Tres mapas para explorar Cineuropa 30

Póster da trixésima edición de Cineuropa © Cineuropa

Trinta! Coa especial ilusión que fai celebrar aniversarios redondos chegamos a este mes de Cineuropa -anteriormente coñecido como Novembro- onde a capital de Galicia torna nunha celebración constante do cinema. Ante os nosos ollos un par de centos de películas para gozar en función das nosas preferencias e horarios, chegou o momento de coller o libriño e buscar o equilibrio imposible coma se nos fose a vida niso.

Alén das seccións habituais: oficial, internacional, docs, fantastique... Hai programados varios ciclos especialmente interesantes como o de 'Cinema e tupamaros: da loita armada á presidencia', 'O polar' sobre cinema noir francés ou a lembranza a María Casares. De feito, aos seus trinta anos, Cineuropa segue a expandir e engade unha sede máis: o cinema Numax, que con pouco máis dun ano de vida converteuse nun referente a nivel estatal.

Propoñemos tres mapas para explorar #Cineuropa30. Tres cartografías de distintas dimensións que buscan mostrar camiños alternativos que poidan resultar útiles, trazados entre seccións e co propósito de atopar o máis novo e excitante

Para penetrar con éxito neste frondoso bosque de imaxes propoñemos tres mapas para explorar #Cineuropa30. Tres cartografías de distintas dimensións que non buscan senón mostrar camiños alternativos que poidan resultar útiles, trazados entre seccións e co propósito de atopar o máis novo e excitante. Hai rutas máis seguras, como a que propón o mapa dos grandes festivais, ir de premio en premio satisfará a quen lle gusta camiñar sen risco. Pola súa banda, o mapa da península posúe elementos xeográficos nada desdeñables e algúns cumes ante os cales vai resultar imposible non prostrarse. Por último, para as máis atrevidas, o mapa dos directores imprescindibles asegura emocións fortes: hai violencia, humor, espiritualidade... un percorrido que non está libre de zonas esvaradías pero que no seu conxunto cremos que pagará a pena.

Convidamos a coller un mapa, os tres ou ningún. O obxectivo non é orientarse ou chegar a un destino concreto, senón perder o rumbo e cambiar de dirección tantas veces como se queira. Para esta aventura non é preciso guía, seica o libriño como manual de supervivencia, xa se ocupan as butacas de servir de refuxio e as películas de alimentarnos polos ollos.

O mapa dos grandes festivais

Yourself and yours (Hong Sang-soo)

Un deses mapas despregables que nos leva por varios continentes e despois de percorrer Europa enteira acaba, como non, en Santiago de Compostela. Pequenos e grandes puntos de interese que marabillaron a todo aquel que se achegou e agora temos a alcance da nosa man. En Cineuropa poderemos ver San Sebastián, Venecia, Róterdan... e Cannes, moito Cannes.

1. El ciudadano ilustre (Mariano Cohn e Gastón Duprat, Arxentina) Inaugura esta edición de Cineuropa o tándem arxentino responsable de filmes como El hombre de al lado. As súas credenciais: a Copa Volpi ao mellor actor en Venecia e a Espiga de Prata e o premio a mellor guión na Seminci de Valladolid. [Días 8 e 10 - Panorama Internacional]

2. The happiest day in the life of Olli Mäki (Juho Kuosmanen, Finlandia) Este biopic sobre o boxeador finés dos anos sesenta chega avalado por un dos premios máis prestixiosos, o de mellor película na sección Un Certain Regard de Cannes. [Días 11, 12 e 13 - Sección oficial]

3. La última tierra (Pablo Lamar, Paraguai) O Festival de Rotterdam outorgoulle o premio do xurado polo “excepcional logro artístico” do seu deseño de son. O que fai máis interesante se cabe este drama, sen diálogos, sobre unha parella de anciáns que viven illados. [Días 12 e 15, Latexado americano]

