millóns ata os 650.000 euros, ao redor da cuarta parte. Nos tres últimos orzamentos presentados polo Goberno galego a achega continuou reducíndose, sendo de 560.000 euros para o ano 2016. Ademais, nos dous últimos anos a Xunta deixou fóra do reparto desta axuda as bibliotecas públicas daqueles concellos que teñen máis de 30 mil habitantes (Arteixo, Carballo, Narón, Oleiros e Vilagarcía, ademais das sete grandes cidades), localidades nas que vive o 42% da poboación.
Bamad Galicia denuncia que "estas mínimas dotacións orzamentarias continúan asfixiando os centros e seguen a reducir as posibilidades de levar unas políticas bibliotecarias que se adecúen á realidade do noso país"
Bamad Galicia (Asociación de profesionais dos arquivos, bibliotecas, museos e centros de documentación) denuncia que "estas mínimas dotacións orzamentarias continúan asfixiando os centros e seguen a reducir as posibilidades de levar unas políticas bibliotecarias que se adecúen á realidade do noso país" e ante a "insuficiente dotación de persoal do Servizo de Bibliotecas e das bibliotecas dependentes da Xunta de Galicia" reclama "unha aposta forte por dotar de persoal profesional o servizo que dirixe a Rede de Bibliotecas de Galicia". Tamén sinala que "a partida de promoción da lectura e do libro debería ser maior e debería contemplar a promoción non só das bibliotecas senón de todo o ecosistema do libro contemplando a relación entre editoriais, librarías e bibliotecas".