En outubro de 1916 o mozo Federico García Lorca tiña 18 anos. Xunto con outros catro compañeiros da Universidade de Granada emprendeu unha "excursión de arte" por diversas vilas e cidades. Os elixidos polo profesor Martín Domínguez Berrueta, de Teoría da Arte, saíron de Granada con rumbo a Madrid, de alí a El Escorial. Despois, cara a Ávila, Medina del Campo, Salamanca, Zamora... Ata chegaren a Galicia en tren tal día coma este 25 de outubro, hai xusto 100 anos. A lembranza daquela viaxe, que marcou o poeta para sempre, será lembrada este xoves cun acto no Salón Teatro compostelán.
"A mi llegada a Galicia las fuerzas formidables de Compostela y el paisaje se apoderaron de mí en forma que también me sentí poeta de la alta hierba, de la lluvia alta y pausada. Me sentí poeta gallego", escribiría case dúas décadas despois Lorca, cando se atopaba en pleno traballo en torno aos seus Seis poemas galegos. Aquelas composición pairarán tamén sobre este acto conmemorativo, organizado pola Editorial Poliédrica coa colaboración da Xunta.
A organización deste centenario vén de recuperar a primeira páxina do Diario de Galicia na que, dous días despois da súa chegada, se daba conta da "excursión artística" destes "escolares de Granada". Na capital galega, relataba o xornal, os estudantes estudaran a catedral "en toda a súa beleza artística", puideron admirar "as nosas prazas monumentais", todo cunha "organización admirable". "Algúns destes alumnos dan conferencias nos centros universitarios que percorren, e entre eles hai un mozo artista, Federico García Lorca, discípulo do malogrado mestre Granados", resaltaba.
Naquela primeira viaxe Lorca ficou impresionado pola paisaxe e os monumentos, pero tamén polas "graves inxustizas sociais"
Fronte ao ton de celebración daquela crónica, as impresións de Lorca, quen ficaría namorado da cidade, foron máis poliédricas, tal e como reflectiu en Impresiones y paisajes, o seu primeiro libro. O poeta eloxia as paisaxes e os monumentos, pero tamén se detén no reflexo das "graves inxustizas sociais" que atopou ao visitar San Domingos de Bonaval, "un hospicio con aires de deshabitado". "Quizais algún día (...) se derrube con forza sobre algunha comisión de beneficencia municipal onde abondan tanto os bandidos de levita e esmagándoos faga unha fermosa tortilla das que tanta falta fan en España", escribiu. O que alí vira puxéralle no corazón "un desexo inmenso de chorar e unha ansia formidable de igualdade".
Na homenaxe do día 27, no Salón Teatro compostelán, música e palabra literaria compartirán protagonismo cunha conversa co hispanista Ian Gibson
O "odioso salivazo" que para a "marabilla churrigueresca da portada do Obradoiro" e o "grandioso hospital" supuña "o monumento ao señor Montero" na "gran praza de Santiago de Compostela" -a estatua de Montero Ríos fora colocada alí tres meses antes e permaneceu no lugar máis dunha década- tamén chamara a atención dun Lorca que despois seguiría conectando con Galicia a través de amizades e letras case ata a fin da súa vida, cando foi asasinado en 1936. Estas "impresións e amizades" serán comentadas polo hispanista Ian Gibson no acto do xoves 27, no que a música irá a cargo de Samuel Diz e a palabra literaria, da locutora de Radio 3 Carolina Alba, que lerá fragmentos de Impresiones y paisajes.