O pleno da Real Academia Galega (RAG), elixiu este sábado académica numeraria a María Xesús Pato Díaz. A candidatura da escritora ourensá, coñecida como Chus Pato, fora oficializada no anterior pleno para ocupar a vacante de Xosé Fernández Ferreiro, falecido o pasado 16 de decembro. Na mesma xuntanza tamén foi elixido académico correspondente Clodio González Pérez.
O pleno da Academia elixe a Chus Pato para ocupar a vacante do falecido Xosé Fernández Ferreiro
Chus Pato (Ourense, 1955), tal e como destaca a RAG, "conta cunha frutífera traxectoria poética e artística na que, sen esquecer un arraigado compromiso ético coa condición feminina e co país, desenvolve unha voz renovadora, rupturista cos modelos tradicionais". A súa é, tal e como di a Academia, unha das voces poéticas máis vangardistas e persoais da literatura contemporánea desde os anos 80 do século pasado, "recoñecida tanto en Galicia como alén das nosas fronteiras".
"Sen esquecer un arraigado compromiso ético coa condición feminina e co país, desenvolve unha voz renovadora, rupturista cos modelos tradicionais", di a RAG
A autora publicou os seus primeiros poemas na revista Escrita (1984). Parte da súa obra pode lerse en distintas revistas (Luzes de Galicia, Festa da palabra silenciada, Andaina, Gume, Dorna, Clave Orión...) e libros colectivos e antoloxías. Urania (1991) foi o seu primeiro libro de poemas, ao que seguiron Heloísa (1994), Fascinio (1995), A ponte das poldras (1996) ou Nínive, co que gañou o Premio Losada Diéguez en 1997. En 2009 mereceu o Premio da Crítica por Hordas de escritura (2008), co que volveu gañar o Losada Diéguez. Este título forma parte da pentaloxía Decrúa (antes Método) iniciada en 2000 con m-Talá, e da que tamén forman parte Charenton (2003), Secesión (2009) e Carne de Leviatán (2013), polo que foi recoñecida co Premio da Irmandade do Libro como mellor autora do ano.
A poesía de Chus Pato conta con traducións ao español, inglés, portugués, serbio, polaco, alemán, italiano ou árabe clásico, entre outros idiomas, e está presente en antoloxías internacionais como New European poets (Graywolf Press, 2008), Poeti spagnoli contemporanei (Edizioni dell’Orso, 2008) ou To the wind our sails; Iris writers translate Galician poetry ( Salmon Poetry, 2010).
Desde 2015, os versos de Secesión (2009) lidos na súa propia voz son os primeiros en lingua galega que forman parte dos fondos sonoros da Woodberry Poetry Room da Universidade de Harvard. Pato foi tamén convidada aos festivais internacionais de poesía de Barcelona, Rosario, La Habana, Buenos Aires, Bratislava ou Rotterdam.
Clodio González, novo académico correspondente
Alén disto, no pleno da RAG foi elixido novo académico correspondente Clodio González Pérez (Cenlle, Ourense, 1947). O docente compaxinou este labor cunha "fecunda actividade investigadora e divulgadora no campo da historia e da etnografía, recollida en numerosos artigos e libros e recoñecida desde hai tempo con numerosos premios".
Colleitas de refraneiros e cancioneiros de distintos lugares, publicacións sobre a vida material, espiritual e cultural do pobo galego e unha morea de entradas dedicadas a biografar figuras da cultura galega (Xosé María Álvarez Blázquez, Xosé Ferro Couselo, Antón Fraguas, Fermín Bouza Brey, Roberto Blanco Torres…) "son só algúns exemplos da súa actividade, desenvolvida, entre outros postos, como colaborador e asesor da Enciclopedia Galega Universal e da Gran Enciclopedia Galega, membro da sección de Arte Popular do Museo do Pobo Galego e da súa xunta reitora (á que pertence desde 1992) ou como representante do Consello da Cultura Galega na Comisión Técnica de Etnografía".