4. Les ogres (Léa Fehner, Francia) Con esta cinta, premiada en Rotterdam, a directora francesa convídanos a viaxar cunha compañía de teatro itinerante da que é parte a premio Cineuropa deste ano, Lola Dueñas. [Días 13 e 14 - Sección oficial]

5. Juste la fin du monde (Xavier Dolan, Canada) Aos seus vinte e sete anos, o quebequés é xa un clásico de Cineuropa. En parte, porque é un fixo en Cannes, este ano alzouse co Gran Premio do Xurado e a pregunta é: a próxima vez que vexamos un filme seu en Cineuropa será unha Palma de Ouro? [Días 15, 17 e 18 - Sección oficial]

6. Forushande (Asghar Farhadi, Irán) O director da excelsa Nader e Simin, unha separación recolleu en Cannes os premios a mellor actor e mellor guión con esta adaptación dunha obra de Arthur Miller ambientada en Teherán. [Días 16 e 18 - Panorama internacional]

7. Toni Erdmann (Maren Ade, Alemaña) Multipremiada e multipresente dende Cannes ata os Premios do Cinema Europeo. O último traballo da directora e guionista alemá Maren Ade é unha comedia de case tres horas de duración sobre unha muller e o seu pai. [Días 17 e 19 - Sección oficial]

8. Personal Shopper (Olivier Assayas, Francia) Assayas volve traballar con Kristen Stewart nunha película que dividiu á crítica ao seu paso por Cannes pero que con todo valeulle o premio a mellor director. [Días 19, 20 e 21 - Sección oficial]

9. Train to Busan (Yeon Sang-ho, Corea do Sur) Despois dunha contrastada experiencia no cinema de animación, o director surcoreano, roda por primeira vez en escenario real para este filme de zombies que gañou en Sitges, director e efectos especiais. [Días 19, 25 e 26 - Fantastique Compostela]

10. Yourself and yours (Hong Sang-soo, Corea do Sur) O mellor director do pasado festival de San Sebastián fai cinema de metraxe curta, con títulos intraducibles e planos contados -pero precisos- que os seus personaxes se encargan de encher con verborrea e alcol. Non hai dúbida, falamos de Hong Sang-soo un dos cineastas máis singulares e estimulantes do mundo. [Días 20, 23 e 24 - Panorama internacional]

11. La larga noche de Francisco Sanctis (Francisco Márquez e Andrea Testa, Arxentina) Este drama situado na ditadura arxentina de finais dos 70, pasou por Un Certain Regard de Cannes antes de arrasar no BAFICI de Buenos Aires. [Días 22 e 25 - Panorama internacional]

12. Ma vie de courgette (Claude Barras, Suíza) A animación cóase na sección oficial con este stop-motion que gañou no Festival de Annecy mellor película e premio do público. Galardón, este último, que tamén conseguiu en San Sebastián. [Días 26 e 27 - Sección oficial]


O mapa peninsular

Mimosas (Oliver Laxe)


Nesta península hai moitas nacións, moitas linguas e poucas fronteiras. O cinema móvese libre polo territorio con imaxes que falan galego, castelán, portugués... ata francés! Nesta ducia danse a man curtametraxes e longametraxes, documentais e ficcións. As mellores películas que temos máis preto pero que non dubidan en levarnos moi lonxe.

1. Las furias (Miguel del Arco, España) Aínda que traballou como actor en cinema e televisión e dirixiu un par de series, Miguel del Arco é coñecido pola súa faceta de dramaturgo. Para a súa primeira longametraxe rodeouse dun elenco estelar composto, entre outros, por José Sacristán, Bárbara Lennie, Emma Suárez, Mercedes Sampietro... [9,10,12 - Sección oficial]

2. Portugal - um dia de cada vez  (João Canijo e Anabela Moreira, Portugal) A través dun relato fragmentado debúxase o retrato da sociedade e os habitantes de Trás-Os-Montes unha rexión rural do nordés do país fronteiriza con Galicia e Castela e León. [Días 9, 12 e 17 - Docs Cineuropa]

