0 Gardados para despois

Fomento dá o visto e prace: Lavacolla pasa a chamarse aeroporto Rosalía de Castro

Redacción | @prazapublica

O aeroporto de Santiago chamarase, finalmente, Aeroporto internacional Rosalía de Castro – Santiago de Compostela – Lavacolla. O ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, confirmoulle a Feijóo que acepta a petición de cambio de denominación das instalacións logo do importante apoio que a proposta do Concello de Santiago tivo entre amplos sectores sociais da capital e de toda Galicia. 

De la Serna comunícalle a Feijóo que iniciará os trámites para a mudanza á espera do visto e prace de AENA

De la Serna comunicoulle a Feijóo que porá en marcha agora o procedemento administrativo para mudar o nome a través unha orde ministerial. Con todo, a última palabra terana as autoridades internacionais en aviación civil. 

Foron todos os grupos con representación municipal en Santiago (CA, PP, PSdeG-PSOE e BNG) os que apoiaron a declaración institucional impulsada por Compostela Aberta para pedir que o aeroporto da cidade pasase a levar o nome da escritora galega. A decisión, tras o visto e prace de Fomento, debe ser adoptada agora por AENA. Nos últimos anos, ambos organismos aprobaron os nomes de Adolfo Suárez e Seve Ballesteros para os aeródromos de Madrid e Santander.

A moción, que propuxo o cambio do nome conta co apoio da Real Academia Galega, da Fundación Rosalía de Castro e do Consello da Cultura Galega e recibiu tamén o de Feijóo durante a súa visita a Fitur. O obxectivo é que o cambio de denominación se produza o 24 de febreiro, Día de Rosalía, nun ano no que ademais se conmemora o 180º aniversario do seu nacemento.

Rosalía 'voará' coa compañía Norwegian

Coincidindo coa nova sobre a cambio do nome no aeroporto, a compañía aérea Norwegian,  unha das low-cost máis importantes de Europa, anunciou este mércores que un dos seus avións estará dedicado a Rosalía de Castro, polo que a súa figura lucirá nel como homenaxe "á escritoria e matriarca das letras galegas". 

O avión, que será presentado este mesmo mércores, é un novo Boeing 737-800, de 186 prazas e a faciana de Rosalía lucirá na súa cola. A montaxe da imaxe levarase a cabo no hangar da compañía en Oslo durante o mes de marzo. A figura da autora galega únese ás doutros escritores que adornan as aeronaves como Cervantes ou Gloria Fuertes, ou á sufraxista Clara Campoamor. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.