0 Gardados para despois

Marilar Aleixandre ingresa na RAG cun chamado a "termar da paisaxe"

Redacción | @prazapublica

Documentos relacionados

Fusión entre letras e ciencias e reivindicación feminista no ingreso da nova integrante da Real Academia Galega. Marilar Aleixandre asumiu este sábado a súa cadeira na RAG, a que estaba baleira dende o pasamento de Xosé Neira Vilas, cun dircurso que condensa boa parte dos trazos que definen a súa obra: a natureza, a reivindicación da xustiza social e da igualdade de xénero e, xunto a todas elas, do idioma galego. Todos eles son elementos para "termar da paisaxe".

A escritora, bióloga e catedrática de Didáctica de Ciencias Experimentais pronunciou no paraninfo da Universidade de Santiago un discurso que bebe da "rebeldía" que, di, xa proclamara Neira Vilas nas súas Memorias dun neno labrego. Ela, explica, aspira a representar co seu traballo na RAG ás "voces silenciadas" como as das sindicalistas reprimidas polo franquismo, as tecedoras da "paisaxe invisíbel que tamén forma parte do país", unha "paisaxe soñada" que convida a "termar da memoria, termar dos nomes, exercer a resistencia".

Quen agora chega ao plenario da Academia é alguén, advirte, que pertence "á estirpe das literatas", como reivindicou Rosalía de Castro. "De Rosalía e de Emilia Pardo Bazán herdo o feminismo, a convicción de que as mulleres podemos acadar todo". Esa, lembra, foi a idea tamén "expresada poeticamente no discurso de ingreso de Xohana Torres, Eu tamén navegar, e nos seus poemas". No entanto, resaltou, a RAG é tamén, polo momento, unha mostra de que "as institucións do noso país están demorando en recoñecer as mulleres" o seu exercicio como "intelectuais".

No inicio do Ano Casares, "de quen admiro a solidez narrativa, a engaiolante conversa e o seu interese por articular ciencias e letras na cultura galega", Marilar Aleixandre reflexiona sobre a paisaxe a partir de "dúas voces que ceompiten en min", a razón e a emoción, as ciencias e as letras, a observadora e o observado. Versos rosalianos, pero tamén de autoras novas como María Lado ou María do Cebreiro, servíronlle á académica para percorrer paisaxes simbólicas e tamén reais, como "os cantís do Pindo, os montes do Porriño tratados para extraer granito" ou os espazos arqueolóxicos "en risco" como a Cova Eirós de Triacastela.

"As institucións do noso país están demorando en recoñecer as mulleres como intelectuais"

Lugares, feitos e tamén nomes, de persoas e de lugares, a toponimia e microtoponimia que, subliñou no discurso, está tamén en risco, pero arrodeada da "esperanza" de quen a estudan e protexen. O mesmo sucede co idioma en xeral: "Debemos aprender a resistencia", a mesma que, asegura, "amosa a lingua galega nas rúas, pois hai xente nova termando dela", da paisaxe lingüística. 

Marilar Aleixandre culmina o seu chamado a termar da paisaxe deténdose novamente na cuestión de xénero. As mulleres, lamenta, foron demasiado tempo reducidas a "meros obxectos de estereotipos", mostra disto é que houbo que agardar, por exemplo, ata a década dos 80 do século pasado para que fose subliñada "a relevancia política da obra rosaliá". "As poetas galegas -asegura- son conscientes das nosas paisaxes estaren ameazadas, vencellando explicitamente en moitos casos a degradación da natureza coa opresión das mulleres, a defensa da natureza co feminismo".

A nova membro da RAG foi recibida na institución polo discurso de resposta pronunciado por Fina Casalderrey. Coa incorporación de Aleixandre, afirmou, "refórzase a potencia intelectual da Academia como grupo". "Marilar chega á Academia con cestos ateigados de ideas, de palabras descareiradas coas que nomear os animais e as plantas todas, dende as que se refiren aos seres máis aparentemente insignificantes" ata "os que asoman por primeira vez". "Son palabras que traerá escollidas, limpas" e "talvez, silenciadas ou discriminadas" e que "como bióloga e literata atenta a poñerlle nome a todo o que respira, esixa rescatarmos", engade.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.