0 Gardados para despois

"Manuel Antonio foi un espírito moi rexo, só quería depender do seu propio albedrío e criterio"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Hai unhas semanas Alvarellos Editora e o Consorcio de Santiago publicaron unha edición facsimilar de De catro a catro, o único poemario de Manuel Antonio en vida. A edición, a cargo do catedrático de Filoloxía da USC Anxo Tarrío Varela, respecta mesmo o formato orixinal de caderno de contas con tapa dura na que o poeta escribiu a man os textos que o compoñen, un caderno que sempre o acompañaba. Os seus 19 poemas foron escritos polo rianxeiro nos anos 1926 e 1927 mentres estivo embarcado no pailebote Constantino Candeira, que navegaba polas augas do Mediterráneo

No momento da súa presentación, Alvarellos salientou que se trataba "dun dos manuscritos inéditos máis agardados da literatura galega". A publicación inclúe a transcrición do texto coa identificación das súas variantes sobre a edición que Ánxel Casal publicou en Edicións Nós en 1928, e a reprodución de varias fotografías e ilustracións moi pouco divulgadas ata hoxe. Falamos con Anxo Tarrío sobre a propia edición e polo lugar que ocupa Manuel Antonio e a súa poesía na historia da literatura galega.

"É sorprendente que, vivindo en aldeas, como eran Asados, Rianxo ou Padrón naquela altura, puidese Manuel Antonio reunir unha biblioteca non pequena e ben seleccionada como se descubriu ao morrer"

Como é o contexto persoal no que Manuel Antonio escribe a obra?

En política, o poeta proclamábase anarco-nacionalista e estaba moi próximo á Asemblea nacionalista que encabezaba Antón Vilar Ponte. Por outra parte, mantiña unha aversión ao caciquismo hexemónico e institucional conservador de España, ao carlismo e a xermanofilia. Tivo relacións estreitas cos amigos de Rianxo, como Rafael Dieste, quen, malia non se aliñar naquela organización nacionalista, mantivo unha estreita amizade con activistas, políticos, escritores e artistas da pintura galega, da que salientou como divulgador e fixo obxecto temático e articulador da súa peza teatral A fiestra valdeira (1926). Manuel Antonio, neste sentido, mantivo estreita comunicación e familiaridade con el. Tamén con Castelao, Carlos Maside, Álvaro Cebreiro e algúns máis dos renovadores da arte pictórica da etapa que denominamos Época Nós (1920-1936). Por outra parte, dende mozo, estivo atento ás evolucións da literatura das vangardas, neste sentido, é sorprendente que, vivindo en aldeas, como eran Asados, Rianxo ou Padrón naquela altura, puidese Manuel Antonio reunir unha biblioteca non pequena e ben seleccionada como se descubriu ao morrer en 1930 aos vinte e nove anos.

"Unha das características desta edición facsimilar é o respecto pola cuberta e polo formato orixinal, pois, de outra forma, non  respondería á condición de facsimilar que denominamos"

Que elementos tivo en conta á hora de realizar esta edición? Que variantes se introducen con respecto a outras edicións?

A máis importante é propiamente o feito de acceder eu ao orixinal do manuscrito, que non figura citado nas edicións posteriores á de 1928 da editorial Nós, da Coruña, agás a de Domingo García-Sabell, que foi o propietario del, do manuscrito. Unha das características desta edición facsimilar é o respecto pola cuberta e polo formato orixinal, pois, doutra forma, non respondería á condición de facsimilar que denominamos.

Cal é a historia dese caderno? Manuel Antonio levábao sempre con el? Cal foi o percorrido posterior do caderno orixinal?

Como xa digo, propuxémonos atender ao concepto de facsímile, polo que non puidemos menos que respectar o soporte tal como nos chegou ás nosas mans. Sospeitamos, efectivamente, que o caderno sempre estaría moi cerca do poeta ata que morreu, cando a súa nai o atopou entre os papeis do fillo e agasallou con el ao doutor Domingo García-Sabell, que a atendera a ela nas súas doenzas. Polo cotexo coa primeira edición de 1928, podemos aseverar que Ánxel Casal, o editor, seguiu escrupulosamente, ao pé da letra, ás indicacións que Manuel Antonio apuntou a lápis no orixinal.

