0 Gardados para despois

"Agora estamos noutro tipo de crise, na que o modelo do MARCO e de moitas outras institucións culturais non é sostible"

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


"Dende o MARCO levamos demasiado tempo traballando nunha situación moi complicada, cuns orzamentos ao límite do razoable para un centro das súas dimensións e características. Levo anos intentando manexar o rumbo e defendendo as súas funcións como centro de arte contemporánea, tratando de manter a calidade da programación e a independencia na xestión. A día de hoxe, penso que, tras once anos ao fronte do que foi un proxecto ilusionante, cumpriuse unha etapa e é necesaria unha renovación. Por iso, teño decidido non continuar unha vez finalice o meu contrato de Dirección en novembro de 2017". Iñaki Martínez Antelo anunciaba hai uns días a súa decisión de deixar a dirección do MARCO con palabras coma estas. Nesta entrevista afondamos nos seus motivos.

Nunha entrevista en Praza en 2012, pouco despois de renovar o seu cargo como director, dicíanos que naquel momento o reto era manter o MARCO aberto. A Xunta debíalle ao museo 160.000 euros e o Ministerio 127.000. O orzamento eran entón de un millón de euros, moito menos que o 1.600.000 do 2008. Que pasou para que decidise vostede dimitir agora, xa que esas dificultades xa viñan de atrás?

Antes de nada, debo precisar que non se trata dunha dimisión. Na pasada reunión de 13 de decembro comuniquei ao Padroado a miña intención de non continuar dirixindo o MARCO ao finalizar o meu contrato, que remata en novembro de 2017. O Padroado da Fundación MARCO está integrado por representantes do Concello de Vigo, da Xunta de Galicia e do Ministerio de Educación e Cultura. A miña responsabilidade co Museo levoume a avisalos coa debida antelación para que haxa tempo dabondo para poñer en marcha o proceso de selección dun novo director ou directora.

"Coñezo demasiado ben o tempo que poden tardar certos trámites por parte das administracións e como ás veces se deixa que algo esmoreza sen afrontar a situación"

Propuxen tamén un modelo de bases de convocatoria, que preparei segundo os manuais de boas prácticas, baseado nuns criterios que recomendan que o proceso sexa aberto, confidencial e cun xurado de persoas expertas que poidan valorar cal pode ser o mellor proxecto para o futuro do MARCO. Normalmente estes procesos son longos e ás veces complexos, e sei por experiencia o que supón para un museo ou para calquera institución cultural estar sen director ou sen programación prevista. Tamén coñezo demasiado ben o tempo que poden tardar certos trámites por parte das administracións, e como ás veces se deixa que algo esmoreza sen afrontar a situación. De momento, estas bases non foron aprobadas, á espera dunha nova reunión.

Aquela situación de 2012 da que falas foi dramática, dado que se nos comunicou cando xa rematara o exercicio. Ao coñecer que non iamos recibir as achegas comprometidas nos orzamentos, tivemos que cancelar proxectos que estaban en marcha, pospoñer ou prorrogar outros... A isto uniuse que a Deputación de Pontevedra tiña pendentes as achegas de tres anos, a antiga Caixanova deixou o Padroado sen facer efectiva a súa achega… Dende entón, a situación non fixo senón empeorar. Ata hai pouco aínda tiña esperanzas de que despois da crise se podería recuperar parte do orzamento recortado. Agora, coa crise económica aparentemente superada, estamos metidos noutro tipo de crise, na que o modelo do MARCO e de moitas outras institucións culturais non é sostible.

“Ata hai pouco aínda tiña esperanzas de que despois da crise se podería recuperar parte do orzamento recortado”

Se non decidín marchar antes era porque pensaba, e sigo pensándoo, que no MARCO se daban unhas condicións moi próximas ás ideais para que puidera funcionar; tan só era necesario un pequeno incremento orzamentario. O resto xa o tiñamos. Por unha banda, un estatus de organismo autónomo que permitía traballar con bastante liberdade no día a día e na xestión dos proxectos. Por suposto dando contas ao Padroado do MARCO —o órgano que ten que aprobar a programación, os orzamentos, as contas, cadro de persoal, etc.— e á auditoría externa que anualmente revisa a actividade económica de cada exercicio.

“Esta autonomía, tan reclamada por outras institucións, é en gran parte a que fixo posible que o MARCO aguantase estes anos tan difíciles”

Esta autonomía, tan reclamada por outras institucións, é en gran parte a que fixo posible que o MARCO aguantase estes anos tan difíciles, xa que permitiu certa flexibilidade nas asignación das partidas de gastos, por exemplo. Mais polo camiño tivemos que prescindir de moitas outras cousas que nos foron asfixiando pouco a pouco, como a case ausencia de publicacións, redución de programas educativos e outras medidas que afectaron ao organigrama de persoal e contratación de servizos externos.

Outro dos motivos da miña resistencia foi sen dúbida o equipo do museo, que aguantou comigo estes anos tan complicados. Penso que entre todos conseguimos, ou polo menos así o creo, que os visitantes e usuarios do MARCO percibisen o menos posible as dificultades para sacar adiante os proxectos. Cada persoa do equipo aumentou as súas responsabilidades ao mesmo tempo que vía reducida a súa nómina. Non podo máis que estarlles agradecido.

