“O poder atopa no politicamente correcto unha ferramenta para perseguir a oposición, a sátira, a crítica”

Representación de 'Títeres desde abajo' © Asociación Morreu o Demo

“Unha das misións deste festival é paliar o descoñecemento sobre o teatro de títeres populares, sobre todo para unha xeración, a que actualmente está formada por pais e nais, que nunca coñeceron a longa tradición dos títeres. Así, pretendemos achegarlles o mundo dos títeres para que non se prive aos rapaces de hoxe do noso patrimonio”. Con estas palabras Comba Campoy definiu a esencia do I Festival Titiribeira. Olladas sobre os cristovos, un encontro organizado pola Asociación Morreu o Demo para a Recuperación do Títere Tradicional Galego e que ao longo dos últimos tres días reuniu en Teo a diferentes profesionais do sector ao redor dun programa que incluíu funcións, proxeccións, conferencias e coloquios. Deste xeito, por Teo pasaron compañías como a catalá Titelles Vergés, a portuguesa Red Cloud Teatro de Marionetas, a galega Títeres Alakrán ou a española Títeres desde Abajo, cuxos dous integrantes foron detidos e enviados a prisión preventiva o pasado mes de febreiro por suposto enaltecemento do terrorismo tras unha polémica decisión xudicial sen precedentes. 

Precisamente, a detención de Raúl García e Alfonso Lázaro tras a representación do seu espectáculo La Bruja y don Cristobal no Entroido de Madrid motivou que o Festival Titiribeira organizase na biblioteca dos Tilos unha mesa redonda na que, baixo o título A vixencia da cachaporra: Violencia nos títeres tradicionais?, se reflexionou sobre a historia dos títeres, a representación dos actos violentos na ficción, os límites do humor, a actual percepción social sobre a sátira, a sobreprotección do público infantil ou os mecanismos de represión que se desataron coa detención dos Títeres desde Abajo. Na mesa redonda, moderada por Comba Campoy, directora do Festival, participaron Manuel Dios, concelleiro de Educación de Santiago e fundador do Seminario de Educación pola Paz; Adolfo Ayuso, referente da investigación histórica do teatro popular na Península; Larraitz Urruzola,  da compañía Títeres Babaluva, e Alfonso Lázaro, de Títeres desde Abajo.

O código da ficción

Lázaro iniciou o debate poñendo o foco sobre a definición mesma da violencia e a súa representación nas diferentes manifestacións artísticas. “Para comezar, debemos preguntarnos que comprendemos por violencia. Na sociedade actual, enténdese por violencia actos como a queima de colectores nas rúas, pero non se entende a violencia que hai nas detencións ou mesmo nos bombardeos da OTAN en diversos lugares do mundo”, sinalou Lázaro antes de definir a violencia “como a imposición pola forza” das ideas e de confortar a violencia real coa que se recolle na ficción. “Parece que se esquece que na ficción hai un conxunto de códigos entre o creador e o público”, sinalou Alfonso Lázaro para lembrar o necesario pacto de ficción que, en toda representación artística, asumen, por un lado, o espectador e, polo outro, os artistas.

Álfonso Lázaro (Títeres desde Abajo): "Vivimos nun Estado no que hai delitos de opinión e a sociedade asúmeo, ese é o retroceso"

Dende as súas orixes, os títeres de cachaporra contan cun código de ficción na que a sátira e a violencia forman parte dun xogo comprendido polo público, pero que chocaba frontalmente co poder establecido. “A cachaporra serviu sempre como burla e mofa contra a opresión da violencia estrutural. Unha mofa contra a represión dunhas autoridades que son os axentes criticados e que, polo tanto, buscan por todos os medios eliminar a crítica”, sinalou Lázaro antes de subliñar que o poder atopou “no politicamente correcto unha ferramenta para perseguir a oposición, a crítica e a sátira”. Non obstante, a verdadeira gravidade non reside no previsible comportamento do poder, senón na resposta social que se produce en feitos como a detención dos Títeres desde Abajo. “Vivimos nun estado no que hai delitos de opinión e a sociedade asume ese mecanismo, ese é o verdadeiro retroceso. O sistema ataca así a cachaporra como outras expresións artística e humorísticas e faino conseguindo, ademais, que a sociedade comparta a idea de que non se pode criticar á Igrexa, á autoridade ou á Garda Civil”, sentenciou Lázaro.

