0 Gardados para despois

“Voaxa e Carmín busca liberar a Coralia e Maruxa da estatua e a postal”

Alberto RamosAlberto Ramos | @alberto_ramos


É un texto que nace da memoria histórica, así como da necesidade de recuperar a Coralia e Maruxa Fandiño Ricart. Cómpre lembralas non como As dúas Marías, senón polo seu nome, dende a súa identidade. En definitiva, a peza pretende liberalas da estatua da Alameda de Compostela e da postal”. Con estas palabras, a dramaturga Esther Carrodeguas resume a súa obra Voaxa e Carmín, gañadora do Premio Abrente 2015, que ButacaZero -en coprodución con Eme2 e a MIT de Ribadavia- está a levar á escena baixo a dirección de Xavier Castiñeira e a interpretación de Mabel Rivera e Belén Constenla.

As dúas actrices, que recibiron o Premio de Honra da MIT de Ribadavia en 2016, métense na pel das irmáns Fandiño, enfúndase as vestimentas de colorinchos e cóbrense coa recargada máscara de maquillaxe. Todo para darlles vidas a dúas mulleres que contan cunha dupla historia vital. A primeira pertence ao mundo da apariencia e das lendas que habitan na cidade. Resúmese no saír á rúa ás dúas en punto para esperar os estudantes, nas teimas, na extravagancia, nas mofas da xente e na estampa choqueira. Logo, por baixo, no substrato, áchase o outro relato, o silenciado e agochado, o escrito coas letras da represión, da persecución, do abandono. Todo nunha cidade escura de posguerra que lles deu ás costas pola relación da familia Fandiño cos movementos anarquistas. Aí xorde Voaxa e Carmín. “Moita xente descoñece esa historia e grazas a un texto coma este pódense achegar a coñecer realmente a vida de Coralia e Maruxa” sinala Carrodeguas.

Esther Carrodeguas: "Todas as noticias referíanse a elas como As dúas Marías, arrebatáronlles o que lles quedaba: a identidade"

A autora pretendeu así por unha banda dar a coñecer a historia real das irmáns Fandiño e, ademais, devolverlles unha dimensión humana e real, lonxe da imaxe de postal e máis próxima á verdade destas mulleres. Esa era unha dos propósitos que moveu a escrita. “Cando comecei escribir a obra, quizais o que máis me impresionou era a conclusión que sacou na súa tese de doutoramento sobre as irmáns Fandiño que asinou Áurea Sánchez, que analizou o tratamento da prensa ao longo dos anos de Coralia e Maruxa. En todas as noticias do xornais, referíanse a elas como As Marías ou As dúas Marías. Dese xeito, quitáronlles o nome, arrebatáronlles o último que probablemente lles quedaba: a identidade”, sinala Carrodeguas, antes de subliñar que a Coralia e a Maruxa “baleiráronas tanto que se converteron simplemente nas marías, en mulleres silenciadas; sentín a obriga de escribir de poñerlles o nome e os seus apelidos. Por que? Por que así volven ser persoas, non as bonecas dos que se mofaron todos”.

A poesía do texto

Unhas das características de Voaxa e Carmín reside na proposta dramatúrxica de Esther Carrodeguas. No seu texto, envolve os dous personaxes dunha sorte de verba poética. “Eu non son poeta, son dramaturga. Si é certo que emprego unha escrita poética e que, neste caso, foi o camiño que atopei, xa que considero que a Maruxa e Coralia cómprelles poesía, para poder contar a súa historia e para ir máis alá”, sinala Carrodeguas.

Para Mabel Rivera, que interpreta a Coralia,  o emprego dese xeito poético é, ademais dunha das grandes dificultades para o traballo das actrices, un  acerto expresivo para conducir e contar a historia das dúas irmáns. “A forma que ten o texto preséntanos así unha canle que sirve para expresar o mundo obsesivo e pechado que viviron estas dúas mulleres”, explica Rivera, quen recoñece que a primeira vez que leu este “texto vertical coa súa estrutura, a súas reiteracións, os seus recursos” xurdíronlle grandes dúbidas. “É un texto fermoso, pero pregunteime: Como se pode levar isto a escena? Por sorte, o noso director, Xavier Castiñeira, tiña clarísimo como levalo a cabo”, afirma Mabel Rivera.

Mabel Rivera: "Estes proxectos son os que dan sentido ao traballo de actriz"

Para Rivera, esta dificultade foi un aliciente para aceptar o proxecto e volver ao teatro tras sete anos sen subir ao escenario. Non obstante, había outro motivo que, talvez era o máis importante, á hora de embarcarse en Voaxa e carmín. “Este é o tipo de traballo que me interesa. Un traballo que pasa por contar historias de compromiso e denuncia. Para min, o teatro debe darlle á sociedade cousas que se lle negaron. No caso desta obra, dáselle a historia de dúas mulleres conmovedoras e axúdase a dignificar as súas vidas por riba desa choqueira aparencia. Paréceme incrible que esta historia estivese aínda sen contar no teatro”, reflexiona Rivera, que insiste en que este tipo de proxectos son “os que dan sentido ao traballo de actriz”.

