A baixada das augas de Belesar volve deixar á vista o lendario Castro Candaz de Chantada

Vista do Castro Candaz tras a baixada das augas de Belesar © Concello de Chantada

Anos 60 do século pasado. O desarrollismo franquista estende os seus tentáculos e un deles póusase sobre a Ribeira Sacra. Cincuenta quilómetros de terras fértiles expropiadas como se fosen "de secano" e anegadas por Fuerzas Eléctricas del Noroeste S.A. (FENOSA) para darlle forza a un novo encoro, "orgullo de España", segundo o ditador Francisco Franco. Como relata o documental Asolagados (David Vázquez, 2014), aquel "experimento dun dos encoros máis grandes de Europa" levou por diante aldeas, pequenas explotacións gandeiras e boa parte do traballo pesqueiro desa zona do río Miño, pero tamén deixou baixo as augas o lendario Castro Candaz de Chantada, que emerxe de cando en vez, en épocas de escaseza de chuvias como a actual.

Galicia vive un período especialmente seco, tanto que a Xunta xa vén de activar a prealerta por posible seca. As consecuencias deste anormal panorama meteorolóxica son maioritariamente negativas, pero tamén ten unha repercusión fermosa: dende hai semanas o Castro Candaz volve ser visible. Non é, nin de lonxe, a primeira vez que sucede. Pero si é unha ocasión excelente para repasar a súa historia mítica para un emprazamento que, lémbrase dende o Concello chantadino, foi chave xa dende a época romana, e así o consideraron tamén "reis e familias nobres da comarca" que pousaron a súa ollada sobre este emprazamento da parroquia de Santa Baia de Pedrafita.

Nos anos 60 o encoro de Belesar anegou cincuenta quilómetros de aldeas e fértiles terras

A península do Castro Candaz é singular pola súa propia forma e ubicación: un monte cónico de formas regulares na confluencia de tres ríos. Trátase, daquela, dunha caste de fortaleza natural que xa foi aproveitada polos invasores romanos para "defenderse das acometidas" da poboación local. Foi tamén, lembra o Concello, "solar da nobre liñaxe dos Cambero que, segundo relata unha antiga tradición, foron proxenitores das afamadas liñaxes dos Camba e dos Taboada". 

As lendas xurdidas en torno a este Castro debullounas polo miúdo o profesor e investigador Manuel Gago no seu blog Capítulo Cero no outono de 2010, unha das ocasións en que as augas de Belesar baixaron o suficiente. "Todas as familias guerreiras" da contorna, lembra Gago, quixeron vincular a súa historia á do Castro Candaz, e así o deixaron por escrito durante os séculos XVII e XVIII. Tratábase, detalla, de aproveitar unhas míticas ruínas para "acreditar a vella nobreza do sangue" e de loitas contra o invasor.

"Todas as familias nobres" da contorna quixeron vincular as súas liñaxes a heroicas batallas libradas no Castro Candaz

As indagacións de Gago en fontes históricas como as custodiadas na Biblioteca Nacional de Madrid revelan, segundo relata no seu post de 2010, como os Camba identificaron como fundador do Castro a un cónsul romano, Lucio Cambero, que acabaría loitando contra as lexións imperiais do lado dos "montañeses de Galicia". A estas crónicas engádense outras como a elaborada, xa no século XX, por un mestre da zona, Manuel Formoso Lamas, nos seus Apuntes para la historia de Chantada. Segundo o relato lendario recompilado polo mestre as familias nobres da zona resistiron no Castro Candaz as invasións normandas, se ben nun novo ataque os vikingos acabaríanse "facendo co control destas terras".

As historias dos Condes de Taboada, do rei Ramiro I, das invasións vikingas e das presenzas romanas ecoan de novo nestas semanas nas pedras asolagadas polo encoro de FENOSA, un daqueles pantanos que Franco tanto gustaba de inaugurar. É, daquela, un bo momento para achegarse á Ribeira Sacra, contemplar o Castro e comprobar se, como contan as lendas, entre os restos do que foi fortaleza e castelo quedan aínda "fabulosos tesouros" por descubrir.

As augas do encoro adoitan cubrir o lendario Castro Candaz © Concello de Chantada

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.