Comentou nunha entrevista que non tiña sentido que non houbese diálogo coa Deputación de Pontevedra, que en principio ía volver apoiar o museo. É este un dos motivos principais do recorte de orzamento? Que outras institucións deixaron de apoiar o MARCO na medida que este o precisaba? Como afectaron, ademais, ao MARCO as posibles diferenzas entre estas distintas institucións?

Esta cuestión deberíana responder dende a Deputación de Pontevedra. Eu non teño a súa valoración, xa que non conseguín fixar unha reunión para falar deste tema. A Deputación é membro fundador e formou parte do Padroado do MARCO dende o seu inicio en 2002, participando cunha achega estable de 150.000 euros anuais ata finais de 2011, cando comunicou que abandonaba o Padroado.

"Todo parecía indicar que cando a Deputación mudase ía voltar ao MARCO, pero finalmente non foi así"

Todo parecía indicar que cando a Deputación mudase ía voltar ao MARCO, pero finalmente non foi así. As outras administracións reduciron durante a crise as súas achegas e xa non se recuperaron. Gran parte da responsabilidade pode ser miña, xa que dalgún modo fixemos ver que se podía traballar así, cando todos sabemos que non é o mesmo. O desgaste foi brutal.

No comunicado no que anunciaba a súa marcha subliñaba a importancia da independencia da xestión e que o MARCO era un organismo autónomo e debía seguir séndoo. Houbo, nese sentido, intentos de inxerencia na xestión do MARCO que o animasen a tomar a decisión de marchar?

Non podemos ser ilusos; sempre hai inxerencias ou cando menos intentos de programar determinadas exposicións ou actividades que estarían afastadas dos propios estatutos da Fundación MARCO. Afortunadamente é ese mesmo Padroado quen ten que aprobar a programación. Agora que anunciei que non vou a continuar, podo confirmar que non houbo concesións neste sentido, e que sempre conseguimos manter a independencia cara á xestión e programación.

"Non podemos ser ilusos; sempre hai inxerencias ou cando menos intentos de programar determinadas exposicións ou actividades"

Outra das cousas que comentaba é que "entre os obxectivos dun centro como o MARCO non poden estar a especulación ou espectacularización da cultura, senón xerar coñecemento, patrimonio, formación, criterio e debate". Iso parece obvio pero, por que o di?

O MARCO foi creado cuns obxectivos e entre eles non está o de ceder as salas para exposicións ou eventos que nada teñen que ver coa cultura contemporánea. Os distintos públicos e usuarios son esixentes, teñen criterio e precisan estímulos. Isto non é incompatible con que cada certo tempo se revisen figuras ou movementos que admitan novas lecturas, pero sempre achegando novos enfoques e visións. Se non fora así, estariamos repetindo programacións xa feitas noutros espazos. A gran maioría das mostras feitas no MARCO nestes anos foron de produción propia, o que quere dicir concibidas e postas en marcha dende o museo.

"O MARCO foi creado cuns obxectivos e entre eles non está o de ceder as salas para exposicións ou eventos que nada teñen que ver coa cultura contemporánea"

Outra das cousas que dixo é que lle parecía que non fora quen de transmitir a importancia dunha institución como o MARCO, de xeito que lle parecía que era mellor que o relevasen."Levo anos intentando manexar o rumbo e defendendo as súas funcións como centro de arte contemporánea", di o comunicado. Por que pensa que vostede mesmo pode ser un obstáculo nese sentido?

Non creo, e dígoo moi sinceramente, que ninguén teña nada persoal contra min, pero si contra o modelo de xestión que sempre defendín. Por suposto que poderá chegar una nova persoa con forzas renovadas para convencer aos responsables da importancia que ten ou que pode ter o MARCO nunha nova etapa. Que consiga unha interlocución para falar de prioridades e de estratexias na busca de financiamento privado, por exemplo, apoiando iniciativas e propostas que non fomos quen de levar adiante e que poderían ter dado os seus froitos. E naturalmente que a renovación dos cargos é necesaria e positiva, ademais de saudable.

"Non creo, e dígoo moi sinceramente, que ninguén teña nada persoal contra min, pero si contra o modelo de xestión que sempre defendín"

"Ireime do MARCO coa conciencia tranquila por ter levado a cabo unha programación da que me sinto moi satisfeito, en condicións difíciles". De que aspectos da programación está especialmente orgulloso? E en concreto da inserción do MARCO no tecido social da cidade e do seu impacto no público? (Obradoiros didácticos, por exemplo…)

Once anos dan para moito, e son moi numerosos os artistas e comisarios que no MARCO tiveron a posibilidade de desenvolver o seu traballo dunha maneira profesionalizada, coas mellores condicións que lles podiamos ofrecer. Para alguén que está comezando e importantísimo participar nun proxecto nun lugar onde para empezar o teu traballo vai a ser respectado. Ao mesmo tempo, é unha experiencia moi valiosa para comprobar o funcionamento interno dun museo e o traballo en equipo: contratos de préstamo de obra, decisións sobre o valor de seguro, xestión da produción de obras, montaxe, correspondencia, elaboración dos materiais de comunicación e difusión...