O paraíso perdido

Mabel Rivera e Belén Constenla, interpretando as irmás Maruxa e Coralia Fandiño Ricart

Voaxa e Carmín conta unicamente con dúas actrices sobre o escenario. Rivera interpreta, pola súa banda, a Coralia, a irmá máis nova e talvez por iso a soñadora e a que sente máis necesidade de conectar co mundo, coa xente e saír da burbulla na que se viron obrigadas a se refuxiar. Pola súa banda, Belén Constenla métese na pel de Maruxa, a maior das dúas, a severa, a estrita, a sobreprotectora. Malia seren diferentes, ambas as dúas comparten un mesmo mundo pechado e teñen en común dous trazos esenciais. O primeiro, o medo a un mundo, o seu, que lles é hostil. O segundo, a forma de enfrontarse a ese medo. “Elas ofrecían unha máscara, saían a rúa disfrazadas,  todo aparencia para non dar a coñecer o que pasaba na súa casa”, sinala Rivera, referíndose á persecución franquista que padeceron.

“Elas ofrecían unha máscara, saían a rúa disfrazadas,  todo aparencia para non dar a coñecer o que pasaba na súa casa”

Toda esa violencia da persecución cóase no texto, nas palabras de Coralia e Maruxa que lembran como era a súa vida antes de todo, antes de saír sempre ás dúas en punto e recibir as mofas dos estudantes. “Durante a obra, as dúas irmáns falan de persoas do seu pasado que xa non están. Falan, por exemplo de Sarita, a irmá pequena que morreu moi nova e da que din directamente: “non tivo que vivir o que nós vivimos”. E tamén de Manuel, o seu irmán que ocupaba un cargo na CNT, o irmán perseguido e ao que ían a buscar polas noites, cando entraban na casa de Coralia e Maruxa e as sometían a diferentes vexacións”, explica Mabel Rivera, antes de engadir que as dúas irmáns Fandiño quedaron ancoradas no pasado, nunha sorte do paraíso perdido da mocidade. “Elas falan moito do pasado, antes de que lles caera o mundo enriba. Volven aos tempos das festas, dos paseos, da Alameda, de comprar o Sansón na tenda... Idealizan ese mundo e quedan perdidos nel”, afonda Rivera.

Compostela como personaxe

O elenco, formado por Mabel Rivera e Belén Constenla, complétase cunha presenza maiúscula que está fóra de escena: Compostela. A cidade cobra vida ao redor destas dúas personaxes grazas ao lenzo audiovisual ideado polo director, Xavier Castiñeira, e convértese nun piar fundamental da obra, case nunha personaxe máis da peza por dous motivos. Primeiro, porque é a paisaxe natural de Coralia e Maruxa, que paseaban pola Alameda, pola Praza do Toural ou pola Rúa das Orfas. Pola outra banda, porque á cidade ao completo tivo moito que ver coa vida que levaron. “Na vida das irmás Fandiño, había dúas Compostela. Estaba a gran parte da cidade, que se puxo na súa contra, que lles xirou a cara, que construíu un tecido de crueldade social ao seu redor. E logo estaba a rede de solidariedade, a xente que as axudaba”, afirma Esther Carrodeguas. 

"Na vida das irmás Fandiño había dúas Compostela: A cidade que teceu crueldade ao seu redor e a rede de solidariedade, a xente que as axudaba"

Nesa mesma liña, Rivera subliña a importancia de Compostela neste texto. “Para min, a cidade fixo delas mulleres desposuídas, ficaron soas e totalmente abandonadas. Ante iso, as dúas mulleres, conscientes da súa soidade, buscaban protexerse e considero que conseguiron conservar a súa dignidade, aínda que puidera parecer o contrario, aínda que as mofas foron constantes e aínda que para moitos a súa historia de represión non existía e esas dúas mulleres só eran simplemente dúas aparicións que saín da néboa de Compostela con todas as súas cores ás dúas en punto”, sentenza Rivera.

Precisamente, neste mes de febreiro, Voaxa e Carmín chegará ao Teatro Principal de Santiago. Celebraranse catro funcións os días 8, 9, 10 e 11 de febreiro, nunha xira de inverno que tamén inclúe Ourense (3 de febreiro) e Vigo (24 de febreiro). Para todos os participantes neste proxecto, é un todo un desafío chegar a Compostela. “Ten un significado especial. Para nós é apetecible ver como funciona en Santiago e ver como é recibida no lugar onde esta historia gaña todo o seu sentido”, conclúe Rivera para referirse a unha historia que, como todas as historias que pagan a pena, parten do máis próximo para ascender a ese pequeno recuncho de encontro que é o universal.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.