"Polo cotexo coa primeira edición de 1928, podemos aseverar que Ánxel Casal, o editor, seguiu escrupulosamente, ao pé da letra, ás indicacións que Manuel Antonio apuntou a lápis no orixinal"

Como valora a influencia doutros autores e das lecturas do poeta na obra?

Manuel Antonio foi un espírito moi rexo, no que se refire a non querer depender de ninguén que non fose o seu propio albedrío e criterio. Neste sentido, no se apreza ningunha influencia directa que tomase como pauta a seguir, a non ser a norma que defendeu de sempre: o respecto á orixinalidade, que sempre presidiu o seu quefacer poético, libre de xustillos, e o respecto ao ritmo e rima que lle imprimía aos seus poemas. Fuxía dos consonantes en –iño, -iña, como deixou escrito nun texto en prosa titulado “Fatigémos-nos”. Desprezaba as poéticas decimononicas, sobre todo as manidas manifestación do romanticismo ruralista e eglóxico que abondaban noutros poetas. 

"Desprezaba as poéticas decimononicas, sobre todo as manidas manifestación do romanticismo ruralista e eglóxico que abondaban noutros poetas"

É moi elocuente o epistolario que podemos ler dende o ano 1979, da man de Domingo García-Sabell, reunido coas cartas que lle dirixiu aos amigos. Alí, moi a miúdo, mostra o seu talante individualista, sen renuncias, mesmo intransixente, polo que atinxe ao fondo amor pola Terra (“a idolatría da Terra”, como dixo nunha carta sobre Galicia) e pola liberdade. Pero non se trata dun amor de contemplación, senón crítico coas interpretacións manidas, sentimentais e románticas, sen renunciar totalmente a elas, como se pode detectar nalgún momento en De catro a catro, como o último poema, titulado “Adeus”, cargado de nostalxia e sentimento da perda que quedaba atrás no barco no momento de pisar el terra na “vila natal”. Fixo propios algúns pensamentos de Castelao, cando lle escribía a el en carta, datada en Rianxo en 1922, onde lle dicía: “cómpre ser primarios ou primitivos da nova Arte, que debe nascer da Gracia e da Beleza. No folklore é onde debemos deprender, pois alí é onde a nosa tradición quedou cortada”.

Como era a relación do poeta cos autores da literatura galega coetáneos, sobre todo cos da súa xeración?

O seu xenio e soberbia non casaba con ninguén que lle fixese algo de sombra, malia ter recoñecido algúns talentos da época, pero non abondan os exemplos de gabanza deles, hai que procuralos indirectamente en escritos seus elaborados en prosa ou nas cartas que chegaron até nós. Gustaba dos paradigmas emerxentes da cultura europea, como o creacionismo ou o futurismo. Pero non comprendeu o cubismo e non vexo pegadas do dadaísmo. Aprézase nel o gusto das imaxes do creacionismo do chileno Huidobro e dos caligramas propios de poetas coma o francés Apollinaire e mesmo algún trazo das greguerías de Gómez de la Serna.

"O seu xenio e soberbia non casaba con ninguén que lle fixese algo de sombra, malia ter recoñecido algúns talentos da época, pero non abundan os exemplos de gabanza deles"

Que é o que fai que siga sendo tan actual, tan atractivo para a mocidade?

Manuel Antonio é un poeta co que enganchan moi doadamente as novas xeracións, os novos lectores, dende a adolescencia. Polo seu talante rupturista coa poesía feita até entón e a orixinalísima textura literaria do rianxeiro, atento sempre aos achados de todo tempo e das vangardas das primeiras décadas do século XX. Por exemplo, citaba a Walt Whitman, Mallarmé ou Borges e entendía os seus poemas ou prosas.

"Os orixinais, como o de Manuel Antonio, fornécenos a ocasión de achegarnos á metodoloxía de traballo dos poetas e literatos, en xeral"

Hai algún outro manuscrito inédito da literatura galega que cre que sería interesante editar dun xeito semellante?

Sospeito que debe haber moitos inéditos que se descubrirán co labor de investigación en arquivos e bibliotecas públicas e privadas, que poderían recuperarse e editar. Os orixinais, como o de Manuel Antonio, fornécennos a ocasión de achegarnos á metodoloxía de traballo dos poetas e literatos en xeral. Así, por exemplo, algún de Álvaro Cunqueiro sería interesantísimo exhumalo.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.