0 Gardados para despois

Boa singradura, irmão

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


Máis que chorar a perda, celebrar a vida. A beleza. A amizade. A procura. O compromiso. Podería ser a mellor maneira de homenaxear a Fran Pérez, ‘Narf’. “Supoño que iso é o labor do músico”, dixo, unha vez, cando presentaba Aló Irmão, hai xa uns anos. Facer un pouco mellor a vida dos demais. E a propia. Gozando das cousas pequenas. “Que”, -apuntaba- “son as máis importantes: o amor, os amigos, un día de sol, o mar…”. Ou a música. Poucas persoas coma el souberon construír espazos de irmandade coa cultura. Galiza-África. Galiza-América. O mundo e nós. As identidades compartidas.

Poucas persoas coma el souberon construír espazos de irmandade coa cultura. Galiza-África. Galiza-América. O mundo e nós. As identidades compartidas.

As mensaxes de tristura comezaron a anegar a rede poucos minutos despois de coñecerse a nova da súa morte, aos 48 anos, despois de loitar contra un cancro. “Morreume o meu amigo Fran Pérez. Ata sempre Capitán da Pérola da Zigala, buscareite para botar uns contos”, dicía Guadi Galego. “Aínda estamos paralizados pola dor. Adeus Fran. Nunca camiñarás só!”, salientaban desde a Casa das Crechas, en Santiago. "Como unha onda soante e branquiña na miña vida, unha luz poderosa, o mellor compi, o máis grande! Empuño a pandeireta e un canto desgarrado para estar ao teu lado sempre, de viaxe, desafiando ventos e marés, capitán, para espallar o meu respeto e amor infinito! Grazas polo privilexio do camiño andado, por existir na miña vida!", escribía Uxía. "Que teñas a viaxe soñada, que soñes con nós, e nós contigo, que descubras novos sons e que África dance hoxe máis corida, alta e fermosa ca nunca, Galiza nao te vai esquecer.... Aló Irmão, onde nos vamos encontrar?...  Boa viaxe meu amigo”, engadía Tatán.

En realidade, toda a carreira de Narf foi unha viaxe. Unha singradura na que a periferia foi o centro

En realidade, toda a carreira de Narf foi unha viaxe. Unha singradura na que a periferia foi o centro. O xermolo. A cerna. Aínda poden atoparse por internet algunhas imaxes do novísimo Fran Pérez rockeiro dos 80 e primeiros dos 90. De cando, si, en Galiza xa se facía rock, e punk, e do bo, como ben veces lembra o seu amigo Carlos Santiago. Aínda que fose nun recuncho da marxe e malia que despois, demasiadas veces, se esquecese. Redenasa garda un vídeo do 2010 no que Narf celebra os 15 anos da sala Nasa, proxecto do que el mesmo foi un dos fundadores. “É un privilexio poder contar cun sitio coma este”, afirma. Como o foi telo e el, naquel tempo, metido nesta e noutras angueiras como as bandas Os Kinindiola, Nicho Varullo e Psicofónica de Conxo.

Mais o primeiro disco de Fran Pérez como Narf foi Directo en Compostela, (2003), co que percorreu o Estado compartindo escenario con Javier Muguruza e Miguel Gil, nun espectáculo que se chamou Mundo café. E Narf non sería Narf sen este e moitos outros encontros. Sen eses fíos que foi tecendo con músicas e músicos de todo o mundo. No 1995 comezou a viaxar a Mozambique, onde coñeceu, e compartiu moito, con varios músicos do país africano. Por fin, no 2005, e moito antes de que as institucións culturais galegas comezasen a ollar, máis ou menos, en serio, para a lusofonía, puido facer realidade o espectáculo Bumba, que realizou, en Galiza e en Maputo, con artistas do grupo Timbila Muzimba.

E Narf non sería Narf sen este e moitos outros encontros. Sen eses fíos que foi tecendo con músicas e músicos de todo o mundo

A partir de entón comezou a ter, quizais, o recoñecemento que merecía. Co tema Santiago, -himno imprescindible de amor á capital galega-, do disco Totem (2007), acadou o segundo posto no concurso da canción en linguas minorizadas europeas no festival Liet Lavlut, en Suecia. Aló Irmão, o seu proxecto co guineano Manecas Costa, estivo durante varias semanas no númerio 1 do Top Ten na RTP África. A identidade, o amor e o respecto pola propia lingua e pola propia cultura, como cimento para ser despois enchoupado pola dos demais -a base era o respecto intercultural: nin Narf se facía o africano nin Manecas o europeo-, eran alicerce de Aló Irmão, como, por suposto, -esa constante na súa creación-, a celebración da vida, ou un ollar á emigración.

