Un palmarés para Cineuropa 30

Vista do Teatro Principal de Santiago durante a maratón de Cineuropa © Cineuropa

Interior-noite: derradeiro domingo de novembro nas butacas do Teatro Principal de Santiago. Un fundido a negro dá paso aos títulos de crédito, mentres desfilan os nomes do equipo técnico ante os nosos ollos, recortamos o número seleccionado na ficha de votación e introducimos o veredito na urna transparente e saímos a Rúa Nova. Agora si: #Cineuropa30 chega á súa fin. Despois de centenares de horas de cinema, de películas que loitarán por facerse un oco na nosa memoria e nomes propios como Carlos Saura, Lola Dueñas e Chema Prado. #Cineuropa30 xa é historia pero antes de pasar páxina non está de máis facer balance.

No ano que descubrimos que votar pode ser moi perigoso, ou polo menos moi desconcertante, a urna de Cineuropa mantivo a cordura e determinou que a película gañadora desta trixésima edición é Ma vie de Courgette (8,51), película de animación francesa que arrebatou o simbólico primeiro posto no último fin de semana a Las sinsombrero (8,49), o documental sobre as mulleres da Xeración do 27. Completa o podio en terceiro lugar La fiesta de los locos, o documental de Manuel Iborra sobre o entroido de Cádiz (8,27).

Esas foron as gañadoras por consenso, pero se algo aprendemos das conversacións postpelículas é que sempre é máis estimulante cando hai diferentes puntos de vista contrapostos. Como en Cineuropa non hai palmarés, quizá moi acertadamente, propoñemos un para esta edición e así cubrir a necesidade inexistente de discutilo. O obxetivo non é outro que deixar constancia dalgunhas das óbras máis destacadas que se puideron ver e seica xerar debate; ao cabo, as películas acaban pero non morren.

Mellor película penínsular

Nas nosas recomendacións de Cineuropa non atopamos fronteiras á hora de falar do cinema máis próximo. Tanto é así que unha das candidatas desta improbable categoría é a francesa La mort de Louis XIV dirixida polo catalán Albert Serra. O portugués João Pedro Rodrigues tamén fixo méritos con O ornitólogo, a onírica e involuntaria viaxe dun avistador de paxaros cara á canonización máis absurda. Pero de entre todas queremos destacar a ópera prima de Nely Reguera, María (y los demás), hai méritos dabondo nesta pequena película galega sobre a familia cunha espectacular Bárbara Lennie

Mellor actor

La mort de Louis XIV

Á hora de destacar o traballo dun actor, adoitan levar todos os eloxios aqueles cuxos papeis son máis esixentes ou físicos, podería ser o caso de Damien Bonnard en Rester Vertical, por iso non está demais destacar outras grandes interpretacións que son máis comedidas pero igual de meritorias. É o caso de Diego Velázquez em La larga noche de Francisco Sanctis, que asume e interioriza un dilema persoal que ten ecos en toda unha sociedade. E por suposto, é o caso de Jean-Pierre Leaud en La mort de Louis XIV, que concentra no seu rostro a imparable decrepitude dun imperio e unha época, unha interpretación só ao alcance dunha deidade coma el.

Mellor actriz

Nesta categoría destacamos tres películas totalmente distintas que, ademais de posuíren tres grandes interpretacións femininas, teñen en común a procura da identidade dos roles protagonistas. Falamos da profesora de Historia da Arte que interpreta Valérie Dréville en Suite armoricaine, que aos seus cincuenta busca (re)atopar o seu lugar, ou da personalidade desdobrada e magnética de Lee Yoo-Young en Yourself and yours. Un chanzo máis arriba, atrevémonos a situar a Sandra Hüller polo entrañable camiño que realiza en Toni Erdmann, desde a frialdade dunha muller de negocios ata a calor dunha tenrura recuperada.

Mellor guión

Destacamos tres grandes guións, que coinciden en ser adaptacións pero con distinto grao de fidelidade. O primeiro Frantz, de François Ozon, que adaptou con éxito un filme de Lubitsch: Remorsos. Tamén o iraniano Asghar Farhadi en The salesman apoiouse noutro clásico, Arthur Miller, do que tomou emprestada unha obra de teatro para que os seus personaxes a interpreten e de paso inspirar o título do filme. Por último, a que posiblemente foi a mellor de todas as historias e por tanto a nosa elixida, The Handmaiden, adaptación da novela Fingersmith de Sarah Waters que Park-Chan Wook levou a Corea no contextual e ao seu universo no cinematográfico.

Mellor director

Non hai maior pecado nun festival que premiar a un director por unha película que deixa indiferente. A risco de caer no oposto, atopamos razóns suficientes para destacar por encima de todos a Bertrand Bonello por Nocturama, en especial polo crebacabezas da súa primeira parte que termina nuns atentados dunha beleza moralmente discutible. Tampouco deixa indiferente Xavier Dolan co claustrofóbico reencontro familiar de Just la fin du monde. Por pechar con outro director inconfundible, destacar a Hong Sang-soo que con Yourself and yours dá un paso máis no seu particular e único estilo

Ma vie de Courgette

Mellor película

Non errariamos moito o tiro se coincidísemos co público en destacar aquí Ma vie de Courgette, unha película de stop-motion cunha sensibilidade emocionante, pero xa dixemos que non buscabamos consenso. O ficticio galardón podería recaer en Sieranevada, unha obra magna de tres horas de duración que apenas sae dun pequeno piso familiar onde cabe o drama, o humor, as pequenas anécdotas e os grandes temas; en definitiva como en calquera reunión familiar. A gran diferenza é que o director Cristi Puiu é capaz de extraer o trascendente no seu aparente costumismo e isto é dunha rareza extraordinaria.

E se falamos de transcendencia e dun cinema extraordinario, non podemos senón encumbrar aquí Mimosas de Oliver Laxe. Alén do xa dito, Mimosas ten unha das virtudes do gran cinema, a de crear imaxes indelebles. Por iso é a a nosa gañadora, porque apostamos -co risco de deixalo escrito- que no cincuenta aniversario de Cineuropa seguirán ruxindo na nosa mente eses taxis cabalgando polo deserto.

Mimosas

Fotogramas de varios filmes de Cineuropa 2016 © Cineuropa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.