3. Las sinsombrero (Serrana Torres, Tania Balló e Manuel Jiménez, España) Rafael Alberti, Federico García Lorca, Luis Buñuel... todos coñecemos aos homes da xeración do 27, pero e as mulleres? O documental busca ás grandes esquecidas desta xeración para mostrar unha fotografía máis completa da Historia. [Días 9 e 25 - Docs Cineuropa]

4. Mimosas (Oliver Laxe, Galicia) Un dos directores máis prestixiosos do chamado novo cinema galego, Oliver Laxe, vén presentar o seu último traballo co que gañou o Premio da Semana da Crítica no Festival de Cannes. [Día 11 - Sección oficial]

5. La mort de Louis XIV (Albert Serra, Francia) Despois de levar á pantalla as súas particulares versións de Don Quixote, Drácula ou Casanova. O inefable Albert Serra volve para contarnos os últimos días do Rey Sol encarnado pola lenda Jean-Pierre Laud. [Día 14 - Sección oficial]

6. La madre (Alberto Morais, España) Tras dúas películas que tiveron boa presenza en festivais pero discreta recepción xeral, temos unha nova oportunidade para descubrir o cinema de Alberto Morais con este drama adolescente. [Días 14 e 15 - Sección oficial]

7. Visións (VV. AA., Galicia) Este proxecto dirixido por Xisela Franco e producido por Beli Martínez é unha obra colectiva composta por dez curtametraxes de cineastas pontevedresas que achegan distintas miradas. [Días 16  e 18, Panorama Audiovisual Galego]

8. O ornitólogo (João Pedro Rodrigues, Portugal) Arriscada, provocadora e excitante son algúns dos adxectivos que se colocaron á última obra de João Pedro Rodrigues, pero ademais de suxestivos cualificativos este filme conseguiu o premio a mellor director en Locarno. [Días 17, 18 e 20 - Sección oficial]

9. Belle Dormant (Adolfo Arrieta, Francia) Adolfo Arrieta, pioneiro do cinema underground, desenvolveu a súa carreira a cabalo entre España e Francia, e de alí precisamente vén esta particular revisión do conto da bela dormente. [19, 20 - Sección oficial]

10. María (y los demás) (Nely Reguera, España) Tras anos traballando en distintos proxectos audiovisuais, a directora catalá Nely Reguera asina a súa primeira película. Unha disección da familia que ten a Bárbara Lennie de protagonista. [Días 19 e 20 - Sección oficial]

11. Eldorado XXI (Salomé Lamas, Portugal) Un documental etnográfico e misterioso sobre a comunidade que vive a maior altitude do mundo que cativou ao seu paso pola Berlinale. A súa directora Salomé Lamas, virá impartir unha aula a Numax. [Días 21 e 23 - Docs Cineuropa]

12. Panorama audiovisual galego. Como todo panorama, necesítase un punto de observación moi amplo para apreciar o seu conxunto. Por iso, máis aló dunha obra concreta, é recomendable achegarse ás distintas sesións que haberá durante todo o mes. Os programas de curtametraxes, por exemplo, proxectan obras de directores recoñecidos en festivais como Eloy Domínguez Serén, Xurxo Chirro ou David Varela.

O mapa dos directores imprescindibles

Nocturama (Bertrand Bonello)

Que teñen en común François Ozon e Park Chan-wook? Bertrand Tavernier e Nicolas Winding Refn? Por suposto que aparecen ben sinalados neste mapa, pero tamén que posúen un nome propio co magnetismo suficiente para levarnos á sala de cinema. Cando falamos destes directores, resulta irresistible comprobar por nós mesmos se o seu último traballo é un esvarón ou unha nova cima na súa carreira.