Con Nas tardes escuras, (2013), Fran Pérez homenaxeou a Rosalía de Castro. Á poeta insubmisa, rebelde, que se ergue contra a opresión, que di o que pensa, sen máscaras. E volveu á linguaxe que, se cadra, lle é máis propia: o rock. Atopouse, -segundo comentou entón-, moi cómodo cuns poemas “moi propicios para o rock”. Enfrontándose aos textos non como algo sagrado, senón “como se Rosalía fose unha muller de hoxe”. No 2015, o encontro -e outra vez os intercambios- con Uxía deu como froito Baladas da Galiza imaxinaria. E outra vez a viaxe polo mundo. América, desta volta. Mais Uxía e Narf coñecéranse moito antes. Cando Fran tocaba na Psicofónica de Conxo e lle pasaba temas a Uxía por se quería cantalos, ela dicía:  “Pero ti cantas moi ben, por que non cantas?”. Daquela era guitarrista. Despois foi, como el dicía, “cancionista”. Multiinstrumentista, cantante e compositor.

No 2015, o encontro -e outra vez os intercambios- con Uxía deu como froito Baladas da Galiza imaxinaria. E outra vez a viaxe polo mundo

Baladas da Galiza imaxinaria foi, segundo lle contou Narf a Alberto Ramos nunha entrevista en Praza, “un espazo emocional, compartido por moitísima xente, por todo aquel que queira pensar, do xeito que sexa, no que é a cultura, a identidade”. A cultura e a identidade. Como en todo o que fixo. “Realmente somos contadores de cousas máis que cantadores. Nós buscamos establecer uns vínculos, comunicar, sen pontificar nin ningún tipo de arrogancia”, comentaba. Amar a terra desde o descontento, desde a crítica, e non desde o saudosismo, explicaba Uxía.

Ou ollar á emigración, por camiños menos transitados. Se cadra desdramatizando. “Neste mundo de hoxe, no que hai tanta xente desprazada, hai unha virtualidade do que son as identidades. Hai unha maneira de ser partícipe, de estar e de ser, de ter unha identidade que podes compartir coa xente. Seguramente é difícil de explicar, mais non de entender. Temos unhas árbores, cuxas raíces están na terra: aí está o cerne. Despois, as follas verdes que están moi altas son os mozos e as mozas que están agora fóra, en Australia, moi lonxe das raíces, onde sexa. Pero é que nin as raíces van vivir se esas follas non caen ao chan e enriquecen a terra nin as follas van florecer sen as raíces”, indicaba Narf.

"Pero é que nin as raíces van vivir se esas follas non caen ao chan e enriquecen a terra nin as follas van florecer sen as raíces"

Hai só uns días, Fran Pérez enchía teatros -e portadas de xornais- de novo en Compostela co seu derradeiro proxecto. A volta de Bumba, Da Zigala a Zemambiquo II, que foi seleccionado para o Womex 2016. Dous concertos seguidos en dous días, malia o seu delicado estado de saúde que o obrigara a cancelar outras citas, imposibles de esquecer.

Como non se poderá borrar da memoria, tampouco, o seu traballo no teatro -gañou cinco premios María Casares á mellor música e colaborou, entre outras compañías, coa portuguesa Trigo Limpo teatro Acert-; no audiovisual -foi tamén premio Mestre Mateo e compositor no filme de animación O Labirinto dos soños-; compuxo unha obra para a Filarmónica de Galicia e participou como actor en varias montaxes teatrais, entre elas A opera dos tres reás. Mais, alén dos premios e recoñecementos, o máis importante, quizais, é que Narf estaba. Que sempre estivo. En actos grandes e pequenos. Púxolle música, por exemplo, aos poemas galegos de Lorca cando se cumprían os 80 anos da súa publicación. E deu moito. Como escribiu a xornalista Rocío Castro nas redes sociais, “ogallá leves tanto amor como deches”. Pois iso.

NARF - Madrigal â cibdá de Compostela

27/12/2015 Interpretación de Narf no 80º aniversario dos Seis Poemas Galegos de Federico García Lorca 

© A central folque

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.