0 Gardados para despois

Guadi Galego: "Todos vivimos nunha constante incoherencia"

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


Un mundo cada vez máis deshumanizado pola falta de tempo para pensar ou sentir. Unha sociedade que predica unha cousa e fai outra. Diso fala 'O mundo está parado', o novo disco de Guadi Galego. Un traballo que, malia a dureza do seu discurso crítico, gaña en luz -e en enerxía-, respecto do disco anterior desta cantante e compositora. Porque tamén é reivindicación da vida. Do espazo para vivila.

Por que o mundo está parado? En que sentido?

O título do disco é un paradoxo, ou unha apreciación persoal. O mundo vai tan rápido, é todo tan efémero, vivimos nun estrés continuo… que o mundo está parado no sentido de que non queda tempo para a reflexión, para a humanidade, para sentir, pensar… Tamén é unha reflexión sobre as incoherencias nas que caemos no día a día, como individuos e como colectividade.

Lúas de outubro e agosto, o teu disco anterior, foi clasificado como pop. Este soa máis pop. E ten máis matices.

Este é máis arriscado no son e pódese dicir que é máis pop a nivel de concepto, aínda que eu non creo nos xéneros. Este disco é máis sofisticado a nivel de sonoridade, iso si. O anterior tiña unha sonoridade máis básica. Este é global na súa estética: é un disco que vai de dentro de min a fóra do mundo.

"Este disco é máis sofisticado a nivel de sonoridade, iso si. O anterior tiña unha sonoridade máis básica"

Seis temas son teus, tres de Carlos Abal e un do produtor, Pachi García. Como foi esa confluencia?

Sempre digo que este disco é, en realidade, unha partilla con Carlos Abal, que compuxo tres temas de gran nivel. Tamén con Pachi, que compuxo un tema que tamén é de primeira división. Carlos encargouse ademais da parte gráfica, que é moi importante neste disco. Por todo iso, aínda que o disco vai asinado por min, en realidade é unha partilla. Os temas de Carlos son O mundo está parado, Dende que marchaches e Mente en branco, e o de Pachi é El Entorno. Está en castelán e non o traducín porque non o considerei necesario e porque ía perder coa tradución.

O disco preséntase como “unha reflexión sobre a imposibilidade da coherencia”, da que algo dicías antes. Por que?

Todos vivimos nunha constante incoherencia. Somos moi críticos, pero caemos sempre nos mesmos erros, non somos quen de afastarnos de certos comportamentos que entran en contradición cos nosos discursos. Cando chega un drama ás nosas vidas, como o dos refuxiados, na Europa dos ricos alarmámonos moito, mandamos comida e mantas..., pero o problema rapidamente queda diluído malia seguir aí, polo que comentabamos antes: a información vai moi rápido, as nosas vidas van moi rápido, e parece que a solución ás cousas xa non depende de nós. Ao final eses dramas quedan diluídos na nosa vida, na nosa diversión, que é o que buscamos...

"Somos moi críticos, pero caemos sempre nos mesmos erros, non somos quen de afastarnos de certos comportamentos"

No disco anterior estaban moi presentes os afectos. Neste, ademais do que comentas, parece tamén que hai unha celebración da vida, nese sentido de parar e gozar das cousas que temos, do tempo para as cousas importantes.

Do tempo para pensar, sentir, saber onde colocar os nosos sentimentos, os nosos afectos…

Se cadra nas letras deste disco hai menos metáforas que nas do anterior, aínda que se cadra o obxectivo segue a ser que cadaquén interprete as letras ao seu xeito.

Pois hai xente que me di que é ao revés, que neste disco hai máis metáforas… Pero si, a arte ten que ser aberta e que haxa distintas interpretacións fai un traballo máis plural. Hai xente que se sente identificada cun tema porque unha metáfora lémbralle algo da súa vida…

"Pois hai xente que me di que é ao revés, que neste disco hai máis metáforas"

Mais, poderías explicar a idea principal de cada tema?