Comba Campoy, directora de Titiriberia, intervindo durante o certame / Asociación Morreu o Demo

“Recurso didáctico”

Os códigos da ficción serviron durante o debate para que Adolfo Ayuso realizase un breve percorrido sobre a historia dos monifates e a evolución da súa relación co público. “Cando naceu o teatro, os nenos non existían, representaban un público sen cartos”, sinalou Ayuso para destacar que, por tradición, os espectáculos de cachaporra estaban destinados para un público adulto. Non obstante, na actualidade chegouse a relacionar directamente esta expresión escénica coa infancia, reducindo en ocasións os títeres unicamente a unha vertente pedagóxica. “E a verdade é que os títeres pedagóxicos son menos divertidos”, ironizou Ayuso, antes de matizar que os títeres de cachaporra serviron sempre como ferramenta de ensinanza perfecta para comprender a sociedade: “Os títeres de cachaporra ensinan que no mundo hai malos, moitos malos; e iso é algo que os rapaces deben aprender”

“Os títeres de cachaporra ensinan que no mundo hai malos, moitos malos; e iso é algo que os rapaces deben aprender”

Manuel Dios, como docente e fundador do Seminario de Estudos pola Paz, concordou sobre esa visión sobre os títeres. “Nós, dende o Seminario, entendemos que unha das principais funcións da educación é desaprender as violencias e que o mellor antídoto contra as violencias son os afectos. A cachaporra representa un magnífico recurso didáctico para acadar ese obxectivo; representa a violencia que está na sociedade”, sinalou Dios, quen tamén insistiu en que a cachaporra naceu “para pegarlles os ricos, as autoridades e, en definitiva, para loitar contra a opresión. É un desafogo social que emprega unha violencia simbólica”. 

“Infantilizar a infancia”

Neste punto, Comba Campoy introduciu no debate un elemento clave que se está a vivir na sociedade actual que chegou a se converter nun argumento esgrimido para a persecución sufrida por Títeres desde Abajo durante a súa detención: a sobreprotección infantil. Lázaro, neste sentido, definiu este feito como “unha reinfantilización da infancia” e exemplificou as súas consecuencias para o mundo das artes en xeral e do títere en particular non só en polémicas como a que padeceu a súa compañía en febreiro, senón xa no propio día a día.

“Nós temos un espectáculo, El panadero y el diablo, que tentamos mover por centros educativos e atopámonos que nos poñen pegas porque o diaño é un personaxe controvertido. Entón, que fas? É dicir, deixas de representar o diaño? Se o fas, contribúes a convertelo nun tabú do que non se pode falar”, sinalou Lázaro.

Reconectar coa sociedade

"Cando nos levaron diante do xuíz, o primeiro que nos preguntou era se nós aforcabamos xuíces"

Finalmente Larraitz Urruzola encargouse de achegar unha clara conclusión sobre a necesidade de reconectar á sociedade coa sátira e os monifates. “É preciso recuperar a tradición dos títeres, xa que é unha parte do noso patrimonio que desapareceu da memoria colectiva”, sinalou Urruzola como unha vía imprescindible para recuperar o código da ficción e recuperar o sentido último da sátira e da cachaporra. Se cadra esa reconexión coa historia dos títeres, por moi necesaria que se presenta, non serviría para evitar que procesos penais como o vivido por Títeres desde Abajo se reproduzan novamente nunha sociedade adicta xa ao politicamente correcto; mais talvez si podería corrixir un descoñecemento preocupante.

“Como anécdota contarei que cando nos levaron diante do xuíz, o primeiro que nos preguntou era se nós aforcabamos xuíces. Nós explicámoslle que era unha cuestión da tradición dos títeres en toda Europa... O xuíz interrompeunos e só nos respondeu: 'Claro, que en toda Europa están a aforcar xuíces!”, recoñeceu Lázaro... A ignorancia, que crea monstros.

Un intre da mesa redonda celebrada en Titiriberia © Asociación Morreu o Demo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.