1. Frantz (François Ozon, Francia) Ozon realiza un remake de Remordimiento de Ernst Lubitsch neste drama post-primeira Guerra Mundial. A súa actriz Paula Beer foi galardoada en Venecia por este traballo. [Días 9 e 12 - Sección oficial]

2. The Neon Demon (Nicolas Winding Refn, Francia) O sempre polémico director danés dividiu a crítica en Cannes e uniuna en Sitges -premio da crítica- con este thriller psicolóxico dunha moza que chega a Los Ángeles coa intención de ser top-model. [Días 11, 13 e 16 - Panorama internacional]

3. The Handmaiden (Park Chan-wook, Corea do Sur) Tras a súa escapada a Estados Unidos -Stoker- o director de Oldboy volve a Corea do Sur co seu talento intacto. Así o demostra este thriller erótico que adapta a novela de Sarah Waters cambiando a Inglaterra victoriana pola Corea baixo ocupación xaponesa. [Días 13, 14 e 20 - Panorama internacional]

4. Dog eat dog (Paul Schrader, Estados Unidos) O reto é o seguinte: Nicolas Cage e Willem Dafoe para dinamitar os prexuízos que aseguran que o tempo de Paul Schrader xa pasou, será posible? [Días 14, 15 e 16 - Panorama internacional]

5. Voyage à travers le cinéma français (Bertrand Tavernier, Francia) Un paseo de algo máis de tres horas da man de Bertrand Tavernier para descubrir o cinema que o emocionou ao longo da súa vida. [Días 16, 17 e 19 - Docs Cineuropa]

6. Le fils de Joseph (Eugène Green, Francia) Quen vise Le pont das arts ou La sapienza sabe que Eugène Green é un cineasta singular, a espiritualidade e a aproximación ás distintas artes son constantes do seu cinema. Unha ocasión para (re)descubrilo. [17,19 - Sección oficial]

7. Nocturama (Bertrand Bonello, Francia) O último traballo de Bonello é a historia dun grupo de adolescentes que atenta en París e claro, o combo terrorismo e mais Francia deu como resultado unha das películas máis polémicas do ano. Cannes rexeitouna por prudencia, en Cineuropa temos unha oportunidade para valorala. [Días 21 e 22 - Sección oficial]

8. Creepy (Kiyoshu Kurosawa, Xapón) O “outro” Kurosawa é un mestre do cinema de terror xaponés ou J-Horror, e iso é o que se espera de Creepy un bo filme de medo avalado pola ampla traxectoria do director. [Días 21, 22 e 25 - Fantastique Compostela]

9. Safari (Ulrich Seidl, Austria) O director da triloxía Paraíso: amor, fe, esperanza é outro fixo en Cineuropa, se na pasada edición puidemos descubrir a relación dos austriacos cos seus sotos en Im Keller, esta vez acompañaremos a outros compatriotas para cazar cebras ou xirafas. [Días 21, 24 e 25 - Sección oficial]

10. Ma loute (Bruno Dumont, Francia) Bruno Dumont continúa polo desvío que tomou no seu anterior traballo P’tit Quinquin e volve lanzarse á comedia máis extravagante e libre. De novo con Juliette Binoche, pero nun rexistro oposto ao anterior traballo que vimos en Cineuropa, Camille Claudel 1915 [Días 22, 23 e 24 - Sección oficial]

11. Sieranevada (Cristi Puiu, Romanía) Foi en 2005 cando Cristi Puiu deuse a coñecer internacionalmente con A morte do Sr. Lazarescu, uns anos despois parece que volveu a dar na tecla, non son poucas as voces que reclamaron a Palma de Ouro para Sieranevada. [Días 23 e 27 - Sección oficial]

12. Rester vertical (Alain Guiraudie, Francia) A particular trama e estrutura desta película demanda a un espectador entregado para poder saboreala en toda a súa dimensión. Se falamos do director de O descoñecido do lago é razón suficiente para darlle esa oportunidade, non?. [Días 25 e 27 - Sección oficial]

Programa do Cineuropa30 © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.