Penso en mostras colectivas como Urbanitas ou Veraneantes, e en tantos proxectos individuais que colaboraron a dar visibilidade aos seus protagonistas e a crecer como artistas. Especialmente satisfactorios foron tamén os proxectos formulados como recuperación de figuras galegas de vangarda, con mostras que supuxeron un esforzo de investigación e catalogación, como no caso de Francisco Mantecón, Luis Seoane, ou a exposición de Virxilio Vieitez.

"Especialmente satisfactorios foron tamén os proxectos formulados como recuperación de figuras galegas de vangarda"

Paralelamente puidemos presentar traballos de autores fundamentais doutros contextos que aceptaron participar na nosa programación. Pensar que nestes anos pasaron polo MARCO —en moitos casos presentando obra específica— artistas como Thomas Hirschhorn, Gary Hill, Candida Höfer, Tino Sehgal, Andrea Fraser, Santiago Sierra, Martin Creed, Carlos Bunga, Maria Eichhorn, Tania Bruguera, Douglas Gordon, Teresa Margolles, Roman Ondák, David Lamelas, On Kawara, Massimo Bartolini, Patricia Esquivias, Grace Schwindt, La Ribot, Karmelo Bermejo, e tantos outros, pode dar unha idea do ambicioso do proxecto.

Dende o MARCO intentamos sempre convidar a comisarios de distintas procedencias para axudar a construílo entre todos. Entre eles, curadores galegos como Pedro de Llano, Pablo Fanego, Chus Martínez Domínguez, Angel Calvo, Juan Canela, Chus Martínez, Manuel Segade, Pablo Fidalgo, David Barro, Alberto Ruíz de Samaniego, Ángel Cerviño e Alberto González Alegre, Carlos Bernárdez, Juan de Nieves... Síntome moi satisfeito tamén do programa educativo, das propostas de cursos para adultos —cursos autofinanciados, que crean un vínculo co Museo e que se teñen convertido nunha referencia como instrumentos de divulgación e coñecemento en distintas áreas—; e do labor feito en formación a través dos programas de estudantes en prácticas e convenios con distintos organismos e universidades.

"Síntome moi satisfeito tamén do programa educativo, das propostas de cursos para adultos"

Algunha outra cousa que queira comentar? Ten xa algún outro proxecto profesional en mente para a partir de novembro?

De momento me quedan aínda uns meses no MARCO para deixar en marcha algúns proxectos especialmente ilusionantes, xa que levamos anos traballando neles. En xaneiro péchase o ciclo Problemáticas no Anexo, comisariado por Chus Martínez Domínguez, cunha intervención de Carolina Bonfim. A continuación comezará no Anexo unha proposta moi participativa, dirixida por Fran Quiroga e seleccionada a través dunha convocatoria aberta, que se chamará #SalóndoMARCO e que durará todo o ano 2017.

A finais de xaneiro presentaremos nas salas do 1º andar Alén dos xéneros, unha mostra colectiva con máis de 50 artistas, comisariada por Anxela Caramés, na que se revisarán por primeira vez comportamentos artísticos feministas e de xénero en Galicia dende os anos oitenta. Esta mostra coincidirá ata mediados de abril coa exposición Mulleres do silencio na planta baixa, o que suporá unha excelente ocasión para ver ao mesmo tempo dúas mostras que dalgún xeito, serán complementarias. Xa en abril presentaremos a primeira revisión da traxectoria de Ánxel Huete, nunha mostra comisariada por Agar Ledo.

E xa no mes de xuño, a mostra colectiva comisariada por Beatriz Alonso, gañadora da máis recente edición do Premio para Novos Comisarios, convocado unha vez máis en colaboración con FRAC Lorraine e SFKM de Forde, Noruega. Cara ao último cuadrimestre do ano, e coincidindo co 15º Aniversario do MARCO, temos a posibilidade de facer unha mostra en torno ao Pergamiño Vindel, cuxo préstamo por seis meses conseguiu a Universidade de Vigo, despois de anos de xestións. O Pergamiño sería o eixo condutor para unha lectura ou visión contemporánea. Lamentablemente, a estas alturas aínda non temos o orzamento mínimo confirmado para poder abordar un proxecto desta envergadura. Sería unha oportunidade perdida.

"Confío en que nestes meses se convoque a praza para elección do novo director ou directora"

Confío en que nestes meses se convoque a praza para elección do novo director ou directora, e que así que poida comezar a traballar na programación do 2018, na que el ou ela considere máis axeitada para o seu proxecto, para un centro coas características, fins e funcións do MARCO. Respecto ao meu futuro profesional, despois de tantos anos no MARCO aínda teño moito que reflexionar, pero de momento estou aquí para presentar os novos proxectos e intentar conseguir que o MARCO teña o apoio que merece.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.