Enocións: Os viños do Ribeiro fan maridaxe coa arte na Coruña

Lucía Regueiro e Cristina Alcalá, na presentación das xornadas coruñesas de Enocións by Ribeiro © CRDO Ribeiro

Con que poden facer boa maridaxe os viños do Ribeiro? Con moitos alimentos, pero tamén coa música é a arte. É o convencemento do que parte o ciclo Enocións by Ribeiro, que a finais deste mes de novembro chega, con dúas sesións, aos seráns da cidade da Coruña.

Despois de comezar en Santiago no ano 2015 este ciclo de música, cultura e gastronomía trasládase á capital coruñesa, onde se estreará ás oito da tarde do martes, 22 de novembro, no hotel Hesperia Finisterre. A parte gastronómica do evento estará, nesta ocasión, a cargo do cociñeiro Pepe Solla, cuxas preparacións se unirán á cata de viños dirixida pola xerente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Cristina Alcalá, e á música da picadiscos Analís.

A segunda experiencia coruñesa de Enocións by Ribeiro chegará á semana seguinte, o día 30, á mesma hora pero noutro lugar, a Sala Garufa. Nun acto presentado pola actriz Lucía Regueiro a cata de viños do Ribeiro estará acompañada, nesta ocasión, polo blues de Adrián Costa. En ambos casos, indicou Cristina Alcalá en rolda de prensa, a intención é procurar "as emocións que agroman ao degustar os viños da denominación de orixe máis antiga de Galicia" mentres "se goza coas expresións artísticas".

O cociñeiro Pepe Solla, a picadiscos Analís, o músico Adrián Costa e a actriz Lucía Regueiro son os convidados a estas sesións de enoloxía, gastronomía e arte

A arte, desta volta, póñena o cantante e guitarrista Adrián Costa, que nesta ocasión amosará o resultado na súa música das influencias que adquiriu nos últimos anos en California, pero tamén a bagaxe de proxectos como o ogrupo Los Reyes del K.O.. Analís, pola súa banda, acompañará a cata de viños coa música que leva, dende principios da década, por diversos clubs da cidade da Coruña, como o Pub Electra, o Soho, o Puticlú ou a propia Sala Garufa.

Os viños que, xunto aos artistas, serán protagonistas destas dúas xornadas serán, o día 22, Cunqueiro (Bodegas Cunqueiro), Canción de Elisa (Adega Dona Elisa), Alberte (Bodegas Nairoa) e 3URA (Bodegas GRM). A selección do día 30 estará composta por Finca Viñoa, Colección 68 Treixadura (Viña Costeira), Carlos Villanueva (Bodegas Villanueva) e Eduardo Peña (Bodega Eduardo Peña). As entradas para as dúas actividades están á venda no portal Ticketea.

Cartaz de Enocións by Ribeiro na Coruña © CRDO Ribeiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.