Cedeira é unha reivindicación do meu norte, da diversidade norteña, e tamén é o sentimento de comunidade social. Eu síntome moi identificada con este norte, coa xente, coa súa forma distinta de sentir e de pensar, coa miña xente. Ademais, o arraigo na miña terra é o que me permite ver máis alá. O privilexio é soñar representa o que falabamos da dificultade para ser coherente no día a día, Mente en branco fala das dificultades para crear. O mundo está parado é un dos temas máis bonitos do disco, que é acústico ademais. Está claro do que fala…

El entorno é a de Pachi, e é unha reflexión sobre as dificultades que atopas no día a día, e sobre a importancia desa ollada que te reconforta, que fai que non te sintas só… Vas cara arriba está escrito desde a óptica dunha muller, a fera que morre e a nena que queda… É o tema máis surrealista e tamén máis persoal…

Parece que fala dunha muller que aprende a ser forte, que supera un problema importante que tivo…

Si, non fala de min, senón dunha persoa achegada. Fala dun cambio vital moi forte, de ir cara arriba nese sentido. Dun cambio que che fai ver a vida desde outras perspectivas, de ser quen de ver as cousas máis alá do que ti mesma pensabas. Dende que marchaches é unha canción de amor de Carlos. Vida é unha homenaxe á amizade. Tribu é sobre o social, sobre os problemas da nosa tribo e das outras (a guerra, e emigración, os refuxiados…), sobre esa présa que nos fai distanciarnos, sobre resistencia e insistencia, sobre insistencia en resistir. Sobre a nosa miseria como humanos.

Son temas escuros, pero é un disco con máis luz e enerxía que o anterior. Tamén o anterior gañaba enerxía no directo.

Hai xente que me di que é lento. Para min non é lento, é moi intenso e contén moita enerxía. En directo terá máis forza tamén. Eu tamén creo niso: creo que directo ten que gañar nese sentido. Canción para ver fala da miña infancia cunha amiga, das nosas ansias e das nosas vidas, de como fomos medrando…

"Hai xente que me di que é lento. Para min non é lento, é moi intenso e contén moita enerxía"

Hai diversidade no sentido de que uns temas son máis pop, outros máis pop-rock, outros lembran máis os teus outros proxectos despois de Berrogüetto: Espido, aCadaCanto… É como un punto de chegada despois de todo iso, e despois de Benzón e de Lúas de outubro e agosto.

Pode ser. Sobre o tema dos xéneros, o que pasa é que a medida que te vas educando musicalmente vas botando fronteiras abaixo, os xéneros vanse diluíndo. A maioría da xente xa non fai xéneros puros, aínda que si hai persoas que os fan e que reivindican iso. Pero si, eu buscaba a diversidade. E a presenza do eléctrico pode facer pensar no rock, si, por exemplo…

No concerto de presentación de ‘Lúas de outubro e agosto’ en Ourense dicías que a situación era cada vez máis difícil para os músicos. De feito, Berrogüetto desfíxose…

Se queres exercer a túa profesión nunhas condicións dignas, facer o teu traballo cobrando por el o xusto, como calquera outro profesional, cada vez é máis difícil. Porque estamos moi gravados, porque non hai programacións estables… Si que hai moitos concertos, pero non nas condicións que deberían ser. E eu persoalmente non me queixo, pero falo en xeral.

"Se queres exercer a túa profesión nunhas condicións dignas, cada vez é máis difícil"

Do disco anterior, soaron moito ‘Matriarcas’ e ‘Mergullei’. ‘Matriarcas’ creara un certo debate. Como o ves desde agora?

O debate é bo, segue habendo moito debate sobre a muller e a maternidade e iso é bo. O que pasa é que se interpretou que eu defendía o empoderamento da muller a partir da maternidade, e non era iso. O que eu quería era reivindicar as mulleres da miña vida, que son activistas da vida cotiá. Na miña vida hai moitas mulleres así.

"O que eu quería era reivindicar as mulleres da miña vida, que son activistas da vida cotiá"

Como te ves, neste momento da túa carreira, despois de tantos proxectos?

Fago o que realmente me gusta, non sinto presións... Dinme que este disco é mellor que o anterior… Eu non sei, son distintos. Agora pode parecerme mellor, pero non sei o que vou pensar dentro de tres anos… O que quería era facer un produto bonito, pero non elitista. Un disco cun prezo non demasiado elevado. Vai en vinilo e en CD, cunha foto feita por Carlos. Convida, así, a crer no que che mostran, porque aínda que non teñas xiradiscos terás un vinilo, que é un obxecto marabilloso e evocador…

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.